Noticias
Cinco mozos terán unha carreira musical grazas a un premio da Fundación Paideia e a consellaría de Educación
Xénero:
| 23 / 5 / 2006A Fundación Paideia e a Consellaría de Educación acaban de asinar un convenio para crear un premio que lle permita a cinco mozos gravar un CD. Entre os requisitos desta convocatoria figura ter obtivo sobresaliente ou matrícula de honra no concerto fin de carreira, que debe ser superado no ano anterior á edición dos premios. Ademais, os aspirantes interpretarán un repertorio de 60 minutos con obras elixidas de forma libre diante dun xurado formando por músicos, representantes da Xunta e da fundación. A Xunta custeará o 60% mentres que a Fundación Paideia o 40% restante dun CD do que se farán 2.000 copias.
Máis información no web da Xunta e El Ideal Gallego
Brath celebra as súas vodas de prata cun novo disco e anuncia outro para o outono
Xénero:
| 21 / 5 / 2006Con "Intres" xa son dous os traballos discográficos cos que os lucenses Brath celebran os vintecinco anos en activo do grupo despois da saída en decembro pasado do disco de chill out "Bulevar Océano". Nos once temas de "Intres" o grupo liderado por Eloi Caldeiro volve ás súas orixes de folk buscando innovar nos compases o os ritmos. Caldeiro anuncia para outono o vindeiro disco "Servizos informativos", un CD-libro de poemas recitados por el mesmo e letras e músicas adaptadas da última triloxía de Brath e outras inéditas con bases de rap e cancións portuguesas e africanas.
Máis información en Faro de Vigo
Despois de seis anos de actividade os composteláns Samesugas presentan o seu primeiro disco longo
Xénero: VIDEO
| 19 / 5 / 2006 +Os composteláns Samesugas teñen xa listo o seu primeiro disco longo “Alá Vai!” (H Records). O disco mantén a esencia punk desta banda con seis anos de vida e máis dun cento de concertos ás costas. O disco está gravado nos estudios Bonham da Coruña e editado polo selo catalán H Records e preséntano nun concerto de conmemoración do cuarto aniversario do selo na Sala Capitol o xoves 1 de xuño. Aínda que é o primeiro disco longo, con catorce cancións, non é a primeira gravación do grupo que xa ten varios EP e un vinilo. O grupo presentará o seu traballo nunha xira que os levará polo resto da península e polo Reino Unido, Benelux e Escandinavia.
Máis información na edición diaria de Galicia Hoxe
Aprobada a financiación que asegura a continuidade da Orquestra Sinfónica de Galicia
Xénero:
| 18 / 5 / 2006A Coruña acolle mañá a primeira das dúas representacións previstas de “A coroación de Popea”, unha ópera de Claudio Monteverdi que coproducen a New Opera de Israel e o Teatro da Zarzuela. Forma parte do Festival Mozart que organiza o consorcio para a Música do Concello da Coruña que o pasado martes constituíu a súa xunta de goberno, na que están tanto Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, como Jose Luís Méndez Romeu, conselleiro de Presidencia. O equipo xa asegurou a continuidade do convenio entre o concello e a Xunta para financiar a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Máis información sobre o Consorcio para a promoción da Música no web do concello, sobre a renovación da súa xunta en La Voz de Galicia e no Festival Mozart
Os ferroláns Norfolk presentan no FIMO o seu novo disco “Cousas nosas”
Xénero: IMAXES
| 16 / 5 / 2006 +“Cousas nosas” é o segundo traballo discográfico desta banda que deu os seus primeiros pasos no certame A Mocidade coa Lingua organizado polo concello de Ferrol a finais do 90. O seu primeiro disco “Brillan astros”(2003) gravárono como consecuencia de ter sido finalista en 1999 do concurso Nordés Coruña. Durante o verán Norfolk presentará o seu novo traballo con varios concertos entre os que destaca a actuación de apertura no concerto dos míticos Gwendal nas festas de Ferrol. O disco pódese adquirir polo de agora contactando cos membros do grupo e nas tendas M-4 e Montana de Ferrol.
Máis información en Diario de Ferrol
e no weblog de Norfolk
S.O.S. Trío pon na rúa o seu primeiro traballo discográfico “106 underground st.”
Xénero:
| 15 / 5 / 2006Os gañadores da primeira edición do premio Concerto Autor Jazz Galicia no 2005, S.O.S. Trío, xa teñen na rúa o seu primeiro traballo discográfico. Seis das oito pezas do disco “106 underground st.” (FreeCode Jazzrecords) son composicións propias destes tres músicos unidos polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra no ano 2001. Virxilio da Silva (guitarra), Jose Carlos Ferro (contrabaixo) e Max Gómez (batería) coñecéronse na primeira edición dese seminario no que seguiron como alumnos durante as catro edicións do mesmo participando nas gravacións dos discos do SPJ así como nos concertos Pontejazz 2004 e 2005. O grupo ten como obxectivo fundamental a procura dun son propio a partir da posta en común das ideas de cada un dos compoñentes para o cal apostan polas composicións orixinais.
Máis información sobre o SPJ
A banda Marful saca este mes o seu primeiro disco á rúa
Xénero:
| 8 / 5 / 2006Marful, con Ugia Pedreira á fronte e con Pedro Pascual (acordeón diatónico), Pablo Alonso (clarinete baixo) e Marcos Teira (guitarra), dan o paso do escenario á sala de gravación e presentan neste 2006 o seu primeiro disco do mesmo nome que o grupo. Tres músicos e unha voz -coñecidos e recoñecidos pola súas carreiras artísticas individuais- que despois de levar a súa proposta musical polos escenarios de todo o país con moita aceptación e éxito xúntanse agora nun disco inspirado nos carnés de baile cunha inequívoca vocación contemporánea. No disco, editado pola compostelá Producciones Efímeras, colaboran con eles Luis Alberto Rodriguez (bateria) e Xacobe Martinez (contrabaixo). Marful propón unha cocteleira inspirada nos ritmos que soaban nas vilas galegas, entre os anos 30 e 50, nos salóns de baile e nos cafés cantantes. Unha época musical marcada polos ritmos de tradición americana que coabitaban coa música popular e a canción melódica.
Máis información en Folque.com
Grigory Sokolov inaugura na Coruña o Festival Mozart
Xénero:
| 4 / 5 / 2006A Coruña inicia mañá unha nova edición do Festival Mozart. Este ano conta coa peculiaridade que se integra dentro das celebracións do 250 aniversario do nacemento do compositor salzsburgués. Grigory Sokolov será o encargado de abrir un evento que só programará a Mozart no instrumental, camerístico e sinfónico e nin unha soa ópera, malia ser unha cita lírica. Por outra banda, xa se coñecen máis detalles da outra cita de referencia que é o “Festival de Música de Galicia”. Segundo o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, o evento terá este ano menos presuposto pero seguirá sendo de calidade. A edición deste ano será de transición, porque se prevé unha reestruturación de cara ao 2007.
Máis información do Festival Mozart no seu web e na nosa hemeroteca; e sobre o Festival de Música de Galicia en Galicia Hoxe e na nosa hemeroteca
A revista Cartafolk dedica un número aos fineses Värttinä e prepara outro sobre Berrogüetto
Xénero:
| 28 / 4 / 2006A revista dirixida polo xornalista Óscar Losada xa ten na rúa o seu cuarto número no que fai un informe monográfico do grupo finés Värttinä. Asinado por Nuria Rodríguez, este número do Cartafolk fai un percorrido pola historia de Várttinä, considerando “o máximo expoñente da música folk finesa” a esta formación e achegándose aos seus compoñentes actuais e antigos e as súas cancións. O director de Cartafolk anuncia tamén a saída inminente do seguinte número dedicado a Berrogüetto coincidindo co lanzamento do cuarto disco da banda galega. Sobre a viabilidade da publicación Losada asegura que Cartafolk “mantense economicamente ben por si soa sen dar perdas”.
A Federación Galega de Bandas de Música presenta a súa Banda Sinfónica
Xénero:
| 28 / 4 / 2006O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá mañá a presentación da Banda Sinfónica de Galicia. Esta formación, impulsada desde a Federación Galega de Bandas de Música Populares, preséntase oficialmente logo dunha longa xestación de cinco anos. En total, son noventa e cinco músicos de todo o país os que participan neste evento, cunha idade media de vinte e dous anos. No programa inclúese a estrea da obra "Hipófisis (Fantasía)" do compositor Xabier Ces e unha versión musicada do poema "A Saleta" de Manuel María.
Máis información en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia