Noticias
O Esmorga Fest revive como "infinito" grazas ao acordo coa Deputación de Lugo
Xénero:
| 24 / 2 / 2023Tras o anuncio da desaparición definitiva do Esmorga Fest a mediados do mes de xaneiro, orixinouse unha corrente de apoios e agarimos cara a este evento de referencia da música independente e alternativa de Sarria que culminou con novo comunicado de resurrección. A organización fixo público a finais do mesmo mes un acordo coa Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo que lles deu as garantías precisas para cubrir as axudas necesarias desde organismos públicos cara a continuidade da cita referencial de Sarria no panorama musical. Hoxe o festival xa ten datas, sacou á venda os abonos e inicia a presentación do seu cartel artístico. O novo "Esmorga infinita" levará a cabo a súa nova edición os días 19 e 20 de maio e conta xa con cinco nomes que ofrecer dentro da súa liña musical: Los Punsetes, The Parrot, Ghouljaboy, Castro e Yawners.
Dios ke Te Crew celebra cunha xira o seu vinte aniversario
Xénero:
| 22 / 2 / 2023Unha das bandas de referencia do hip hop e o rap en galego deste século, a formación de Ordes Dios Ke Te Crew, celebra este ano os seus vinte anos de actividade. Para estás dúas décadas desde a súa formación en 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock regesa aos escenarios cunha xira nomeada "Tremendos Anos 20" na que revisarán as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. A primeira parada da xira ‘Tremendos Anos 20’ será na sala Masterclub de Vigo (rúa Urzáiz) o venres 3 de marzo. Dúas semanas despois, o sábado 18, DKTC chegará até o Playa Club da Coruña, cidade á que regresa logo dos seus exitosos directos no Festival Noroeste e nas festas veciñais do barrio de Monte Alto.
Pesar polo pasamento de Moncho Díaz
Xénero:
| 20 / 2 / 2023Ramón "Moncho" Díaz falecía o pasado venres, 17 de febreiro aos 70 anos, como consecuencia dunha enfermidade que viña padecendo desde hai tempo. O monfortino foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979, onde ademais de tocar as frautas e a guitarra engadía a súa poderosa voz aos temas da formación, sumando o seu timbre aos das outras emblemáticas voces, como a da súa parella Tareixa Novo. Na parte profesional, Móncho Díaz exerceu como técnico de son de radio, traballando en emisoras como Radio Obradoiro e Radio Galega. Todos os medios do país e outros a través de edicións locais, recolleron o pasamento de Díaz. Nas redes sociais a formación folk publicou unha foto de Moncho, acompañada da frase, "Sempre e máis despois", título dun poemariod e Manuel Antonio e tamén do disco gravado en directo pola formación en 1999, co que volveron ao primeiro plano da escena musical tras moitos anos sen gravar.
Måi preséntase co álbum Nigredo
Xénero:
| 17 / 2 / 2023Xa está dispoñible o disco 'Nigredo', primeiro traballo longo de Måi, unha nova formación liderada pola artista Iseo Agilda, que conta co produtor Tomás Ageitos e a cellista Margarida Mariño. Unha década de traxectoria musical en outros proxectos como Sacha na Horta e Blues do País avala a experiencia de Iseo, que con Måi fao o seu proxecto máis persoal, que presenta a través da Plataforma A Regueifa 2.0. Nos oito temas que presenta 'Nigredo' ofrécese, segundo comunica a plataforma, unha simbiose do orgánico e o artificial que vai do folk ao pop e á electrónica, unha proposta que parte dun son moi persoal, urbano e ecléctico, deseñado xunto a Tomás Ageitos na produción e composición e gravado en Estudios A Ponte. O cello de Mariño xúntase co manexo da electrónica de Ageitos que actúa sobre ás percusións tradicionais na creación de atmosferas densas e cálidas nas que sobrevoa a voz de Iseo. O disco xa pode escoitarse nas principais plataformas en rede. O álbum conta tamén coas colaboracións nas voces de Yolanda Pose (Pura Mesura), achegando o seu rap no tema "Cando volvan as mareas" do que xa hai un vídeo de presentación; e de Fernando Barroso co oud e o bouzouki no tema Inshalla.
Nace en Bruxelas o festival Emigrason
Xénero:
| 14 / 2 / 2023"Levar a cultura, folclore, tradición e vangarda musical de Galicia á vila das frites e a cervexa". Este é o obxectivo de Emigrason, festival musical que se celebra en Bruxelas o vindeiro 25 de marzo. The Rapants, Lemon Pears, Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Filloas e Berto compoñen o cartel da primeira xeira desta iniciativa.
Consternación pola inesperada morte de Mangüi Martín
Xénero:
| 16 / 1 / 2023"Todo amor e un músico extraordinario" así definía Xurxo Souto a Mangüi Martín nun emocionado artigo publicado este domingo no xornal La Voz de Galicia apenas 24 horas despois de que se fixese pública a súa inesperada morte. Martín, de 50 anos de idade, aparecía morto na mañá do sábado no domicilio familiar, sen enfermidade previa nin causa aparente. A noticia caeu como unha bomba sobre o sector da escena musical galega e máis marcadamente na súa cidade, A Coruña, onde era moi coñecido pola súa actividade e gabado pola súa disposición e carácter. O músico, que nos seus primeiros pasos profesionais como baixista acompañou a Luar Na Lubre en varias actuacións en directo, ou formou parte de proxectos como Miki Nervio & The Bluesmakers, firmou algúns dos seus mellores achegas formando parte do Diplomáticos de Monte Alto, cos que estivo once anos, entre 1990 e 2001 e cos que gravou algúns dos máis emblemáticos traballos da formación coruñesa: 'Arroutada Pangalaica' (1991), 'Parrús' (1993), '¡Avante toda!' (1995) e 'Capetón' (1999). Na Coruña, lugar onde residía e onde creceu, malia ser natural do Ferrol, o seu falecemento causou fonda consternación, deixando clara a estima que se lle tiña, polas súas calidades non só como músico senón tamén persoais. Así, a triste nova motivou a publicación de mensaxes de condolencia que fluíron, tanto desde a escena musical e cultural da cidade herculina, como desde as súas institucións, como o propio Concello da Coruña, que tamén fixo público o seu pesar, así como varias das formacións políticas que o integran. Souto, compañeiro nos Diplomáticos, que foi quen recrutou a Mangüi para a formación deixa clara a enorme achega do músico e o fondo da súa pegada no país: "A súa liberdade foi impulso do noso bravú".
O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país
Xénero:
| 9 / 1 / 2023O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na tarde deste sábado 7 de xaneiro a segunda edición do festival Espalla Rimas. O encontro dedicado á improvisación oral coroou de novo a Lupe Blanco como mellor reguefeira do país. A bergantiñá impúxose, ao igual que o pasado ano, na categoría RegueiAstros, onde competía contra os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo. Suso de Xornes foi finalista neste apartado.
A Asociación Amigos da Ópera de Santiago comeza o ano con dúas producións propias
Xénero:
| 3 / 1 / 2023Dous espectáculos no Auditorio de Galicia inician a actividade da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago en 2023. O vindeiro xoves día 12 chega a escena, dirixida por Rafael F. Villalobos, A voz humana, unha adaptación da obra de Francis Poulenc en pequeno formato. A soprano dramática Nicola Beller Carbone, o pianista Juan Pérez Floristán e o actor Luis Tausía protagonizan esta montaxe que ten xa á venda as súas entradas.
Portamérica, Río Verbena e WOS Festival sitúanse finalistas nos premios dos festivais europeos
Xénero:
| 23 / 12 / 2022Tres festivais galegos mantéñense como finalistas nos European Festival Awards, os galardóns da industria do sector destes eventos a nivel europeo, que este ano celebran a súa XIIª edición. Dos oito eventos galegos que presentaron as súas candidaturas nalgunhas das 16 categorías, só tres deles aguantan xa como finalistas: Portamérica, Río Verbena e WOS Festival. Este último, o WOS Festival x SON Estrella Galicia, figura como finalista ao premio a Mellor festival celebrado en recinto pechado do 2022. Nesta categoría o evento santiagués xa foi recoñecido en 2018 como o mellor de Europa daquel ano.
O Consello da Cultura pon na rede unha primeira gravación sinfónica do compositor Carlos López García-Picos
Xénero:
| 22 / 12 / 2022Neste 2022 a piques de rematar celebrouse o centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922- Oleiros, 2009) músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural, etc) sempre comprometido coa causa galega. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galicia encaixou dentro da atención especial ás contribucións á cultura galega realizadas no exilio, en consonancia coa figura elixida no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán. No marco da conmemoración o Consello ven de difundir en aberto a través da súa páxina web institucional a primeira gravación realizada da obra sinfónica de García-Picos ' Sindy, A.31', estreada o 8 de agosto de 1976 dentro dun concerto da Tempada Oficial do Teatro Colón de Bos Aires, pola Orquestra Filarmónica de Bos Aires baixo a dirección de Mario Benzecry. A peza, de 11 minutos de duración, pode escoitarse íntegra na sección especial de contidos dedicados á comemoración da memoria do músico. A gravación difundida repousaba na Colección Pampillón do Arquivo Sonoro de Galicia que agora, como colofón dos actos de celebración do centenario do nacemento do músico, o Consello da Cultura galega (CCG) pon na rede cun estudo contextualizador a cargo de Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.