Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O XVIIº Festival Pórtico do Paraíso ofrecerá concertos en Ourense, Castro Caldelas e Cea

COMEZA O VINDEIRO 3 DE MAIO E HABERá CINCO CONCERTOS ATA O DíA 12

O XVIIº Festival Pórtico do Paraíso ofrecerá concertos en Ourense, Castro Caldelas e Cea

ANTIGA | abril 19, 2024

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso celebrará a súa 17ª edición do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska. O festival que leva o nome desta peza do catedral ourensá está organizado pola Asociación Pórtico Musical e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial, pero non co do Concello de Ourense.

Na cidade de Ourense terá lugar o concerto inaugural que correrá a cargo do cuarteto vocal Cantoría o 3 de maio no Liceo, mentres que o Teatro Principal acollerá a actuación do trío español de clarinete, viola e piano, Música y Memes, o día 7, e o acordeonista serbio Miloš Milivojević tocará na Igrexa de Santo Anxo o día 10. No cartel deste ano, o castelo de Castro Caldelas acollerá o 5 de maio o dúo galego-polaco no que se xuntan os talentos do arpista compostelán Manuel Vilas e a voz da mezzo-soprano especializada en música antiga pola Universidade de Varsovia, Paulina Ceremuzynska. Outro espazo arquitectónico singular, o do Mosteiro de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 12 de maio a cargo do grupo de voces, violín e percusións Diabolus in Musica, procedente de Francia. Nesta edición, en paralelo ao programa de concertos, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá dúas sesións nas que o alumnado terá a oportunidade de coñecer de cerca o traballo do grupo vocal español Cantoría, que visitará o centro o 2 de maio, e do acordeonista serbio Miloš Milivojević, que compartirá unha sesión con estudantes o día 9. As entradas xa están dispoñibles.