Noticias
Santiago e Lugo celebran esta Semana Santa con música relixiosa en lugares de culto
Xénero:
| 11 / 4 / 2006Aproveitando o clima de reflexión que obriga cada Semana Santa, os concellos programan concertos de música clásica en lugares de culto. Igrexas, capelas e mosteiros, que moitas veces están pechados durante o ano ábrense estes días para acoller estes eventos. O patrimonio e a música, cun envoltorio cultural, combínanse a propósito da Semana Santa.
Un novo proxecto leva a fusión musical ao Festival de Ortigueira
Xénero:
| 10 / 4 / 2006O acordo entre Estrella Galicia e o produtor Javier Limón permitirá a introdución dun novo espectáculo de fusión musical no Festival Celta de Ortigueira. "Galicia & outras músicas" é o nome deste proxecto que reunirá músicos folk coma Budiño, Uxía ou Leilía con intérpretes de xéneros do mais dispar, coma Jerry González, Niño Josele ou La Negra. O resultado poderá verse no propio festival o sete de xullo e será gravado para a súa posterior edición en disco.
Máis información en Vieiros e no web do Festival
Mozart é o protagonista do programa da Semana do Corpus de Lugo
Xénero:
| 7 / 4 / 2006Van xa 34 edicións da Semana de Música do Corpus de Lugo, un dos festivais de música máis antigos de Galicia. Un evento que este ano quixo unir a súa programación á celebración do 250 aniversario do nacemento de Wolfgang Amadeus Mozart. O compositor austriaco, do que se interpretan dez dos dezasete concertos programados, a mezzosoprano Mónica Groop e o pianista Nikolai Luganski son os protagonistas dun ciclo que comeza o 21 de abril e se estenderá ata o 12 de xuño.
Máis información no web do Concello de Lugo, en La Voz de Galicia (Edición Lugo) e en El Progreso
A nova edición do Festival Mozart non inclúe ningunha ópera deste compositor no seu programa
Xénero:
| 4 / 4 / 2006Nun orixinal xeito de se achegar ao compositor nos 250 anos do seu nacemento, o célebre Festival Mozart da Coruña celebrarase este ano sen programar ningunha ópera deste autor. Segundo Alberto Zedda, asesor artístico do evento, deste xeito quérese evitar a "indixestión" do público cara ao célebre músico. Un encontro internacional encol de Don Giovanni e mais actividades na rúa para achegar o autor aos máis pequenos son as principais novas da edición, que achegará tamén catro óperas.
Máis información no web do Festival, en La Voz de Galicia, La Opinión, en El Ideal Gallego e nos nosos arquivos
A Fundación Barrié inclúe a súa sede de Vigo no programa do seu undécimo Ciclo de Jazz
Xénero:
| 4 / 4 / 2006O Ciclo de Jazz reunirá durante o mes de abril unha variada representación de figuras do jazz internacional. A apertura do ciclo comezou o sábado na Coruña coa proxección da película francesa “Swing” á que seguiu o domingo o Festival Gypsy Jazz Manouche co cuarteto de Tchavolo Schmitt. Por primeira vez a Fundación programará na súa sede de Vigo tres concertos, dun caracter máis intimista que os que propón para a Coruña, onde figuras emerxentes na escena mundial compartirán cartel con músicos consagrados, ademais dunha Jam Session na que tomarán parte músicos galegos. En Vigo actuarán entre outros o Benny Green Trío ou o Ronnie Mathews Trío e a representación galega na “jam session” programada para o día 20 estará integrada por Manu Gómez, Roberto Somoza, Carlos López, Pablo Seoane, Alfonso Morán e Javier Pereiro. Na Coruña están previstos os concertos do cuartetos de Eliane Elías e de Jim Hall, ademais da actuación de Gary Burton & Makoto Ozone. Todos os concertos son de balde previa retirada da invitación.
Máis información na Fundación Pedro Barrié de La Maza
O camiño de Santiago centra o certame que substitúe ao Festival Internacional de Música de Galicia
Xénero:
| 30 / 3 / 2006Os cambios no Xacobeo: de xerente, de orientación e de colocación dentro do organigrama da Xunta (agora depende da Dirección Xeral de Turismo) comezan a traducirse na programación. O primeiro dos cambios é que o Festival Internacional de Música de Galicia deixa paso a outro certame, tamén musical, que contará con 30 concertos que teñen ao Camiño de Santiago como razón de ser. Ademais, segundo publica hoxe "La Voz de Galicia", o novo evento terá un orzamento sensiblemente inferior ao vello, pasando dos tres millóns aos 900.000 euros, sen que iso supoña unha diminución notoria do seu nivel.
Máis información en La Voz de Galicia
Agafono preséntase como a primeira asociación que reúne empresas discográficas galegas
Xénero:
| 29 / 3 / 2006A tan discutida crise da industria discográfica tamén afecta a Galicia. E aínda que desta volta non é tanto a pirataría coma o pouco mercado, as discográficas do noso país tamén deben axeitarse aos novos tempos. Catro delas están a piques de presentar Agafono, a Asociación Galega de Fonografistas, que quere converterse nun referente do sector.
A Cova Folk da Coruña pechou despois de catorce anos de actividade musical e hosteleira
Xénero:
| 23 / 3 / 2006Un dos locais destacados dentro do panorama da música folk en Galicia, A Cova Folk, pechou no pasado día de San Patricio as súas portas definitivamente. O pub é propiedade de dous dos membros do grupo Luar na Lubre, Bieito Romero e Pachi Bermúdez, e o próximo derrube do edificio no que está na Rúa do Orzán número 38 obriga á súa desaparición. Polo local, pioneiro no apoio ao folk, pasaron nestes anos figuras destacadas da música como Carlos Núñez , Susana Seivane, Milladoiro, Manu Chao , Paco Ibáñez membros de Capercaillie ou The Chieftains. Malia todo haberá unha certa continuidade xa que Romero e Bermúdez abrirán, a cen metros de alí na rúa Cordonería, un novo local de nome Espiral Folk.
Máis información en La Voz de Galicia
O primeiro disco do grupo Arán mestura sons tradicionais irlandeses e galegos
Xénero:
| 21 / 3 / 2006Aínda que inicialmente este quinteto naceu co obxectivo único de dar concertos en vivo o seu percorrido dá agora un xiro ao presentar a súa primeira gravación, o disco “GalÉire”. Neste traballo os membros de Arán mesturan a partes iguais pezas tradicionais irlandesas con temas galegos. O grupo naceu a partir do dúo formado polo gaiteiro Antón Davila e Xosé Liz, mestre na Escola de Música Popular de Vigo; e eles uníronse o inglés Harry Price, ao violín, Suso Alonso nas percusións e Álvaro Iglesias no contrabaixo. No disco tamén contan con colaboracións como as de Pancho Álvarez, Barry McGrath e Helena Paz.
Máis información en La Opinión
O goberno galego financiará economicamente o programa “Cultura Quente”
Xénero:
| 21 / 3 / 2006O festival “Cultura Quente” contará este ano coa axuda do goberno galego. Segundo publica hoxe “Diario de Pontevedra” o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, confirmou verbalmente ao concelleiro de Cultura de Caldas, Manuel González, que se implicará economicamente no festival. A programación do evento que se desenvolverá do 1 ao 16 de xullo, está practicamente pechada e xirará ao redor da emigración e da recuperación da memoria histórica.
Máis información no Diario de Pontevedra e sobre o festival na nosa hemeroteca