Ir ao contido directamente.


Noticias

O grupo gañador do certame folk de Radio Obradoiro presenta o seu primeiro disco

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2007

not_9875.jpg

O grupo folk Arrás!, gañador da sexta edición do certame para grupos folk de Radio Obradoiro, presentou o seu disco “Asumindo riscos”. O disco, gravado nos estudios Phonos da Estrada presentouse este sábado 21 de abril no Teatro Principal de Santiago. O grupo Arrás, que naceu no ano 2005, está formado por Rocío Jiménez, Pablo Gómez, David Bellas, Michel Rivadulla, Manu Abraldes e Jimmy Faílde. Segundo indicaron os seus integrantes, o seu estilo procura romper co folk tradicional.

Máis información en Compostela Cultura

Dezasete agrupacións musicais da Coruña editan cadanseu disco da man da Deputación e mais da Fundación Paideia

Xénero: Miscelánea | 23 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

Unha gala no teatro Colón serviu para presentar os 17 novos CDs que publicaron outros tantos grupos da provincia da Coruña ao abeiro do programa Outro+Outro. Esta proposta, coordinada pola fundación Paideia e a Deputación da Coruña, permitiu a gravación e edición de dezasete discos, con tiraxes de mil exemplares cada un nos máis variados estilos.

Máis información no web da Deputación da Coruña

Preséntase en Xapón o disco de Carlos Núñez coa banda sonora da película de animación Gedo Senki

Xénero: Folk | 19 / 4 / 2007

not_9829.jpg

Na tenda Tower Records de Tokío Carlos Núñez ven de presentar o disco “Melodies from Gedo Senki” que recolle a música interpretada polo vigués para a película de animación Gedo Senki dos estudos Ghibli. A película, en Europa “Tales from Earthsea”, está ambientada nun mundo máxico de feiticeiros e dragóns e o director do filme Goro Miyazaki requiriu o traballo de Núñez para conseguir unha “música celta do futuro, inspirada en Irlanda, Escocia, Bretaña e Galicia, cun toque xaponés e incluso toques de flamenco” e ante a calidade da música decidíronse a gravar e editar un disco cos 23 temas da película. “Melodies from Gedo Senki” gravouse no estudio de Carlos Núñez en Galicia. O disco presentarase en concerto o día 9 de maio no Auditorio NHK de Tokío.

Máis información en La Voz de Galicia

A Sinfónica de Galicia homenaxea as sociedades musicais históricas no seu quince aniversario

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) celebra os seus quince anos de existencia, como non podía ser doutro xeito, con música. No programa de concertos programado para celebrar a efeméride latexa unha idea de fondo, a de homenaxear as sociedades musicais históricas como son a Real Academia Galega de Belas Artes, a Sociedade Filharmónica e os Amigos da Ópera de A Coruña. Ademais, a OSG estrea tamén concertos nos hospitais para achegar a música a aquelas que non poden gozar dela por motivos de saúde.

Máis información no web da OSG, El Correo Gallego e en El País

Álvaro Costas & Hot Band presenta un DVD autoeditado por eles mesmos e distribuído por Zouma Records

Xénero: Folk | 17 / 4 / 2007 + VIDEO + IMAXES

not_9765.jpg

Coa actuación efectuada en febreiro deste ano na sala Metropol de Tui, Álvaro Costas & Hot Band presenta agora un DVD autoeditado. Costas, gaiteiro e frautista foi gañador do 3º Premio do Trophee McAllan (Lorient-Francia), no 2004 empezou a coller certa confianza e gañas e comezou a experimentar co seu irmán Jesús á Darbuka. Como formación a Alvaro Costas & Hot Band comezou a existir nun concerto o 31 de decembro de 2005, no que consolidaron a súa aposta polo “Folk-Fussion”. Cunha maqueta gravada no estudio “Casa de Tolos” resultaron finalistas nos concursos “Cuartu de los Valles” en Navelgas (Asturias) e “Folkezblai” en Ermua (Pais Vasco). A formación está composta por : Álvaro Costas, gaitas e frautas; Suso Costas, batería, bodhram e percusións; Arturo Usoz, baixo; Samuel Soto, guitarra e Andrea Navarrete co acordeón e teclados.

Máis información en Zouma Records

Vigo acolle o concerto de presentación do novo disco de Mercedes Peón

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2007

not_9741.jpg

Cando xa transcorreron tres anos desde a publicación de “Ajrú” Mercedes Peón presenta o seu terceiro traballo discográfico “Sihá”. A cantante e compositora coruñesa presenta este sábado en Vigo o novo disco cun concerto no teatro García Barbón ao que seguirán outro o día 28 de abril en Bergondo e un en Barcelona o 11 de maio. O disco sae, como o anterior, baixo o seu propio selo Discotrompo e conta con dez temas composición de Mercedes Peón nos que volve experimentar sobre as súas raíces musicais tradicionais. O disco estará en tendas na semana que ven.

Máis información en El País

O festival de música “Via stellae” chega á segunda edición duplicando o número de concertos

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

O Xacobeo acaba de dar a coñecer a programación do “Via stellae” para este ano. Un programa musical que substituía aquel “Festival Internacional de Música no camiño” e que este ano duplica o número de concertos e recitais con respecto ao ano pasado. En total sucederanse 80 concertos por 34 localidades galegas e abranguerá case todos os xéneros musicais, desde a música sinfónica ata a de cámara, pasando pola lírica e a ópera.

Máis información sobre as xornada sen La Voz de Galicia, e en Galicia Hoxe, e sobre a edición anterior na nosa hemeroteca

O Festival Mózart chega á novena edición coa intención de buscar novos públicos para a ópera

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

Prezos máis asequibles, a incorporación de novos espazos como o teatro Colón e un deseño de vestiario asinado por un modisto recoñecido como Lorenzo Caprile indican un cambio de xiro na próxima edición do Festival Mozart. Con estas medidas, o festival da ópera coruñés pretende achegar este xénero clásico ao gran público. A nova cita, que terá lugar do 16 de maio ao 7 de xullo, achegarase ao contorno dramático e musical do compositor salzburgués ao representar a sobras “Il Re pastore “ e “A frauta máxica”, así como o seu “Réquiem” ou a música incidental “Thamos, Rey de Exipto”.

Máis información no web do Festival en El Ideal Gallego e en La Voz de Galicia

Vigo presenta a terceira edición do seu festival internacional de jazz con dúas semanas dedicadas a este xénero na cidade

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 3 / 2007

not_9695.jpg

O Festival Internacional de Jazz IMAXINA SONS que se celebrará en Vigo do 21 de xuño ó 1 de xullo converterá a cidade nun centro de referencia do jazz europeo. Durante dúas semanas a cidade encherase con máis de setenta actuacións creando un ambiente festivo arredor do evento. O Festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida dentro da escena musical galega ao jazz realizado en Europa. Así actuarán ante os vigueses algúns dos artistas máis representativos do jazz galego como o Kin García Trío, Nani García, S.O.S. Trío ou o Xacobe Martínez Quinteto, ademais da Imaxina Sons Orquestra. Tamén estarán presentes grandes figuras do jazz europeo como Chano Domínguez e haberá un programa de actividades paralelas. Na presentación oficial do programa a alcaldesa Corina Porro entregou á viúva de Tete Montoliu unha placa conmemorativa.

Máis información no Xornal de Vigo

Rosa Cedrón presenta o seu primeiro disco en solitario “Entre dous mares”

Xénero: Folk | 28 / 3 / 2007 + IMAXES

not_9664.jpg

Anunciado con moita anterioridade ven de saír á rúa o primeiro traballo discográfico en solitario de Rosa Cedrón. A carismática cantante e violoncelista que foi parte da banda Luar na Lubre presenta en “Entre dous mares” (Warner Music) doce temas nos que ademais de cantar é compositora da meirande parte deles, aínda que tamén inclúe melodía e letras tradicionais. Para o disco contou ademais coa colaboración nas letras de Yolanda castaño e Alba Felpete. O traballo vai marcado pola bipolaridade en varias facetas da artista, entre a música clásica e a tradicional, entre a faceta de violoncellista e de cantante, entre a súa carreira anterior e os seu novos camiños musicais.

Máis información no sitio oficial deRosa Cedrón

<< Inicio / Anterior . 3171 a 3180 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR