Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Uxía Pedreira amosa, con Marful e con Eclectic Ensemble, novos xeitos de interpretar a tradición musical galega
Uxía Pedreira amosa, con Marful e con Eclectic Ensemble, novos xeitos de interpretar a tradición musical galega
xaneiro 23, 2003
A música tradicional galega non se reduce ás formas que se conservan invariables desde hai séculos. Ó longo do tempo no noso país foron entrando ritmos e instrumentos novos, que se adaptaron á nosa realidade. O grupo Marful, con Uxía Pedreira á cabeza, recupera agora os sons das vilas galegas dos anos trinta e corenta e actualízaos nun cóctel que dá moita importancia ás letras e á voz. É música dunha raíz diferente.
Hai case dous anos entrevistabamos a Uxía Pedreira, e insistíanos na necesidade de de “ter suficientemente asimilada e interiorizada a música tradicional” para que os novos músicos “poidan recreala e facer o que queiran a partir dela”, poñendo como exemplo o caso da música popular brasileira. Hai algo máis dun ano esa intención concretábase coa creación de Marful. O proxecto introducía a música que soaba nas vilas galegas nos anos trinta e corenta (jazz, canción melódica, foxtrot) nunha cocteleira na que se atopaba cunha grande dose de jazz e unhas letras coidadas e persoais desde o prisma irónico e creativo dos membros do grupo. Segundo sinala Uxía, “sempre me interesou bastante na expresión do canto o que pasaba nas vilas e cidades galegas neses anos, un tempo de cambio social no que chegaban a Galicia moitos ritmos”.
O comezo: O Señor Bom-Bom
A denominación do grupo saíu do apelido do avó de Uxía, e a posta de longo do grupo foi un espectáculo realmente innovador: “O señor Bom-Bom”. Era esta unha obra músicoteatral que contaba a historia dunha emigrante galega (Uxía Pedreira) no París dos anos trinta, e o seu traballo no Café Bar Sr Bom-Bom. Neste local actuaba unha banda (Companhia Marful) que interpretaba pezas da época e había ademais números de baile. O espectáculo pasou por Compostela, Lalín, Redondela e A Cañiza, recibindo moi boas críticas. Encargábanse daquela da música Uxía Pedreira na voz, Pedro Pascual no acordeón diatónico e Pablo Alonso no clarinete baixo. Despois da experiencia do “O Sr. Bom-Bom” o grupo incorporou ó guitarra Marcos Teira, membro da Psicofónica de Conxo e intérprete de flamenco, completando a formación de Marful.
As liñas da tradición
Segundo Uxía, a tendencia musical na que se encadra Marful “non chamara ata o de agora a atención de grupos de recollida e estudiosos do folclore” que non están pendentes das tendencias musicais que existían na cidade. De feito, unha estudiosa do panorama musical galego coma Uxía descoñece a existencia doutras iniciativas que segan unha liña semellante. Si destaca grupos que marcaron unha destacada renovación da nosa música, coma é o caso de Berrogüetto. Tamén menciona a importancia de Chouteira, o seu antigo grupo, coma unha formación que marcou “unha liña de acción da música tradicional cantada”, ademais de anovar empregando uns arranxos moi libres en temas folk. Acha de menos unha maior presencia de voces solistas e de música de autor feita desde a raíz no noso panorama musical, como pode ser o caso de Uxía Senlle. Na actualidade, sinala Pedreira, “a música tradicional xa desapareceu na súa funcionalidade, non ten que ver o intre actual dos medios de masas e o mercado discográfico con aqueloutro, xa houbo unha fenda e esa necesidade do pobo de cantar facendo os seus labores xa non existe”.
Na saída da carreira
Desde a súa aparición, Marful realizou actuacións por diferentes lugares do país, sen prodigarse moito. Segundo Uxía, o grupo non entra nos circuítos habituais do folk, senón que se encadra máis nas novas tendencias, polo que se centran en visitar locais e concellos que se preocupan en programar música nova. Polo de agora pasaron por Lalín, Santiago, A Cañiza, Redondela ou Vigo. O feito de non ter editado un disco tamén inflúe nas escasas actuacións que leva a cabo Marful.
Eclectic Ensemble
Outro intento de anovar o folk é o proxecto paralelo de Uxía Eclectic Ensemble, no que participa Ramom Pinheiro, David Salgado e Richard Rivera. Trátase dun grupo experimental que mestura a percusión tradicional e a voz que centra a súa actividade nas actuacións en directo cunha grande dose de improvisación. O grupo xurdiu do Conservatorio de Música Folque e Tradicional de Lalín, ó que pertencen todos o seus membros, e pretende recuperar un espírito do directo moi vencellado á música tradicional, introducindo variacións en cada actuación.
A vindeira curva deste camiño
Marful leva xa case un ano a preparar o seu primeiro disco. Logo de rematar unha primeira pregravación este verán, o grupo vai pouco a pouco realizando as diferentes fases da producción. Todo isto sen contar aínda con ningunha casa discográfica que aposte por eles. Segundo Uxía, “agora mesmo estamos vivindo un punto de inflexión a nivel mundial dentro do mundo discográfico, e é complicado que alguén aposte por algo orixinal nestes tempos de crise, e as multinacionais xa non teñen tanto interese pola música galega coma hai uns anos. Aquel boom tan enorme tampouco era tanto”. Sen embargo, asegura que “o disco sairá porque ten que saír”. Pola súa banda, Ecléctica estreará para este verán “Dillei”, un espectáculo dirixido por Carlos Blanco no que o grupo participa onda Lord Keison o Dj de Non Residentz realizando unha música que se adapta ós xiros argumentais da obra.O proxecto máis próximo para Marful será a actuación do vindeiro sete de febreiro no festival Tradicionarius de Barcelona. Este concerto enmárcase nun intercambio que traerá a Lalín o grupo catalán Le Ponc D`Arcalis o catorce de febreiro. E o camiño continúa…
Tamén che pode interesar:
- 11/ 2/ 2015 | Lagharteiras leva o seu traballo de investigación ao disco
- 3/ 7/ 2014 | Marful despedirase por tempo indefinido despois do verán
- 26/ 6/ 2013 | A orquestra Atlas Ensemble exhibe a súa multiculturalidade en Santiago
- 12/ 9/ 2008 | Ecléctica Ensemble presenta o seu disco en sociedade na Coruña e Vigo
- 19/ 6/ 2008 | Ecléctica Ensemble presenta o seu primeiro disco no CGAC