Ir ao contido directamente.


Noticias

O Teatro Colón acollerá o Concerto das Letras do Consello da Cultura

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

O Grupo Instrumental Siglo XX, a formación de música contemporánea máis antiga de Galicia, protagoniza baixo a dirección de Florian Vlashi a décimo cuarta edición do Concerto das Letras, co que o Consello da Cultura galega homenaxea cada ano as personalidades homenaxeadas polo Día das Letras Galegas. O Teatro Colón da Coruña albergará o vindeiro 16 de maio, a partir das 20.30 horas, esta actividade que evoca a faceta musical de Luísa Villalta cunha presenza destacada de violíns, instrumento da protagonista da celebración, e cunha selección dos seus compositores favoritos.

Abren as votacións para escoller os Premios Martín Códax da Música

Xénero: Miscelánea | 25 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acollían na noite deste 24 de abril a festa de finalistas dos XI Premios Martín Códax da Música, que organiza a asociación Músicas ao Vivo. Na mesma déronse a coñecer os nomes dos 45 proxectos, tres por categoría, que aspiran a facerse cun galardón na gala que se celebra o vindeiro 15 de maio en Pontevedra.

O XVIIº Festival Pórtico do Paraíso ofrecerá concertos en Ourense, Castro Caldelas e Cea

Xénero: Antiga | 19 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso celebrará a súa 17ª edición do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska. O festival que leva o nome desta peza do catedral ourensá está organizado pola Asociación Pórtico Musical e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial, pero non co do Concello de Ourense.

Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

Os Premios MIN da industria da música independente española chegaron a pasada noite ao remate da súa XVIª edición en Zaragoza e amosan, unha vez máis, o bo estado de calidade da escena musical galega actual e dos músicos xurdidos dela. O proxecto Baiuca do catoirán Alejandro Guillén foi o protagonista da noite grazas ao seu EP conxunto realizado coa artista de Elx (Valencia) Alba Reche. A súa colaboración de título 'Diamante / La mare' (Raso estudio), que fusiona electrónica e folclore galego fíxose cos premios 'Radio 3 á Canción do ano', 'Premio SAE Spain á Mellor Produción Musical' e o de 'Mellor Gravación Electrónica', un premio este derradeiro que Baiuca xa acadou no ano 2022 nos Premios Min grazas ao seu traballo 'Embruxo' (Raso estudio).

Danza 3 chegará a 18 concellos na súa nova edición

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A música e o baile tradicional que propón o programa Danza 3 achegarase este 2024 a un total de 18 concellos ata o vindeiro mes de setembro. A Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba este 12 de abril a duodécima edición do programa, que protagonizan un ano máis as formacións Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

Pauliña aposta polo idioma con perspectiva punk no seu cuarto disco

Xénero: Fusión | 11 / 4 / 2024

Paulinha_Galegoisnotdead.jpg

Oito temas rápidos e metralladores, cada un no seu estilo e coa súa mensaxe conforman o novo traballo longo de Paula Chaves, coñecida artísticamente como Pauliña, 'Galego is not dead' (Xonix Records), un título e unha portada con referencias punks dos Exploited, os Sex Pistols confirmadas na letra do tema 'Crime e castigo' e outras que teñen que ver máis con The Clash noutros temas. O cuarto traballo da artista chega tres anos despois do seu anterior traballo longo 'Testemuñas' (Xonix records, 2021), tempo no que co seu proxecto estivo moi presente en festivais e dando concertos por toda a xeografía. De novo para a composición Pauliña conta con Paco Montoto e Lolo Arincón, membros fixos da súa banda. Eles asinan sete dos temas con ela, agás o que pecha o disco 'Detective Conan' versión dunha canción do ánime xaponés do mesmo título. O repertorio do novo traballo inclúe as sonoridades entre o rock and roll, o ska e outras mesturas que son habituais nos discos da de Cambados. As letras sempre afiadas, rápidas e contundentes serven para explorar as posibilidades da voz da artista. O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Embaixada da musica galega en Lorient

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

"A mocidade dos países celtas" é o lema arredor do que se constrúe este 2024 o festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. A súa edición número 53 comezará o 10 de agosto e ata o día 18 reunirá na cidade bretoa un compendio de músicas dos países e as culturas unidas pola identidade celta. A representación da música galega correrá a cargo de diferentes artistas e proxectos que van desde as formacións de corte máis tradicional eos artistas consolidados ata as novas promesas e interpretacións máis avanzadas. Neste caso a lista está encabezada por Carlos Núñez, ben coñecido nesas terras bretoas, que acudirá a Lorient a presentar o seu novo disco e espectáculo 'Celtic Sea'. No programa estarán tamén as agrupación tradicionais Rebulir de Ramirás en Ourense e Banda de gaitas Arume de Malvas, en Tui, así como a proposta contemporánea do trío Caldo. Como é habitual algúins dos músicos máis prometedores da gaita estarán nesta cita que reúne a especialistas de todo o mundo nese instrumento. Por Lorient pasarán Manu Seoane, María López e Pablo Seoane. Tamén estará representada a puxanza das cantareiras e a pandeireta, grazas a Laura Iglesias Buján, que participará do Interceltique Music Camp, durante o festival.

O OurenSound Fest deixa Ourense por desencontros co concello

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A organización do festival Ouren Sound Fest ven de facer público nun comunicado a súa decisión de sacar do concello de Ourense a súa vindeira edición a celebrar do 23 ao 25 de maio. Así, a pouco máis dun mes para a súa celebración e cun cartel xa presentado e abonos xa á venda desde fai meses, o festival trasládase desde as instalacións previstas en Bemposta ata o concello de Pereiro de Aguiar, no que as actuacións de pago terán lugar dentro do Complexo Deportivo de Monterrei, mentres que as de balde celebraranse na Praza da Capilla, no centro da localidade. A radical decisión ven motivada, segundo a organización, polos "desencontros e falta de entendemento entre concello e produtora". O festival, que ten patrocinios da Xunta de Galicia e da deputación Provincial, asegura crear co seu evento un retorno económico de máis de 700. 000 euros e máis de 250 postos de traballo. A organización sinala que seguirá habendo conexión co novo recinto desde o centro de Ourense, que por outro lado non está moito máis lonxe que o anterior, iso si, nun concello que segundo eles, acolle ao festival "cos brazos abertos" poñendo "todas as facilidades para poder levalo a cabo". O festival ten un cartel xa confirmado con numerosos nomes da escena musical galega e presentan esta edición como a máis ambiciosa ata o momento.

O Galegote volve aos bares e inclúe artistas portugueses

Xénero: Miscelánea | 9 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

O 27 de abril terá lugar unha nova edición do Galegote (anteriormente Galegote Rock) en Pontevedra, o festival que reúne unha selección da ampla oferta da escena musical en lingua galega. A cita, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, presenta algunhas novidades nesta edición número 12, ademais da simplificación do seu nome. Unha das novidades máis importante é o feito de que recupera os bares como escenarios principais e ofrecerá neles 14 actuacións repartidas durante o día nos seguintes establecementos: O Diaño, Tabula Rasa, Nasa, La Hormiga, La Pomada, O Grifón, O’Panderetas, La Verbena, Chirala, The Groove House e Sopa de Gallo. Outra da novidades é á incorporación de música do veciño portugal, na súa lingua propia. Así o cartel do festival, que non renuncia ao xénero do rock aínda que é máis amplo, agrupa bandas galegas con traxectoria, voces emerxentes e representación local, con nomes coma Moura, Lacón sen Jrelos, Ataque Escampe, Caldo, Hydn ou Zeltia Irevire, ente outros, e inclúe ademais dúas presenzas lusas: Duques do Precariado e compositora Érika Machado. Entre todos conforman o programa desta xornada festiva e musical, que contará tamén con programación infantil, da man de Cora Velasco e Sandra Asín. Todas as actuacións teñen entrada libre e de balde.

Nova edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera

Xénero: Antiga | 8 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

A igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, pertencente ao conxunto que coa reitoral foi declarado o pasado ano Ben de Interese Cultural (BIC) acollerá unha nova edición, a número XVI do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera. O programadesenvolverase do 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán dentro desta singular igrexa situada no rural do concello pontevedrés de Covelo dinamizando o lugar, próximo a Mondariz. O primeiro concerto correrá a cargo de Vox Stellae. O 25 de maio será a quenda do grupo Ars Longa, mentres que o 15 de xuño de Ensemble Orphelion. En xullo, a primeira das citas será o día 6 da man de Judith Jauregui e o día 20 actuarán Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, con dúas citas, encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera o Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.

<< Inicio / Anterior . 31 a 40 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR