Ir ao contido directamente.


Noticias

Xabier Díaz rescata músicas populares no seu segundo traballo en solitario

Xénero: Folk | 15 / 5 / 2007 + AUDIO + IMAXES

not_9951.jpg

O segundo traballo de Xabier Díaz “Coplas Para Icía“ (Músicas de Salitre,2007) xa ten anunciada a súa chegada ás tendas para a segunda quincena deste mesmo mes. En “Coplas Para Icía” Díaz ten como compañeiros de viaxe ao percusionista e gaiteiro Pedro Lamas e o acordeonista Suso Iglesias. Neste disco Díaz rescata músicas do pobo tomadas do seu propio arquivo, compilación froito dun extenso traballo de campo entre os anos 1990 e 2000. A presentación en concerto está prevista para o vindeiro 22 de xuño en Culleredo ( A Coruña ) . Xabier Díaz foi finalista aos Premios da Academia da Música no 2005 polo disco “Músicas de Salitre“ que fixo xunto con Guillermo Fernández e co que acadou o 3º posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano.

Entre Trastes fai un percorrido pola música celta para instrumentos de corda no seu primeiro disco

Xénero: Folk | 15 / 5 / 2007

not_9950.jpg

A discográfica ourensá Zouma Records ven de sacar á venda o disco “Entre Trastes”, primeiro da formación do mesmo nome. Álvaro Iglesias ao contrabaixo, Daniel Vilar á guitarra e Xosé Liz ao bouzuki conforman este trío de virtuosos das cordas. Todos eles teñen xa unha ampla experiencia na música tradicional e actuaron xunto a artistas como Carlos Núñez, Pancho Álvarez ou Rodrigo Romaní entre outros. Álvaro Iglesias e Xosé Liz tamén forman parte do grupo Aran. Nos rece temas deste primeiro disco presentan un percorrido polas posibilidades que a música celta presenta para os instrumentos de corda.

Cultura Quente presenta un programa con figuras internacionais no seu décimo aniversario

Xénero: Miscelánea | 14 / 5 / 2007

not_9947.jpg

O festival de verán de Caldas Cultura Quente ven de presentar o cartel para a que será a súa décima edición os vindeiros días 13 e 14 de xullo. Ante a celebración de aniversario a organización quixo facer desta unha ocasión especial e presentou un cartel cheo de nomes de sona da escena internacional. As cabezas de cartel levan os nomes dos ingleses Asian Dub Foundation e Kula Shaker, o sueco Jay Jay Johanson, os franceses Fancy ou os británicos White Rose Movement tamén estarán en Caldas entre outros. A música galega estará representada polos grupos The Ellas, GalegoZ, Ectoplasma, Dismal, Elodio y Los Seres queridos e algúns picadiscos. Todas as actuacións serán de balde.

Máis información en La Voz de Galicia

Preséntase a Asociación Galega de Músicos Alternativos

Xénero: Alternativa | 14 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Os movementos de integración que están a soprar no sector da música chegan aos propios creadores. Acaba de se facer pública a creación da Asociación Galega de Músicos Alternativos (AGMA), un colectivo que pretende unir autores e intérpretes e que nace cunha vocación claramente profesional. Entre outros obxectivos, a AGMA quere mellorar as condicións de traballo, asesorar os seus socios, e servir como foro de debate sobre os problemas do sector.

Máis sobre a situación do sector nos nosos arquivos

A segunda edición do programa Vai de Camiño achegan 181 actuacións de danza, música e maxia

Xénero: Miscelánea | 11 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Nada menos de 118 vilas dos concellos polos que pasan as diferentes rutas xacobeas contarán este verán con 181 actuacións de música, danza e maxia. A segunda edición do programa Vai de Camiño contará coa presenza de Milladoiro, Uxía, Leilía, Mercedes Peón, Deluxe ou Berrogüetto, entre moitos outros.A proposta, organizada polo Xacobeo, duplica amplamente o número de actuacións do pasado ano.

Máis información en Galicia Hoxe, en Xornal Galicia e en La Voz de Galicia

A feira Cultur.gal acolle hoxe a presentación do novo disco do grupo Malvela

Xénero: Folk | 11 / 5 / 2007 + VIDEO

not_9921.jpg

Con mais de 10.000 discos vendidos entre os dous primeiros albumes o grupo de cantareiras tradicionais Malvela presenta agora o seu terceiro traballo “da miña xanela á túa” (PAI Música). A feira Cultur.gal acolle esta presentación hoxe ás 20 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra. O disco foi gravado de novo nos estudios Casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío e Uxía Senlle, madriña do grupo desde que esta formación xurdiu dun curso de canto popular dirixido pola cantante. "da miña xanela á túa" consta dun CD de 15 cancións e dun DVD con dous vídeo clips, un documental, e un "como se fixo".

O Seminario Permanente de Jazz presenta dous novos discos e abre unha colección de carácter internacional

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 5 / 2007

not_9924.jpg

Co disco “Jazz in Galiza Series, vol.1” o SPJ de Pontevedra abre a través do selo Freecode Jazz Records unha nova colección de discos que recollerá as actuacións dos grandes músicos internacionais que interveñen no ciclo de Jazz no Principal. Neste primeiro CD de Jazz in Galiza pódese escoitar a actuación de Paco Charlín e Abe Rábade, mestres do seminario, acompañando ao saxofonista John O´Gallagher e ao batería Jeff Williams. Membros do SPJ acompañados pola concelleira María Xesús López presentaron este disco así como “May´s idea” da Ten Jazz Men, primeira gravación dunha mini banda de dez músicos alumnos do seminario, os temas do disco teñen arranxos de Abe Rábade.

Máis información en La Voz de Galicia

Edítase o disco coa música do espectáculo Engado

Xénero: Fusión | 10 / 5 / 2007 + VIDEO + IMAXES + AUDIO

not_9916.jpg

A música de Engado, o espectáculo co que a Nova Galega de Danza (NGD) está a percorrer o país, sairá a venda o vindeiro día 14 de maio editada por Falcatruada e distribuída por Lonxa Cultural. Trátase de propostas onde a contemporaneidade bebe das raíces da música tradicional e do folk para desenvolver un estilo propio e definido. A equipa musical de NGD está encabezada por Xosé Lois Romero, e conta entre os seus integrantes con Pedro Lamas, Xavier Díaz, ou Suso Iglesias. Tamén está previsto que Falcatruada reedite Alento, un disco de Xosé Lois Romero que desapareceu das tendas hai un ano, e que acompañou a anterior xira de NGD acadando o V Premio Opinión ao mellor disco de 2005.

O son dos órganos dos templos de Santiago nunha nova colección de discos

Xénero: Antiga | 9 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

As gravacións de nove órganos das igrexas da capital galega conformarán nos vindeiros catro anos unha colección de sete discos presentada co gallo do Compostela Organum Festival no que grandes intérpretes tocan estes instrumentos dos templos composteláns. O director da colección, Bruno Forst, abriu como intérprete a edición deste ano o día cinco na igrexa das Ánimas e o concertista Eric Brottier pechará o festival o vindeiro día vinteseis en San Paio de Antealtares. O festival está organizado polo Consorcio de Santiago e a Asociación Musical Berenguela mentres que a colección de discos é un proxecto do Concello en colaboración coa Asociación para a Promoción da Música (ACTUS, que foi a mesma en levar adiante a gravación do Ordo Prophetarum.

Máis información en Compostela Cultura

O Concello creará un centro de documentación para o legado musical da cidade de Vigo

Xénero: Miscelánea | 9 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

O Concello de Vigo encargará un proxecto para crear un Centro de Documentación e Biblioteca Musical do concello, segundo informa hoxe o Diario Metro. O obxectivo deste centro , que estaría posiblemente vinculado ao Verbum, será o de poñer a disposición dos investigadores e cidadáns o legado musical en forma de partituras, arquivos sonoros e outra documentación das entidades e artistas que hai ou houbo na cidade. Neste sentido, segundo indicou o concelleiro de cultura Ignacio López-Chaves, o concello quere traballar coas máis de cen entidades musicais de Vigo para engadir materiais ao proxecto.

Máis información na edición impresa do Diario Metro

<< Inicio / Anterior . 3171 a 3180 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR