Noticias
Uxía Pedreira amosa, con Marful e con Eclectic Ensemble, novos xeitos de interpretar a tradición musical galega
Xénero:
| 23 / 1 / 2003A música tradicional galega non se reduce ás formas que se conservan invariables desde hai séculos. Ó longo do tempo no noso país foron entrando ritmos e instrumentos novos, que se adaptaron á nosa realidade. O grupo Marful, con Uxía Pedreira á cabeza, recupera agora os sons das vilas galegas dos anos trinta e corenta e actualízaos nun cóctel que dá moita importancia ás letras e á voz. É música dunha raíz diferente.
Sinsalaudio prepara en breve un selo discográfico SOSOaudio para editar música “horizontal e vertical”
Xénero:
| 16 / 1 / 2003Hai quen pensa que o panorama musical en Galicia é folk, e o que non é folk é música tradicional pero equivócanse. Desde Vigo chegan ondas de tendencias techno, house, electro, drum and bass, dub, pop dixital, avant rock xunto con algo de ruidismo, música experimental e arte sonora. Todo un mundo novo, por descubrir que leva a etiqueta “Sinsalaudio”. Descóbreos.
A Banda de Música Unión Musical de Valladares cumpre cen anos de vida
Xénero:
| 26 / 12 / 2002Naceron antes de que afundira o Titanic, de que se declarasen a primeira e a segunda guerra mundial, e por suposto, viviron unha guerra, a dictadura, unha república e a democracia. E sempre poñéndolle musica. Son a Unión Musical de Valladares que este ano cumpren un centenario ó servicio da música.
O produtor musical e integrante de Mutenrohi Juan Carlos Fasero presenta o seu primeiro disco en solitario
Xénero:
| 15 / 1 / 2002Juan Carlos Fernández Fasero é unha desas figuras ó redor das que xiran moitas das producións máis coñecidas do panorama musical galego, de feito xa tivo tres candidaturas aos Premios da Música que organizan a SGAE e a AIE. Por outra banda foi o produtor do traballo "Tolemia" de Cristina Pato, así como de Mutenrohi. Este músico, produtor e compositor presenta agora un traballo en solitario "Mar de Mares" (Zouma Records, 2001). Fasero amosa a súa capacidade de interpretación coa guitarra, mesturando o pop coa música celta e a chamada world music. O son que destila Mar de Mares amosa claramente as influencias de guitarristas míticos neste compositor como Mike Oldfield ou Carlos Santana, O músico fai con estes 10 temas un percorrido dende aqueles que nunca se atreveu a gravar ás propostas máis modernas e avanzadas dentro da world music. Como case sempre, os discos en solitario están cheos de colaboracións. No caso de "Mar de Mares" a Fasero o acompañan, ademais dos seus compañeiros do grupo Mutenrohi, Cristina Pato, nas gaitas, as cálidas voces de Laura Arbiol e Cristina Barriga, os violíns de Ricardo Mourente, e tamén os teclados de Juan de Dios. O disco foi gravado case integramente na "Casa de Tolos" por Segundo Grandío, e a produción artística correu a cargo do propio Fasero e de Grandío.
Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski
Xénero: AUDIO
| 11 / 1 / 2002 +Fía na roca presenta como principal novidade no seu terceiro disco, "Contravento" (Ceyba Music, 2001) a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén doce pezas, sete saídas da tradición popular e as outras cinco composicións propias. Este disco ten no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001 por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal La Opinión. Ademais unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinación que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coincidiu a formación galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.
A xira de presentación de “Alma de Buxo” nos Estados Unidos viuse cancelada polos acontecementos das Torres Xemelgas
Xénero: IMAXES + AUDIO
| 22 / 10 / 2001 +O buxo do que os Seivane levan facendo gaitas desde o ano 1939 foi a inspiración para poñer nome a este disco "Alma de buxo" (Boa Music, 2001). Susana amosa aquí a madeira da que está feita e que xa deixaba albiscar no anterior traballo "Susana Seivane" (Boa Music, 1999). A xira de promoción de "Alma de Buxo" viuse reducida polas circunstancias internacionais que comezaban o 11 de setembro. Ante a crecente inseguridade e un ambiente social nada propicio nos EUA para contribuír ó éxito da xira a gaiteira decidiu anular os seus compromisos para actuar nos Estados Unidos de América onde xa tiña concertados numerosos concertos, sen coñecerse a día de hoxe datas para unha posible continuación da xira en terras americanas. Para as trece pezas que conforman "Alma de Buxo" a gaiteira de Cecebre arrodéase de colaboradores algún dos cales xa a acompañaba no anterior disco, como Rodrígo Romaní, quen producira enteiramente aquel traballo e que aquí só colabora, xa que a mesma Seivane encargouse da produción. Nas gravacións acompañaron a Susana tamén importantes figuras da música tradicional e folk como Kepa Junquera, Uxía Senlle, Guadi Galego (Berrogüetto), Ugía Pedreira (Chouteira) e o seu propio avó, Xosé Manuel Seivane, gaiteiro e mestre artesán, que gravou dúas das composicións do seu repertorio.
O disco "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" recolle algunhas das mellores pezas deste músico septuaxenario que segue en activo
Xénero:
| 11 / 10 / 2001"O gaiteiro do Fragoso" ten xa setenta anos e moita gaita ás súas costas. Cincuenta e seis anos de profesión consolidaron o seu nome coma un dos principais mestres de gaita da segunda metade do século XX en Galicia. Nacido en 1930 no barrio de Lavadores de Vigo, acadou facer unha síntese entre a aprendizaxe tradicional da gaita e os métodos clásicos. Membro fundador do grupo "Os Cruceiros", de grande popularidade na Galicia dos anos sesenta, converteuse a partir de 1971 en mestre gaita no Conservatorio de Vigo. Logo da recente concesión da medalla Constantino Bellón en homenaxe á súa carreira, publícase agora "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" (Boa Music , 2001). Un disco no que se recollen quince das súas composicións orixinais. Estes temas amosan a pericia técnica e a sensibilidade musical do mestre Otero, e van desde os ritmos tradicionais da muiñeira ata o máis estraño da polca, todos eles empregados con grande acerto e axustando o ritmo á intención. Cada tema preséntase cun texto do propio Henrique no que explica o como xurdiu cada peza. Na gravación atopamos colaboracións de luxo coma a de Beatriz Riobó no único tema con voz do álbum ou as de varios dos membros de Noitarenga.
O IGAEM edita un duplo disco con temas das bandas participantes no certame da Liga de Bandas de Gaitas
Xénero:
| 9 / 8 / 2001"Galicia, bandas de gaitas", é un dobre CD que recolle as interpretacións de dezaoito formacións deste tipo gravadas no XI campeonato galego da Liga de Bandas de Gaitas que se celebrou o pasado novembro no mes de Teo. Un total de setenta e tres temas que foron rexistrados polo servizo de produción da Radio Galega nun álbum que é o primeiro que se edita coas actuacións en directo do certame. O disco esta editado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais en colaboración coa Federación Galega de Bandas.
O grupo Na Lúa celebra o seu vinte aniversario cun recopilatorio
Xénero:
| 9 / 8 / 2001O grupo de folk Na Lúa cumpría no 2000 vinte anos de existencia, o que o converte nun dos grupos máis veteráns do panorama galego. Lonxe fican xa aqueles días en que, onda grupos coma Milladoiro, Fía na Roca, Amerguín ou Doa, comezaron a traballar nun panorama pouco explorado coma era o do folk galego. Para celebrar o aniversario o grupo comezou a traballar nun recopilatorio que sae agora á rúa con dezaoito temas remesturados.
O cuarto traballo de Mutenrohi quere ofrecer unha música para gozar bailando
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 4 / 6 / 2001 +Con DANZE (Zouma Records, 2001) Mutenrohi seguen na súa liña de innovación e investigación musical, buscando a unión real entre a música tradicional e o pop.O nome do disco revela a intención de ofrecer unha música para bailar, que faga dos seus concertos unha boa forma de pasar o rato, gozando dun espectáculo de música tradicional desde a elegancia e os arranxos. Mutenrohi ten sido dos primeiros en moitas cousas en Galicia. Foron o primeiro grupo folk que fixeron un disco en directo, os primeiros en realizar proxeccións nos concertos, en usar bailaríns nos espectáculos, dos primeiros en usar "loops" e secuencias musicais nas súas producións. É tamén a primeira das novas bandas que recuperou a voz para as súas gravacións, como neste traballo que inclúe seis temas vocais. A voz de Cristina Barriga volta á banda despois de colaboracións no anterior disco ("Cousas da Lúa", CNR Arcade 1999) e de ir de xira con Cristina Pato.