Noticias
Nace CoruñaSon, un certame para favorecer a formación de autores musicais
Xénero:
| 16 / 1 / 2008Unha votación na rede seleccionará os dez autores que van participar, o vindeiro mes de marzo, nun Obradoiro de Canción Popular impartido por Santiago Auserón. Este é o resumo da proposta de CoruñaSon, o certame que presentou hoxe o Concello da Coruña co apoio da Deputación e que pretende “fornecer de ferramentas teóricas e prácticas aos creadores musicais galegos”. No obradoiro, dunha semana de duración, poderán matricularse coma oíntes as persoas interesadas. Os resultados desta experiencia gravaranse posterioremente nun disco colectivo, e o web corunason.eu manterase na rede aberta a que novos autores acheguen os seus temas en galego.
Máis información no web do certame
Triángulo de Amor Bizarro é o mellor disco de 2007 segundo os lectores de SONO-TONE
Xénero: VIDEO
| 16 / 1 / 2008 +Cando nalgúns medios de comunicación comezan a preguntarse cal foi o mellor disco dos artistas do país no pasado ano, na revista SONO –TONE xa o teñen claro. O magazine en liña sobre música convocou o pasado 11 de decembro aos seus lectores para pronunciarse sobre a cuestión. Setecentas trinta e unha persoas enviaron as súas puntuacións – seis puntos a distribuír- cun resultado de 4.386 votos e unha lista de 52 discos encabezada polo disco de debut dos coruñeses Triángulo de Amor Bizarro (Mushroom Pillow), de mesmo nome que o grupo, con 217 puntos. Os lectores de SONO-TONE coinciden así con outros críticos como os do xornal Público que tamén acharon neste disco o mellor traballo musical do pasado 2007. Con só vinte e dous puntos menos a lista dos lectores colocou ao disco Tres de The Homens, editado por Falcatruada, e seguindo a este están “Finais dos 70s, comezos dos 80s” de Fanny + Alexander e “Ed Wood e a invasións dos paraugas asasinos” de Ataque Escampe. A votación fíxose a través do correo electrónico para evitar a deturpación dos resultados.
Máis información en SONO-TONE e sobre TAB nos nosos arquivos
O Festival do Norte anuncia seis actuacións confirmadas do seu cartel
Xénero:
| 15 / 1 / 2008A cita de Vilagarcía coa música moderna encarnada no Festival do Norte vai tomando cor para este ano. A organización do evento ven de facer público a parte do cartel que xa ten confirmada. Así xa se coñece que polos palcos do festival pasarán os grupos españois La Habitación Roja, Dorian, Facto de la Fé y las Flores Azules, Humbert Humbert e Standard; da escena internacional xa está confirmados os escoceses 1990's. O festival terá lugar no recinto de Fexdega en Vilagarcía os vindeiros 16 e 17 de maio e xa están á venda as entradas de abono cun prezo especial ata o 15 de marzo nos servizos de venda telefónica e por Internet de Caixanova. O cartel aínda non está completo e a organización irá confirmando novas actuacións en vindeiras semanas.
Os ponteareáns Capitan Furilo presentan cunha cea o seu primeiro disco
Xénero:
| 14 / 1 / 2008Tras algo máis dun ano dende o nacemento do grupo, Capitan Furilo autoedita o seu primeiro EP. Baixo o título de “POP?”, para o grupo de Ponteareas a edición deste disco supón a consolidación do grupo e a definición do seu propio son. O traballo contén cinco temas e foi gravado o pasado mes de outubro de 2007 nos estudios Océano de Nigrán. A presentación oficial do disco será o vindeiro sábado 26 de xaneiro en Ponteareas cunha cea – concerto. A presentación do traballo será o punto de partida dunha xira de concertos o redor da xeografía galega nos próximos meses. Capitan Furilo formouse a finais do ano 2006 deu o seu primeiro concerto en La Iguana Club de Vigo o 1 de xuño de 2007, o grupo quedou finalista o pasado mes de setembro no primeiro concurso N´saio organizado pola Dirección Xeral de Xuventude. O 26 de xaneiro, ademais de presentar o disco, as cinco cancións que o integran publicaranse na rede co fin de que cada persoa libremente poida descargalas.
Máis información en SONO-TONE
O norteamericano Sid Griffin inaugura o ciclo de música indie da Fundación Caixa Galicia
Xénero:
| 11 / 1 / 2008A música independente máis recente volve ser obxecto dun ciclo, entre outras cousas, pola súa demanda. Así o asegurou Teresa Porto, a directora da Fundación Caixa Galicia, na presentación de “Vangardas sonoras”. O festival de música “indie” sucederase ata o mes de marzo e achegará a prezos populares (entre seis e nove euros) nomes como “The Frank and Walters”, David Thomas Broughton e At Swim two Birds, alias de Roger Quigley, líder dos Montgolfier Brothers, a banda inglesa de membros franceses “Piano Magic” e, por último, o dúo musical Christina Rosenvinge e Nacho Vegas.
Máis información en Vieiros, Galiciae e no web da Fundación Caixa Galicia
Guadi Galego deixa Berrogüetto e entra Xabier Díaz a substituíla
Xénero:
| 10 / 1 / 2008Nun comunicado aos medios o emblemático grupo folk Berrogüetto ven de anunciar dous importantes cambios na súa formación. Deixa o grupo a cedeirense Guadi Galego, cantante e gaiteira de Berrogüetto durante 10 anos, e entra nel, ocupando as mesmas labores, Xabier Díaz, vocalista, gaiteiro e percusionista. Despois da xira de presentación do seu traballo de aniversario “10.0”, o grupo afronta así un ano cargado de proxectos e comeza a pensar no seu quinto traballo discográfico. No comunicado a banda agradece a Guadi “os anos dedicados ó grupo, a súa voz, as súas composicións, a súa compañía e amizade.” Guadi Galego ten xa dous discos publicados con outros proxectos musicais á marxe de Berrogüetto nos últimos anos, “Espido”, co seu compañeiro de Berrogüetto Guillermo Fernández, e Nordestin@s con Ugia Blanco e Abe Rábade. Xabier Díaz ten editados os discos “Músicas de Salitre, tamén xunto a Guillermo Fernández, e “Coplas para Icia”.
Tema sobre Nordestin@s nos nosos arquivos
O Foundation Reggae Festival organiza un concurso de grupos de ámbito nacional
Xénero: VIDEO
| 10 / 1 / 2008 +Unha das novidades da oitava edición do Foundation Reggae Festival en Culleredo o vindeiro mes de setembro será a subida ao escenario dun grupo elixido a través dun concurso de ámbito nacional. Esta concurso xa existía, e segue existindo, para bandas da comunidade galega que quedan excluídas da competición nacional. A Asociación Cultural Negus é a impulsora deste festival xenérico, referente nacional deste tipo de música, co apoio do Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña. As bases contemplan tamén que as obras presentadas poderán escoitarse no sitio web do festival durante todo o ano, así como unha votación popular en liña que podería supor a invitación a participara ao grupo máis votado ademais de ao que elixa o xurado. As bases para grupos galegos non inclúen estes apartados.
Ortigueira convoca un concurso iberoamericano de composición para bandas de música
Xénero:
| 9 / 1 / 2008Malia ser musicalmente máis coñecida polo festival celta a vila coruñesa de Ortigueira terá agora presenza internacional no circuíto das bandas de música. O Concello ven de presentar o I Concurso Iberoamericano de Composición para Banda de Música “Vila de Ortigueira”, un certame que nace coa colaboración de máis dun cento de orquestras e formacións de ata 12 países. O galardón carece de dotación económica pero a peza gañadora será interpretada por todas as bandas e orquestras colaboradoras que enviarán ao compositor un certificado de estrea da peza nos seus respectivos países e localidades. O prazo de envío está aberto ata o 12 de marzo deste ano.
Máis información en Concello de Ortigueira
O IGAEM potencia a distribución e a produción nas axudas para o sector escénico e musical
Xénero:
| 9 / 1 / 2008O vindeiro luns 14 sairá publicada a convocatoria das axudas para o sector escénico e musical, pero o boletín e-scena do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais avanza algúns datos. En primeiro lugar, que esta entidade destinará 2.120.000 euros a promover o sector, o que supón un 35% máis con respecto á última edición. O incremento afecta, sobre todo, á creación e a distribución, o que incide na idea apuntada en varias ocasións desde a Consellaría de Cultura de fomentar a produción de danza, teatro, música e maxia e buscar novas vías para mover os espectáculos. Outra das novidades pasa pola introdución de elementos correctores nos baremos e que toda a documentación será valorada por tres comisións. Ademais, as axudas a investigación e estudo desaparecen en favor da formación especializada. Todo isto engádese ao xa anunciado “Crédito-Cultura”.
Máis información no boletín e-scena (en pdf) e nesta nova o Crédito Cultura
Publícase o concerto de fin de carreira do primeiro gaiteiro titulado superior
Xénero: AUDIO + IMAXES + VIDEO
| 8 / 1 / 2008 +Xosé Luís Miguélez é a día de hoxe o primeiro gaiteiro titulado superior en Música Tradicional de toda a península, esta honra acadouna no 2006 despois de ser un dos primeiros en cursar esta titulación no Conservatorio Superior de Música de Vigo e de dar en novembro de 2006 o seu concerto de fin de carreira no Auditorio do devandito centro. Ese concerto é o que agora recolle nun disco gravado ao vivo e que titula “Esperanza”. A editorial Dos Acordes edita agora este CD que presenta un novo repertorio para gaita galega, baseado en composicións que van, dende a música inspirada na tradición, ata unha linguaxe máis contemporánea. O disco conta coas colaboracións de Lucía Martínez ou Pablo Diago entre outros e nel preséntanse composicións inéditas, algunhas delas estreadas para a ocasión, de músicos como, Ernesto Campos, Ricardo Courtier, Xan Míguez, Paulo González, David Bellas ou o propio Miguélez. Na súa faceta como saxofonista Xosé Luís, que ten un longo percorrido formativo, é tamén un dos novos valores do jazz do país.
Máis información no sitio de Xosé Luís Miguélez