Noticias
En “Todo vai ben” os Zënzar mesturan o rock coa denuncia social
Xénero: VINCULO + AUDIO
| 2 / 6 / 2001 +O grupo Zënzar achéganos desde Meirama o seu segundo disco, "Todo vai ben". Detrás dunha espectacular portada debuxada por Javi Prieto atopamos trece temas ben tocados e cantados integramente en galego nos que a enerxía máis pura mestúrase co lirismo e coa denuncia social. Os Zënzar continúan co seu estilo: ritmos rápidos con guitarras contundentes conforman o groso do disco. As letras, agudas e críticas, conforman unha paisaxe na que a carraxe e a ironía son as armas contra o caciquismo, contra a destrución do medio, contra o poder e a hipocrisía. O disco gravouse nos estudios "Nuevos fusión" de Javier Abreu en Nigrán entre decembro do ano 2000 e febreiro deste ano, e foi producido integramente polo propio grupo. A pesar de que o rock duro é o ritmo dominante no disco, atopamos dous temas nos que o grupo se abre a outros ritmos con colaboracións de luxo. Xan dos Papaqueixos achega a súa gaita a "Todos me queren", adaptación dun tema popular. Pola súa banda, Rómulo Sanjurjo, dos Diplomáticos, toca o acordeón en "A banda do coche encarnado", un narco-corrido achegado á realidade galega.
"Se o boom da música tradicional fose auténtico habería máis grupos que se terían profesionalizado"
Xénero:
| 1 / 6 / 2001Ugía Pedreira está a consolidarse coma unha referencia indiscutible na música folk e tradicional galega. Tanto desde os escenarios, onde co grupo Chouteira revolucionou o xeito de tocar folc, coma desde a dirección do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, que vai polo seu segundo ano de andaina. Desde este conservatorio colaborou na organización do I Congreso de Antropoloxía Musical que se celebrou na capital do Deza. Considerada como unha das mellores vocalistas do panorama galego, demostra nesta entrevista que ademais de voz posúe unha grande capacidade de análise sobre a situación da música tradicional e explícanos como se desenvolveu o congreso.
As pandeireteiras Anubía presentan o seu primeiro disco "Segredo a voces"
Xénero: IMAXES + AUDIO
| 21 / 5 / 2001 +Anubía é un grupo formado por seis pandeireteiras que na puberdade xuntáronse a cantar dentro da Agrupación Folklórica Cantigas e Agarimos e que comezaron a súa experiencia en gravacións participando en 1996 co grupo Berrogüetto no álbum Navicularia. Co seu primeiro traballo discográfico "Segredo a voces" (Boa Music, 2001) Eva Blanco, Maite Castro, Ana Blanco, Teresa Triáns, Patricia Blanco e Isabel Vilaseco amosan o seu dominio das cordas vocais. Nos doce temas que se recollen no disco as polifonías vocais quedan equilibradas entre elas e cos instrumentos grazas a un bo traballo de produción da man de Pancho Álvarez, membro da banda de Carlos Núñez. Nesta ducia de temas do disco atopamos influencias ben asimiladas de ritmos árabes ou melodías pop que enriquecen e achegan orixinalidade. Sen dúbida que as achegas de catro dos membros de Berrogüetto á gravación do álbum contribúe a dotar ó son dunha calidade excepcional.
O primeiro Congreso de Antropoloxía Musical Galega aborda a función da música na sociedade tradicional e na construcción dunha cultura diferenciada
Xénero:
| 18 / 5 / 2001Se hai moitos xeitos de tocar música, en Lalín tócase dunha maneira moi peculiar esta fin de semana. O encontro de antropoloxía musical organizado polo Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, comprende conferencias, coloquios, exposicións e, por suposto, concertos.
A Orquestra Sinfónica de Galicia gaña un Goya pola banda sonora do filme "Sei quen es"
Xénero:
| 16 / 4 / 2001A produción galega "Sei quen es", dirixida por Patricia Ferreira acadou un Goya á mellor banda sonora o pasado sábado tres de febreiro. Detrás da banda sonora desta produción houbo un esmerado traballo de coordinación entre directora do filme e o músico, José Nieto, un profesional de recoñecido prestixio, que xa acadara varios Goya pola música de películas coma "El bosque animado", "El rei pasmado" ou "El maestro de esgrima". Xuntos desenvolveron un traballo de visionado e un intenso proceso de discusión coa intención de definir perfectamente a sensación que a música debía transmitir en cada escena. A idea básica que vertebra todas as pezas musicais partiu dunha escena da película, aquela na que o protagonista, que sufre amnesia recupera momentaneamente a súa memoria. A partir deste intre concreto desenvolvéronse vinte e unha pezas musicais que xiran arredor duns personaxes que tentan esquecer o seu pasado para fuxir do destino. As pezas foron gravadas pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección do propio José Nieto, no Auditorio da Coruña.
O selo independente Lixo Urbano saca o segundo disco dedicado a bandas punk rock galegas e estranxeiras
Xénero: AUDIO
| 15 / 3 / 2001 +Desde debaixo da terra, as bandas independentes máis ruidosas atópanse reunidas no segundo recompilatorio do selo musical Lixo Urbano Ediçons: "Killer Lixo vol.II -O retorno do Lixo Assassino". Punk-rock en galego, español e inglés feitos por bandas de todos os recantos do mundo. Desde os composteláns Fame Neghra aos finlandeses The Flaming Sideburns, pasando por vascos, cataláns ou madrileños. Esta variedade supón unha internacionalización do traballo desta casa, que xa sacara un volume de Killer Lixo "o primeiro recompilatorio galego de punk-rock" só con grupos galegos. Aquí presentan unha mostra da presenza galega neste recompilatorio. Desde Compostela os Samesugas ou o xa desaparecido Fame Neghra; desde Vigo unha formación con historia, Foggy Mental Breakdown, e desde Coruña chega Mistakens. Outra banda coruñesa que comeza a soar "Thee virus" aportou a este recompilatorio "Como un animal". Rematamos cunha versión dun clásico do xénero, "Those boots are made for walking", a cargo do novo grupo Japón 84, no que participan algúns ex-membros de Fame Neghra.
Do Cumio edita un duplo CD co concerto de homenaxe a José Afonso en Castrelos no 1985
Xénero: AUDIO
| 1 / 12 / 2000 +"Galiza a José Afonso" (Edicións do Cumio, 2000) é un duplo CD que constitúe, ademais de o seu innegable valor musical, todo un documento sonoro dun momento histórico: o concerto que reuniu en agosto de 1985 a amigos e admiradores do cantautor portugués durante máis de doce horas no Parque de Castrelos, en Vigo. Unha auténtica maratón musical e cultural na que poetas, músicos e escritores homenaxearon a Zeca Afonso, que naquel momento estaba loitando contra a doenza que o consumía. O concerto, que tiña entre os seus obxectivos reunir diñeiro para axudar o Zeca no grave momento que vivía, foi quizais o máis semellante ó Woodstock americano, que houbo nestas terras. Así, saltaron ó escenario: poetas para recitar algúns dos temas e ideas que el defendía, amigos que lle dedicaron unhas palabras, músicos para recrear ó propio Zeca e pechando a homenaxe o grupo de maior resonancia musical da época, Fuxan os Ventos.
Sae á rúa o segundo disco de Nen@s da Revolta
Xénero: AUDIO
| 20 / 11 / 2000 +"As vozes roubadas" (Boa Music, 2000) é o segundo disco desta formación saída no ano 93 de entre as iniciativas musicais que xurdiron do Centro Social Ocupado Ruela de Vigo. Letras comprometidas e con aire de disidencia, expresión de posturas culturais, sociais e políticas. Música de mestizaxe e experimentación sonora. Hip-hop, reggae, ska, rumba, raggamuffin... Integrando no discurso sonoro as pandeiretas e gaitas cos teclados e os samplers. Unha proposta de revolta asentada nunha idea cultural da que a música, aínda que importante, non é o límite no que queren quedar estes seis músicos. Nen@s da revolta preocúpase por temas sociais como a desigualdade das mulleres, os dereitos dos traballadores, a liberación dos animais, a identidade cultural. Estas ideas, que xa estaban no seu primeiro disco "A revolta d@s Nen@s /Raggaliza dissidente" (Sons de Luita, 1998), volven agora arroupadas por unhas composicións musicais máis coidadas e impactantes, tanto en arranxos como en produción, que afastan ó grupo de todo folclorismo cara a unha mensaxe musical máis o pé das rúas do fin de século. Os da revolta fortalecen a escena casque esmorecente dos novos sons, que dende hai anos non tiñan unha representación clara.
Quinta Feira presenta no seu primeiro disco cancións con letras de literatos contemporáneos e trobadores medievais
Xénero: AUDIO
| 15 / 11 / 2000 +A casualidade reuniu en 1997 enriba dun escenario a Tito Maqueira(guitarra), Marcos Seixo (zanfona e percusións) e Toño Domínguez (frauta e voz) para dar un concerto de intención case que anecdótica. A boa comunicación que acadaron entre eles levounos a comezar a cavilar nun proxecto de formación musical estable. Aquel día da casualidade era un xoves, e os músicos decidiron lembrar o encontro dándolle ó seu proxecto o nome do día, Quinta Feira. Agora, tres anos despois editan o seu primeiro disco "...de seu" (Sons Galiza, 2000). En Quinta Feira conviven cordialmente o jazz, o rock, a bossa, aires portugueses e, como non, a referencia da música tradicional galega. A metade das cancións do seu disco son instrumentais, mentres que as letras das outras cinco baséanse en textos de autores galegos. tanto contemporáneos (Roberto Blanco Torres, Castelao) coma trobadores medievais (Xoán de Cangas, Mendinho, Martín Codax). A presentación do disco "...de seu" fíxose o pasado 20 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra, co apoio da Concellaría de Cultura do concello da cidade do Lérez. A formación caracterízase por unha vocación didáctica que se materializou cando, en 1998, fixeron unha xira por centros de ensino e asociacións culturais. O espectáculo didáctico que presentaron entón, no que se mesturaban música e literatura, facía un percorrido pola historia e cultura dos trobadores medievais
Mercedes Peón aproveita o éxito do tema orixinal da serie Mareas vivas para sacar o seu primeiro disco "Isué"
Xénero: AUDIO
| 1 / 11 / 2000 +Isué (Resistencia, 2000) é o primeiro traballo da artista coruñesa Mercedes Peón, que dende os dezasete anos percorre a xeografía musical galega recuperando ás raíces tradicionais no mesmo campo onde nacen. Mercedes Peón pasou tres anos preparando este disco, a boa acollida que ten entre a xente o tema que fixo para a serie "Mareas vivas" animouna a sacalo. De feito ese mesmo tema "O Mar" aparece neste álbum cunha entrada a capella. No disco a artista non rexeita certos tipos de mestizaxe coas músicas norteafricanas, nas que atopa similitudes cos ritmos galegos que a fan "mirar máis cara o sur." O disco presentouse a mediados de outubro e, segundo a artista, é "un traballo feito con todo o amor" que pretende expresar a súa aprendizaxe e coñecemento da tradición musical oral.