Noticias
O grupo folk Milladoiro faise co premio anual da Fundación Otero Pedrayo
Xénero:
| 21 / 3 / 2006A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o premio que leva o nome do escritor ao grupo Milladoiro "pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma máis aló das nosas fronteiras". Milladoiro leva vinte e cinco anos de carreira dando a coñecer a nosa tradición musical.
Máis información no web da Fundación
O proxecto Directo Xove do Concello de Cangas levará a música de doce bandas canguesas polos locais do municipio
Xénero:
| 14 / 3 / 2006Cada venres entre o 24 de marzo e o 9 de xuño actuará unha das doce bandas de balde nun dos cinco locais inseridos no proxecto. Os grupos que participan do programa son Estado Puro, Dos Pelos Negros,, Rabuñaldes, Thunn!, Fly Bronze Lines, Dátrebil, Jit!, Fijado Korroldo, Ludovaina, Lavorda, Dianota e Ëxodo. Un festival de dous días no areal de Rodeira no que participarán estas doce bandas máis un cabeza de cartel invitado cada día pecharán o programa. Dentro do proxecto tamén está prevista a edición dun disco cun tema de cada grupo participante e do que se tirarán 1000 copias. Directo Xove 06 está organizado pola Concellería de Xuventude e a Casa da Xuventude do Concello de Cabgas, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os 40 Principales e o programa El Maketón, Frigoríficos do Morrazo e a produtora Saraiba.
Máis información Directo Xove
Eloi Caldeiro promove a revista de información cultural Naz-on
Xénero:
| 10 / 3 / 2006O músico e empresario Eloi Caldeiro presentou hoxe o primeiro número da revista bimestral Naz-on. O compoñente de Brath e director da discográfica Sons Galiza dirixe esta iniciativa que ten como obxectivo cubrir todos os eventos culturais que está a ter lugar e toda a produción cultural do país. Segundo Caldeiro a revista, que xa está en quioscos e librarías, “nace para quedarse” e confirma a súa saída por un período inicial dun ano. Caldeiro apuntou a gran necesidade que ten a cultura galega de verse recollida nos medios de comunicación xa que “sen repercusión da actividade cultural é imposible manter un mínimo de profesionalidade”.
Máis información en Naz-on
Milladoiro, Carlos Jean e Amaro Ferreiro son finalistas nos X Premios da Música
Xénero:
| 10 / 3 / 2006Hoxe comeza a segunda e definitiva quenda de votacións que decidirá os gañadores dos X Premios da Música. Entre os finalistas do certame que organiza a Academia das Artes e das Ciencias da Música hai varios galegos. Na categoría de mellor álbum tradicional está Milladoiro con“25”, traballo co que celebra as súas vodas de prata. Pola súa banda, Amaro Ferreiro é finalista como mellor autor revelación polo tema "Turnedo", que interpreta o seu irmán Iván, ex-vocalista de Los Piratas. Ademais, o ferrolá Carlos Jean é candidato a mellor álbum de banda sonora cinematográfica por “Ausentes”. Por ultimo, Nova Galega de Danza, Xabier Díaz e Mamá Cabra compiten ente si polo premio a mellor canción en galego. Nesta edición o álbum “No te olvides de mi”, de Diana Navarro é a gran favorita con seis candidaturas.
Máis información no web da Academia das Artes e das Ciencias da Música
O Concello de Ortigueira saca por primeira vez a concurso a programación do Festival Internacional do Mundo Celta
Xénero:
| 7 / 3 / 2006A elaboración do programa do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta, en Ortigueira, será cousa de quen gañe o concurso que, con este fin, acaba de convocar este concello. Cun orzamento de 119.000 euros, a empresa ou o particular que se faga coa concesión encargarase de organizar os concertos para o escenario principal do evento nos días centrais do festival, o oito e o nove de xullo. É a primeira vez que se opta por esta fórmula para organizar o evento.
Máis información no Diario de Ferrol e no web do festival
A Real Filharmonía programará tres composición galegas para celebrar a súa década de vida
Xénero:
| 2 / 3 / 2006A Real Filharmonía de Galicia (RFG) cumpre dez anos. Unha celebración que afronta con dous retos: consolidarse a nivel internacional, para o que ten previsto unha xira por Sudamérica; e afianzar o seu proxecto musical no noso territorio. Para isto, ademais do concerto do venres (Auditorio de Galicia, 21:00 horas) a RFG estreará ao longo do ano a obra de tres compositores galegos: Xoan Trillo, Juan Durán e Eduardo Soutullo.
O disco "Coruña players" reúne temas de oito formacións coruñesas de hip hop
Xénero:
| 23 / 2 / 2006Nun concerto a celebrar o próximo 27 de febreiro ás 21 horas no Forum Metropolitano da Coruña presentarase publicamente o cd "Coruña Players", que de feito irá incluído nos oito euros que custa a entrada. Dentro deste disco gravado por iniciativa da produtora discográfica Microrec están un total de dezasete temas dos grupos de hip hop da Coruña "Cunde el pánico", DLP, "Driá y el Pablo", La Galerna, Método Mental, Noksmo, "Quirófano Liriko" y "Técnica Táctica". A produtora saca inicialmente cincocentas copias á venda agardando ampliar esta tirada se a recepción é boa.
Máis información en El Ideal Gallego
O gaiteiro Iván Costa interpreta todos os instrumentos e leva a produción no disco “Ávrego” editado por Cumio
Xénero: AUDIO
| 22 / 2 / 2006 +Con nome de vento das Rías Baixas “Ávrego” (Cumio, 2006) o gaiteiro Iván Costa presenta o seu disco en solitario, unha obra na que conxuga sete recompilacións con outras tantas composicións propias. Iván Costa foi alumno de Xosé X. Blanco Nogueira e de Nazario González “Moxenas”, e desde a súa mocidade conseguiu dar mostras de talento artístico acadando premios en Lorient ou nos certames Constantino Bellón e Solistas da Estrada. Agás nunha canción, A Gaita de Melchor, gravada en directo na Casa das Crechas en verán de 2002, no resto das cancións do disco el mesmo produce e interpreta todos os instrumentos ademais da gaita: zanfona, charrasco, pandeiro, tamboril, etc. O disco gravouse e mesturouse nos estudos Savik Sound de Caritel, en Pontecaldelas.
As empresas Mare e Zouma alíanse e crean Turma, un selo que abordará desde a xestión de artistas á edición de discos
Xénero:
| 20 / 2 / 2006Son dúas firmas dedicadas á música folk. Editan discos e levan a representación de artistas. Agora, Mare e Zouma alíanse para crear Turma. Este novo selo quere servir de plataforma para abordar proxectos de maior envergadura e apoiar os seus artistas. Os Cempés, Rosa Cedrón, Cristina Pato ou Quempallou son algúns dos nomes que se cubrirán ao abeiro desta iniciativa, que non eliminará a existencia autónoma de cada unha das empresas que a constitúen.
Máis información en La Opinión
A discográfica Ouvirmos presenta os selos Vir e Localizados para lanzar proxectos actuais
Xénero:
| 17 / 2 / 2006Logo de varios anos a desempeñar un intenso traballo de recuperación da nosa historia musical, a discográfica Ouvirmos dá un paso mais. A empresa acaba de anunciar o lanzamento de dous novos selos cos que quer potenciar traballos actuais. Deste xeito, Vir será o nome co que Ouvirmos quere desenvolver producións con grupos que pretendan manter o control dos seus proxectos. Por outra banda, Localizados potenciará produtos innovadores no noso panorama musical. Galegoz e Ecléctica Ensemble serán os encargados de abrir cada unha destas firmas.
Máis información no web de Ouvirmos e nos nosos arquivos