Ir ao contido directamente.


Noticias

O compositor catalán Sebastiá Torrent gaña o premio Andres Gaos da Deputación da Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 8 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

A sétima edición do premio de composición musical Andrés Gaos organizado pola Deputación da Coruña foi parar ao compositor catalán Antoni-Ernest Sebastiá Torrent pola obra “Angelus Novus”. A obra gañadora traza unha relación directa da música coa pintura de Paul Klee. O premio está dotado con 6.500 euros e a obra gañadora será interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia na temporada 2008-2009, segundo indicou Félixe Palomero, comisario do premio e xerente da OSG. O fallo do xurado tamén incluía unha mención á obra “Tentativi” de Manuel Martínez como finalista.

Máis información en El Ideal Gallego

Blusens chega a un acordo para distribuír na rede o catálogo de Universal Music

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Dunha banda unha empresa galega que fai reprodutores de música, Blusens, e da outra, unha de creación de contidos, Universal Music. O resultado desta alianza é a posibilidade de que o usuario poida achegarse ás 100.000 cancións do catálogo de Universal e Vale Music de xeito legal e ilimitada cunha boa calidade. Un feito que é posible grazas ao convenio asinado entre ambas entidades e presentado onte pola empresa galega.

Máis información no web de Blue Sens

Os coruñeses Nashgul sacan un disco conxunto cun grupo xaponés nun selo alemán

Xénero: Rock | 8 / 6 / 2007

not_10117.jpg

O seló alemán Power It Up acaba de editarlle á banda coruñesa Nashgul un novo disco, conxuntamente co grupo xaponés World Down Fall. Trátase dun vinilo de sete pulgadas que contén cinco temas dos galegos por un lado e tres dos nipóns polo outro, incluindo unha versión de Denak. Nashgul é un cuarteto cunha intensa actividade discográfica, e xa ten entrado nos circuitos europeos do seu estilo musical, o grindcore. A portada desta nova gravación é obra da debuxante Emma Ríos e o deseño gráfico de Álvaro López, ambos coñecidos autores galegos de banda deseñada.

O disco pódese comprar en liña xa en Power it Up

O programa Alalá da TVG recibirá un galardón da Academia de Televisión

Xénero: Folk | 7 / 6 / 2007

not_10113.jpg

O programa da Televisión de Galicia Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, recollerá este sábado en Sevilla o galardón ao mellor programa de Tradición musical outrogado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión. Alalá naceu como documental musical que se interna nas historias e vidas cotiás da xente que loita para que non se esqueza a sabedoría tradicional. Alalá é un dos programas que a TVG presentou dentro da súa renovación de contidos e supón unha revisión do xeito en que a televisión difunde a tradición musical, encadrando a actuación dun grupo ou artista dentro do seu marco social, laboral ou persoal. A gala de entrega dos premios, que tamén celebra o décimo aniversario da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión retransmitirase por todas as canles autonómicas da FORTA.

Máis información na Academia de Televisión
e sobre Alalá na TVG

Reúnense en Bruxelas tres voces galegas femininas de primeira fila no espectáculo “Ida e volta”

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

As cantantes Guadi Galego, Uxía e a belgo-galega Verónica Codesal estarán acompañadas no escenario do Teatro Molière por Didier Laloy (acordeón), Pascal Chardome (guitarra), Cédric Waterschoot (baixo) e Osvaldo Hernandez (percusión). O trío Ad Cominotto abrirá ás 20 horas a velada na que as tres artistas galegas amosarán o son actual da tradición musical galega. O espectáculo "Ida e volta" esta organizado pola Fundación Muziekpublique coa colaboración da Consellaría de Cultura e a Fundación Galicia-Europa. Está previsto que este espectáculo se repita despois en outros lugares.

Ponse en marcha a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra

Xénero: Clásica/Lírica | 6 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

43 músicos integran a nova Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Segundo o coordinador da proposta, Luís Costa, o 90% dos integrantes son de procedencia galega. A orquestra, segundo Costa, aspira a “integrarse na vida social da cidade e converterse nun referente no panorama simbólico de Galicia”. Trátase dun proxecto financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello e a Xunta de Galicia coa colaboración do Conservatorio de Música de Pontevedra. A Orquestra estará dirixida por Javier Viceiro-Filgueira e dará tres concertos de presentación nestes días. O inaugural será hoxe, mércores, ás 21 h. no Pazo da Cultura de Pontevedra. O sábado 9 será o seguinte, no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Vigo e no Auditorio de Galicia o vindeiro día 12.

Máis información en Galicia Hoxe

Preséntase o disco no que trinta grupos fan versións de temas de Andrés do Barro

Xénero: Pop | 4 / 6 / 2007 + VIDEO + AUDIO

not_10086.jpg

Son tempos de Do Barro. Se onte mesmo a Televisión Galega emitía a gala de homenaxe a Andrés do Barro, mañá chega ás tendas "Manifesto Dobarrista", un CD editado por Falcatruada. Baixo este título unha trintena de grupos galegos presentan cadansúa versión dun éxito deste pioneiro do pop en galego. Entre os participantes neste disco, grupos coma The Homen, Narf, Niño y Pistola Fanny + Alexander ou Projecto Mourente. De xeito paralelo, está xa na rede o web dobarrismo.com, que quer ser un punto de encontro para os admiradores deste artista.

Máis información no web de Falcatruada, en Dobarrismo.com, en Galicia Hoxe; en La Voz de Galicia; trailer do documental O tren que me leva en AVG; o noso tema sobre Do Barro; escoita mostras dalgúns dos temas en Mega

14 promotoras musicais únense para abrir unha canle de diálogo coa Administración

Xénero: Miscelánea | 1 / 6 / 2007

nova_10081.jpg

Hoxe presentouse en Santiago de Compostela a AGEM (Asociación Galega de Empresarios Musicais). A asociación, que aínda está en fase de creación, xunta a 14 empresas do sector musical e ten entre os seus obxectivos servir “de interlocutor entre as empresas do sector e as diferentes Administracións” e “crear un panel para intercambiar ideas e experiencias en beneficio do exercicio da profesión da promoción, producción e distribución de concertos musicais”. A asociación está presidida por Lucila Fernández, de Idea Rock e os seus promotores subliñaron que se trata dunha “iniciativa pioneira no sector da música en directo”. Entre os socios atópanse Zouma Records, Nordesía Produccións, Nocturna Producciones e XXL Produccións.

Fía na roca presenta o seu quinto disco co que inicia xira en Alemaña

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2007 + VIDEO + IMAXES + AUDIO

not_10080.jpg

“Vente vindo” (Corda Frouxa, 2007) é o nome do novo traballo de Fía Na Roca que o grupo, acompañado polo xornalista da Radio Galega Pepe Carreira, presentaron hoxe no Consello da Cultura Galega. O disco presenta catorce temas nos que a presenza vocal de Sonia Lebedynski adquire un maior protagonismo respecto a anteriores traballos de Fía na roca. A formación presenta tamén algúns cambios coa incorporación de Xabier Olite e Roberto Rama substituíndo a Xabier Bueno e Cris Gándara. Carlos Castro, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez seguen no grupo. O disco foi gravado en catro días o pasado abril no Estudio SoNNatural, en Angueira de Castro (Rois)e mesturado no Estudio 5 da Radio Galega. O grupo marcha mañá para Alemaña onde iniciará a súa xira en Frankfurt, pasando despois a outras localidades, a Francia e incluíndo tamén Galicia na xira de verán. Xosé Ramón Vázquez salientou a importancia que para a súa proxección tivo a nova axencia que os representa, Abada Xestión Cultural.

Máis información nos nosos arquivos sobre Fía na roca

Quince novos grupos de toda a península optan a abrir o Festival de Ortigueira no escenario Runas

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

A dirección artística do Festival de Ortigueira ven de facer públicos os nomes dos quince grupos finalistas do Proxecto Runas'07, destinado a dar a coñecer os traballos de novos grupos folk da península ibérica. Os elixidos SeteSaias, Bauma, Neirela, La Conjura, A Compañía do ruído, Ophiusa, A Gramalleira, Crema da gaita, Balakandra, Landú, bOnOvO, La jambre, Boys of the hills, Balbarda e Monte Lunai. Só cinco deles serán escollidos para actuar este ano no festival máis multitudinario do Estado. Un xurado, integrado por críticos musicais, deberá facer agora esa escolla dos grupos que abrirán o Festival a noite do 5 de xullo. Como novidade este ano, os internautas converteranse nun membro máis do xurado, podendo escoitar e votar en liña polos seus grupos preferidos a través do sitio web do festival.

Máis información no Festival de Ortigueira

<< Inicio / Anterior . 3231 a 3240 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR