Noticias
Lamatumbá presenta a reedición de "Lume" despois do seu éxito de vendas
Xénero: VIDEO
| 17 / 2 / 2006 +Vender tres milleiros de discos en oito meses nun mercado como o galego é o equivalente a obter un disco de ouro no mercado do conxunto do Estado. Con esta idea como motivo de celebración os ourensáns Lamatumbá presentaron na tenda de discos Gong de Santiago a reedición do seu disco “Lume (para que saia o sol)” arroupados por representantes da discográfica, Falcatruada, e da distribuidora, Discmedi. Os compoñentes do grupo brindaron con licor café polos seus seguidores e amigos que fixeron isto posible. A reedición inclúe a tradución das súas letras a outras linguas do Estado cun ánimo de proxección exterior no que tamén incidirán actuacións previstas en Andalucía, Cataluña e Euskadi. Os membros do grupo congratúlanse de poder amosar fóra que aquí hai outras propostas musicais ademais das xa coñecidas e consolidadas do folk. Outra das noticias que avanzaron nesta presentación foi a inclusión dun novo tema seu no espazo da TVG Xabarín Club. Un vídeo feito ao estilo Lamatumbá aparecerá agora na oferta musical dese contedor televisivo recuperado, un feito que o grupo celebra “como se nos tiveran posto unha medalla”.
Máis información en Vieiros
A Real Filharmonía e a Radio Galega asinan un convenio para emitir concertos
Xénero:
| 3 / 2 / 2006A partir de agora a Radio Galega gravará e emitirá os concertos da Real Filharmonía de Galicia. Esto é posible grazas a un convenio que asinaron onte o alcalde e representante do Concello de Santiago, Sánchez Bugallo e o director da CRTVG, Benigno Sánchez. Aínda que nun primeiro momento só se van emitir na Radio Galega, o director do ente público anunciou a súa intención de que se retransmitan tamén na TVG.
Máis información sobre o acordo en Galicia Hoxe e sobre a programación da Real Filharmonía no we do auditorio
O Consello da Cultura homenaxea a Pepito Arriola cun concerto homenaxe
Xénero:
| 1 / 2 / 2006José Arriola, máis coñecido como Pepito Arriola, foi un destacado músico e compositor galego que chegou a ser pianista na corte do emperador Guillerme II e concedeu actuacións en auditorios reputados como o Carnegie Hall ou o Metropolitan de Nova York. Os avatares da súa vida e as particularidades da súa composición abordaranse esta tarde nunha conferencia-concerto que lle dedica a Sección de Música do Consello da Cultura Galega. No acto interpretaranse obras de Arriola e de Manuel de Falla a cargo do pianista Julio Mourenza e do violonchelista Carlos García Amigo.
Máis información no web do Consello da Cultura
O Palacio da Ópera da Coruña acolle a gala de homenaxe a Pucho Boedo que gravará a TVG
Xénero:
| 31 / 1 / 2006Vinte anos despois do pasamento do cantante Pucho Boedo a televisión autonómica vai gravar un programa especial de homenaxe ao artista. O palacio da Ópera da Coruña acollerá o vindeiro domingo 5 de febreiro está gala na que participarán artistas como Miguel Ríos, que foi amigo do cantante, Deluxe, Paco Lodeiro, Uxía Senlle e Nancho Novo. Tamén actuarán as orquestras coas que Boedo cantou, Os Satélites e Os Tamara. A gala estará presentada por Xurxo Souto, eterno reivindicador do cantante do Ventorrillo, e Yolanda Vázquez. A entrada será de balde previa recollida da invitación na oficina do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos na Praza de Ourense.
Máis informaciónno sitio de Asociación de Veciños do Ventorrillo sobre Pucho Boedo
Os compositores galegos entran no Macuf nun ciclo
Xénero:
| 27 / 1 / 2006A prensa destacaba onte que o Museo de Arte Contemporánea non acudía este ano a ARCO, a feira de galerías, para volcarse en dar a coñecer o museo. Hoxe presenta unha desas actividades que marcan o seu cambio de tendencia. Trátase dun ciclo que pretende recuperar e difundir a obra de compositores galegos. A iniciativa ten este ano un nome propio, o do compositor e director Ángel Barja (Santa Cruz de Terroso, Vilardevós, Ourense, 1938) a quen se lle renderá homenaxe e se lle dedicará un concerto que ten lugar mañá. Colaboran co Macuf neste proxecto a Asociación Galega de Compositores e a delegación provincial de Cultura.
Máis información en La Voz de Galicia e no web do museo
Ourense e A Coruña únense aos festexos de celebración do 250 aniversario do nacemento de Mozart
Xénero:
| 27 / 1 / 2006Hoxe cúmprense 250 anos do nacemento de Wolfgang Amadeus Mozart. Unha efeméride que se celebra durante todo o ano na súa Austria natal (Viena e Salzburgo repártense o protagonismo) e da que Galicia tamén é partícipe. Coincidindo coa data que se festexa, o Teatro Principal de Ourense acolle unha representación do “Don Giovanni” a cargo do Teatro Nacional de Marionetas de Praga. Máis destacada é a participación da Coruña que ten un festival que leva o nome do compositor austríaco. Malia que non representará ningunha das súa obras, senón obras inspiradas no célebre autor, contará coa participación de figuras destacada do panorama musical como Calixto Bieito, Alberto Zedda ou Grigory Sokolov.
Máis información sobre as celebracións do centenario nesta web e sobre o Festival Mozart da Coruña no seu web e na nosa hemeroteca
A Sinfónica de Melide inicia unha xira que ofrecerá extractos das óperas máis coñecidas
Xénero:
| 20 / 1 / 2006“A forza do destino” de Verdi, “O barbeiro de Sevilla” de Rossini, a “Traviatta” de Verdi e “Carmen” de Bizet son as algunhas das óperas máis coñecidas. Todas elas forman parte do repertorio que a Sinfónica de Melide interpretará na xira que comeza o 21 de xaneiro no Auditorio de Santiago. Co patrocinio da Deputación da Coruña o “Gran Concerto de fragmentos de ópera” estará no Teatro Jofre de Ferrol (o día 22), no Pazo da Ópera da Coruña (o día 28) e na igrexa de San Francisco de Betanzos (29).
Máis información en Galicia Hoxe
O duodécimo traballo discográfico de A Roda engade as composicións intrumentais ao seu repertorio
Xénero: VINCULO
| 17 / 1 / 2006 +A piques de cumprir trinta anos dentro do panorama da música popular, A Roda presenta o último proxecto da formación e que suporá o seu duodécimo traballo discográfico. Baixo o título “A roda alalá adorA”, xúntanse doce temas que van desde a música folk-instrumental, ata a máis característica canción tradicional, sen esquecernos da canción autógrafa (espazo no que destacan os temas compostos ad hoc dos diversos lugares da nosa xeografía), e do folclore luso. Baixo o seu título palindrómico o disco encerra unha filosofía especular que mantén nos seus textos entre os que hai un poema do escritor Gonzalo Navaza. Coa incorporación no repertorio do grupo de temas instrumentais A Roda fai deste traballo un punto de inflexión na súa longa traxectoria.
O disco “Cantos na maré” reúne a sete artistas e un grupo coa lusofonía como denominador común
Xénero:
| 5 / 1 / 2006O proxecto “Cantos na maré” xurdiu dun concerto celebrado en agosto de 2003 na pontevedresa Praza da Ferrería e que reuniu en dezaseis temas as voces de diferentes artistas da música en galego e portugués. Xunto aos galegos Xabier Díaz e Uxía, aparecen neste digipack que recolle aquel concerto, o brasileiro Chico César; a portuguesa Filipa Pais; Manecas Costa, de Guinne-Bissau; a mozambicana Astra Harris; o caboverdiano Jon Luz; e o grupo de caboverdianas afincadas en Burela, Batuko Tantaka. O disco está editado baixo o selo Cartafol Editores e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Fundación Caixa Galicia, así como da empresa Nordesía nas labores de produción. Os beneficios xerados por esta edición irán destinados ao Instituto Cultural Casa de Beradêro, Catolé do Rocha, Estado da Paraiba, Brasil, para o desenvolvemento humano e estímulo cultural dos pequenos e pequenas desfavorecidos. A institución está promovida por Chico César, que exerceu de director musical no espectáculo que recolle o disco.
Máis información en Vieiros
A revista Rolling Stone elixe o disco de Deluxe como o mellor da produción nacional do 2005
Xénero: VINCULO + VIDEO + IMAXES
| 5 / 1 / 2006 +O coruñés Xoel López co seu traballo como Deluxe, “Los jóvenes mueren antes de tiempo”, convenceu aos críticos musicais da edición española da revista Rolling Stone, que o elixiron como mellor disco nacional do ano 2005. Este disco encabeza unha selección na que tamén ocupa un lugar destacado, concretamente no cuarto posto, o vigués Iván Ferreiro co disco “Canciones para el tiempo y la distancia”. O disco de Deluxe é o primeiro deste artista con letras en castelán despois de que os anteriores traballos os fixera en inglés.
Máis información en Rolling Stone