Noticias
A inclusión de competencias de música no IGAEM inicia o seu proceso de reestructuración
Xénero:
| 27 / 4 / 2006O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) acaba de anunciar novas axudas para a música galega, así como un traballo de promoción no exterior. Non é unha iniciativa puntual senón das primeiras actuacións relativas a contidos coas que se reestructurará o IGAEM. Anunciouno o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, na súa intervención no Parlamento, na que tamén apuntou que o Instituto estaba nunha situación de “rutina e continuidade da súa programación”. A segunda parte do cambio, que se realizará ao final da lexislatura, afectaralle aos órganos de xestión, á estrutura interna e ao seu réxime económico e financeiro.
Máis información en Galicia Hoxe e La Opinión
O Consello da Cultura presenta unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións
Xénero:
| 27 / 4 / 2006Unha mesma partitura pode soar diferente en función de quen a interprete. E na música medieval aínda máis. Por iso, os que escoiten a reconstrución feita polo doutor en filoloxía románica, Antoni Rosell, para o Consello da Cultura de “As Cantigas de Santa María” poden quedar sorprendidos polo resultado. ¿Por que estas diferenzas? ¿Cales son as características desta nova versión?
O Festival Imaxina Sons presentará en Vigo unha grande orquestra galega de Jazz
Xénero:
| 26 / 4 / 2006Nada menos que dezaoito músicos integrarán a primeira grande orquestra de Jazz de Galicia, O Festival Imaxina Sons, de Vigo, presentará o vindeiro un de xullo esta proposta, que coordinan Abe Rábade, Alberto Conde, Roberto Somoza e Baldo Martínez. Logo da súa presentación a orquestra percorrerá diferentes cidades do país. O Imaxina Sons desenvolverase entre o quince de xuño e o dous de xullo e achegará a Vigo cincuenta concertos europeos.
Máis información en La Voz de Galicia en Faro de Vigo, e nos nosos arquivos
Os artistas finalistas nos Premios de la Música demandan políticas de apoio da Xunta ao sector musical
Xénero:
| 20 / 4 / 2006Os finalistas galegos dos Premios da Música que convoca a Academia das Artes e as Ciencias da Música reunidos pola SGAE coincidiron en reclamar o apoio da Xunta ao sector musical en Galicia. Tanto Ramón García, de Milladoiro, como Xosé Lois Romero, de NGD, aludiron á importancia da dimensión económica do sector e a necesidade de sentir o apoio institucional. mesmo contemplaron a creación duns premios da música galega. Os candidatos a mellor canción en galego son Nova Galega de Danza, por “Alalá”; Xabier Díaz e Guillermo Fernández, por “Pedra de Sal”, e o grupo Mamá Cabra por “Tan só con leres un libro”. A eles hai que engadir as candidaturas nas categorías absolutas de Milladoiro co disco “25”, que compite ao Mellor Album de Música Tradicional e Amaro Ferreiro, que compite como Autor Revelación pola canción “Turnedo” interpretada por Iván Ferreiro. Tamén o músico de orixe ferrolá Carlos Jean é candidato pola banda sonora da película “Ausentes”. Os gañadores coñeceranse o vindeiro cinco de maio.
Máis información en La Voz de Galicia
Un CD e un concerto dan a coñecer a reconstrución musical das Cantigas de Santa María feita por Rosell
Xénero:
| 19 / 4 / 2006“Galicia e as Cantigas de Santa María” é o nome do CD coa versión das famosas cantigas afonsinas feita por Antoni Rosell para o Consello da Cultura Galega. Pero é moitas cousas máis, un traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Formaba parte dun ambicioso proxecto que, como explicou o presidente do Consello da Cultura Galega na presentación do traballo, Alfonso Zulueta de Haz, “non se puido realizar ao non conseguir os apoios necesarios”. Daquel proxecto fallido salvouse este traballo de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegan unha interpretación das Cantigas diferente das que acostumamos a escoitar. Os que queiran escoitala en directo, teñen unha cita o vindeiro xoves, 20 de abril, ás 20:15 horas no Pazo de Xelmírez en Santiago.
Máis información no web do Consello da Cultura Galega e sobre as Cantigas de Santa María na nosa hemeroteca
Dios Ke Te Crew publica o álbum "Xénese", primeiro disco de hip hop integramente en galego
Xénero: VINCULO
| 12 / 4 / 2006 +Logo de levar uns anos a amosar o seu traballo por escenarios de todo o país, o grupo Dios Ke Te Crew acaba de presentar "Xénese", o seu primeiro álbum. O traballo, producido polo propio grupo en colaboración coa discográfica Falcatruada é o primeiro álbum de hip hop feito integramente no noso idioma.
Máis información en Vieiros(en pdf), no web do grupo e no noso tema sobre Dios Ke Te Crew
Santiago e Lugo celebran esta Semana Santa con música relixiosa en lugares de culto
Xénero:
| 11 / 4 / 2006Aproveitando o clima de reflexión que obriga cada Semana Santa, os concellos programan concertos de música clásica en lugares de culto. Igrexas, capelas e mosteiros, que moitas veces están pechados durante o ano ábrense estes días para acoller estes eventos. O patrimonio e a música, cun envoltorio cultural, combínanse a propósito da Semana Santa.
Un novo proxecto leva a fusión musical ao Festival de Ortigueira
Xénero:
| 10 / 4 / 2006O acordo entre Estrella Galicia e o produtor Javier Limón permitirá a introdución dun novo espectáculo de fusión musical no Festival Celta de Ortigueira. "Galicia & outras músicas" é o nome deste proxecto que reunirá músicos folk coma Budiño, Uxía ou Leilía con intérpretes de xéneros do mais dispar, coma Jerry González, Niño Josele ou La Negra. O resultado poderá verse no propio festival o sete de xullo e será gravado para a súa posterior edición en disco.
Máis información en Vieiros e no web do Festival
Mozart é o protagonista do programa da Semana do Corpus de Lugo
Xénero:
| 7 / 4 / 2006Van xa 34 edicións da Semana de Música do Corpus de Lugo, un dos festivais de música máis antigos de Galicia. Un evento que este ano quixo unir a súa programación á celebración do 250 aniversario do nacemento de Wolfgang Amadeus Mozart. O compositor austriaco, do que se interpretan dez dos dezasete concertos programados, a mezzosoprano Mónica Groop e o pianista Nikolai Luganski son os protagonistas dun ciclo que comeza o 21 de abril e se estenderá ata o 12 de xuño.
Máis información no web do Concello de Lugo, en La Voz de Galicia (Edición Lugo) e en El Progreso
A nova edición do Festival Mozart non inclúe ningunha ópera deste compositor no seu programa
Xénero:
| 4 / 4 / 2006Nun orixinal xeito de se achegar ao compositor nos 250 anos do seu nacemento, o célebre Festival Mozart da Coruña celebrarase este ano sen programar ningunha ópera deste autor. Segundo Alberto Zedda, asesor artístico do evento, deste xeito quérese evitar a "indixestión" do público cara ao célebre músico. Un encontro internacional encol de Don Giovanni e mais actividades na rúa para achegar o autor aos máis pequenos son as principais novas da edición, que achegará tamén catro óperas.
Máis información no web do Festival, en La Voz de Galicia, La Opinión, en El Ideal Gallego e nos nosos arquivos