Noticias
Ecléctica Ensemble presenta o seu disco en sociedade na Coruña e Vigo
Xénero: | 12 / 9 / 2008 + AUDIO
O colectivo musical no que militan Ugia Pedreira, Ramón Pinheiro, Nacho Muñoz, Richard Rivero e Phiplippe Copin entre outros volve á carga na presentación do seu primeiro disco autoeditado Ecléctica Ensemble. Malia que o 19 de xuño fixérase xa una festa de presentación do disco é agora, pasado o verán e os compromisos dos músicos, cando fan una presentación en sociedade a través de dous encontros co seu público na Coruña e Vigo. Ramón Pinheiro e Nacho Muñoz actuarán como voceiros do colectivo presentando a filosofía deste peculiar traballo musical. As citas comezan hoxe ás 19 horas na Fnac da Coruña e seguen o vindeiro martes ás 11:45 horas no MARCO en Vigo. Un espectáculo multimedia amenizará as presentacións. O vinilo de seis temas ven acompañado por un CD coas cancións e un cartel deseñado por Pancho Lapeña de Aduaneiros sem fronteiras. Ecléctica Ensemble naceu ao abeiro do Conservatorio de Música tradicional e Folque de Lalín no ano 2000.
Kimuru presenta en concerto o seu segundo disco Piedras y Confetis
Xénero: | 10 / 9 / 2008
Quique Fernández Muruáis, o músico de Lugo tamén coñecido como Kimuru, actúa hoxe ás 21 horas no Parque Rosalía de Castro da súa cidade na que será a presentación pública do seu segundo traballo. En “Piedras y Confetis” Kimuru volve aos métodos compositivos e aos temas que xa usou en “Todas las naves espaciales son de plástico” (Falcatruada, 2006) malia asegurar que non se trata de un disco continuista co anterior grazas a un distinto sentido da atemporalidade. O disco está producido de novo por Arturo Vaquero e o propio Kimuru, sae autoeditado e foi gravado a finais do 2007 nos Estudios Abrigueiro de Friol Lugo. Entre os cambios máis notables está a entrada de novos músicos no proxecto musical liderado por Quique Muruáis, como son Xosé Luis Saqués á batería e Xavier Pérez no piano e guitarra. A entrada ao concerto é de balde.
Som do Galpom gaña o II Nsaio no Camiño
Xénero: | 5 / 9 / 2008
O quinteto de Ames Som do Galpom fíxose gañador do II Certame Nsaio no Camiño, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e o Xacobeo. O grupo asinará agora un contrato cunha discográfica estatal e outro cunha empresa de management. Canda a eles, chegaron á final Maryland, Telémaco, Sinefres e Loba Loo dos 150 grupos que se inscribiron no certame. Os finalistas terán agora a oportunidade de participar en circuítos de música ao vivo e diferentes eventos.
AGADIC abre a convocatoria para a Rede Galega de Música ao Vivo 2009
Xénero: | 4 / 9 / 2008 + DOCUMENTO
Abriuse o pasado 1 de setembro e ata o 30 deste mes a convocatoria a músicos e salas para apuntarse na Rede Galega de Música ao Vivo por o ano 2009. Este programa, agora convocado desde a nova Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC- presenta algunhas variacións nas normas de funcionamento que o rexerán na seguinte xeira. Se ben o caché máximo que pode presentar un grupo mantense nos 800 euros rebaixa o número de concertos esixibles de seis a catro actuacións contratadas para ter una proposta musical na rede. A nova convocatoria tamén cambia o modelo de subvención ás salas das actuacións do 85% fixo anterior a entre 75% e 90% en función do caché dos músicos, a máis caché menos subvención, e da lingua que estes usen, apoiando cun 5% de subvención adicional os casos de músicos e grupos que usen a lingua galega. Suprímese tamén o reparto entre músicos e sala das recadacións de billeteira que superen a inversión, quedando o empresario co resultado íntegro de venda das entradas.
O teatro galego comparte protagonismo nas programacións de Santiago e Vigo
Xénero: | 4 / 9 / 2008
Diferentes entidades presentan estes días a súa programación cultural para os vindeiros meses. Onte fíxoo o concello de Santiago que segue fiel ao seu estilo programando teatro galego, o ciclo de Lied mais o regreso do programa de baile SCQ Danza. Ademais, coincide co inicio da temporada da Real Filharmonía de Galicia que ofrecerá un concerto na Catedral o vindeiro día 26. Pola súa parte, o Teatro Principal de Ourense acollerá 23 espectáculos nos que se pon o énfase no teatro galego e no ballet clásico. Ademais, os programadores presentaron un ciclo de música de cámara todos os xoves co que pretenden combater a idea de que a música é só para as elites.
Fuxan os ventos ofrecerá dous concertos en Santiago tras vinte anos da súa última actuación
Xénero: | 3 / 9 / 2008 + IMAXES
Hai máis de dúas décadas que o grupo Fuxan os Ventos decidiu poñer punto e final a unha traxectoria de máis de trinta anos e oito disco editados. Despois de todo este tempo,os seus compeñentes decidiron voltar ao escenario para dous concertos. Son os que fan parte do ciclo Sons da Diversidade que organiza a concellaría de Cultura en Santiago e no que porán en escena o espectáculo Terras de soño. Nas sesións recuperarán as súas cancións máis senlleiras como A Carolina ou A Sementeira na compaña dalgúns dos “seus mellores amigos”, tal e como figura na nota de prensa remitida. A cita será os días 18 e 19 de outubro en Santiago.
Xa están decididos os cinco grupos finalistas do certame Nsaio no Camiño
Xénero: | 2 / 9 / 2008
A clasificación esta pasada fin de semana dos boirenses Sinefres (rock) e dos composteláns Loba Loo (folk) pecha o cartel de finalistas desta II edición de Nsaio no Camiño que se completa con Maryland (categoría pop), Som do Galpom (mestizaxe) e Telémaco (novos valores). Lugo acollerá este xoves, 4 de setembro, a fase final deste certame na que competirá un grupo por cada unha das categorías musicais do certame. Un xurado especializado escollerá ao gañador definitivo de Nsaio no Camiño 2008. O premio será a gravación dun disco nun dos mellores estudos de gravación de España e a sinatura dun contrato cunha discográfica de nivel estatal e máis un contrato de management. O traballo discográfico será distribuído e promovido en todo o Estado. O artista consagrado que respaldará este concerto será o grupo de rock e tex-mex Los Lobos.
O primeiro disco de Indana Bichos sae hoxe á venda
Xénero: | 1 / 9 / 2008 + VIDEO
Desde hoxe xa se pode adquirir nas principais tendas de discos de Galicia, así como a nivel estatal en en Fnac, El Corte Inglés, Gong e Elkar o disco Bichos, primeiro traballo discográfico do grupo Indana. O disco é un traballo autoeditado con 10 temas e gravouse nos estudios Oceano de Vigo, con Javier Abreu aos mandos técnicos e nel o cuarteto santiagués plasma o seu peculiar son de rock alternativo con diversas influenzas. O disco, que distribúe a Lonxa Cultural, tamén se pode mercar a través do sitio web do grupo e aínda non se coñecen as datas de presentación en directo dos seu temas, cousa que se saberá nos vindeiros días. Indana foron os gañadores do certame Laiosa Soa 2007 de grupos noveis e no seu My Space poden escoitarse versións demo dos temas do seu disco así como vídeos das súas actuacións.
Vigo é o concello que máis inviste en concertos
Xénero: | 27 / 8 / 2008
Con 2.1 millóns de euros, Vigo convértese na cidade galega que máis inviste en contratación de grupos musicais, por diante de A Coruña (2 millóns), Santiago (1.4 nas festas do Apóstolo e a Ascensión) e Lugo (1.3 millóns no San Froilán), segundo informa hoxe El Ideal Gallego. A Coruña, sen embargo, é a cidade que xuntou a máis público nos seus eventos musicais. A programación de concertos, ademáis, ten diferencias acusadas entre Vigo e A Coruña. Mentres a cidade olívica ten unha oferta máis variada en estilos e multicultural, A Coruña realiza unha selección de grupos "de moda" que satisfagan a un público máis heteroxéneo.
Arrinca o festival de jazz de Cangas
Xénero: | 26 / 8 / 2008
A conexión entre o jazz da Grande Mazá e mais a vila mariñeira de Cangas é o eixe da XI edición de Canjazz, o festival dedicado a esta música que se celebra na localidade do Morrazo. O evento, que se desenvolve entre o 27 e o 29 de agosto, contará coa presenza de recoñecidos intépretes coma Marcus Strickland, Lage Lung ou Doris Cales. Canda a eles, cangueses de proxección internacional, coma o pianista Xan Campos e o batería Iago Fernández conforman un programa que se completa con jam sessions, pasarrúas e a gravación dun disco a cargo da formación Canjazz Reunion.


