Noticias
O jazz e a maxia van da man en Jazzia
Xénero: | 3 / 10 / 2008
O músico Abe Rábade xúntase ao mago Kiko Pastur neste espectáculo que estrean este sábado, 4 de outubro, no Teatro Colón da Coruña e que logo levarán por Ourense (22 de outubro), Pontevedra (28 de outubro) e Lugo (3 de decembro). Jazzia reúne a estes dous talentos nun formato no que a música non actúa de simple acompañamento senón que fai parte da posta en escena e do resultado final, contribuíndo desde ambas artes a crear una atmosfera especial. Rábade achega composicións orixinais que cobren case todos os estilos do jazz contemporáneo. O seu disco máis recente é Open doors, editado este ano por Nuba + Karonte Records, que supón a segunda entrega da serie Ghu! Project iniciada en 2004. No novo disco a formación amplíase a septeto xunto a Perico Sambeat (saxo alto), Chris Kase (trompeta), Jesús Santandreu (saxo tenor), Alan Ferber (trombón), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Open doors está concebido como unha obra unitaria en 8 partes. Os temas están enlazados por breves interludios (cada un deles interpretado por un solista diferente).
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o Ciclo de Músicas Prohibidas
Xénero: | 1 / 10 / 2008
Pecados, Ciclo de Músicas Prohibidas, é a nova proposta musical que se desenvolverá en Pontevedra este outono. A proposta do Concello desenvolverase maioritariamente no Pazo da Cultura desta cidade, cos concertos de Tumani Diabaté (12 de outubro), Stereolab (21 de novembro) e The Residents (9 de decembro). Ademais, desde hoxe mesmo e ata mañá, o Dúo Dithyrambe interpretará por diferentes prazas da cidade as súas versións operísticas de temas punk, disco e pop contemporáneos. Para rematar, o ciclo propón para os días 4, 5, 11 e 12 de outubro un punto de intercambio de CDs no que os interesados poderán deixar os seus discos e recibir en troca un compacto que a organización promete "único".
A tradición televisada
Xénero: | 1 / 10 / 2008 + AUDIO
Dez da noite do mércores. Unha de cada cinco persoas que están a ollar a televisión en Galicia observa como canta unha señora entrada en anos ou como uns gaiteiros, tamén coa súa idade, interpretan vellas pezas musicais. Cunhas envexables cifras de audiencia, Alalá está a conseguir achegar a música tradicional aos máis novos e difunde o rico legado da nosa tradición. O director do programa, Senén Bernárdez, explícanos como se xerou este sorprendente éxito cando se celebra o Día Internacional da Música.
Música sacra inaugura na Catedral de Santiago a temporada da Real Filharmonía
Xénero: | 26 / 9 / 2008
A catedral de Santiago abrirá as súas portas esta noite (21:00 horas) para acoller unha das grandes citas da temporada: o concerto de apertura da temporada da Real Filharmonía de Galicia. O acto conta cun programa de música sacra de Mozart (Sinfonía número 33 e Misa en Do maior, kV337) e será dirixida por Antoni Ros Marbá, un especialista na execución das obras do compositor salzsburgués. A temporada conta con numerosas citas relevantes nas que destacan o concerto que compartirá coa Sinfónica de Galicia (30 de outubro) ou a visita do director David Atherton, xun to co pianista Paul Crossley nun monográfico a Igor Stravinsky (16 de outubro).
Luis Soto e Diego García promoven a creación dun repertorio musical galego para frauta e piano
Xénero: | 23 / 9 / 2008
ARTeria Noroeste achegará esta tarde (20:00 horas) un concerto de Luis Soto e Diego García cun programa moi particular: pezas de compositores galegos para piano e frauta. Non é máis que a punta do iceberg dun proxecto que leva o nome de Galicia 21 que pretende crear: primeiro, un repertorio galego para estes dous instrumentos; segundo, formar unha editorial que poida editar esas partituras para que, en terceiro lugar, poidan pasar ao currículo académico dos estudantes de música. Un proxecto ambicioso posto en macha Luis Soto e ao que se uniu Diego García nese afán por arquivar e manter o patrimonio musical galego.
O folk de Vic Chessnutt abre o venres o Outono Sinsal en Vigo
Xénero: | 17 / 9 / 2008
Será a partir deste venres, día no que os norteamericanos Vic Chesnutt e o grupo Elf Power protagonizarán no Centro Cultural Caixanova o primeiro dos concertos do Outono Sinsal, un dos festivais de música contemporánea máis atractivos de Galicia. O post-jazz de The Necks serán o vindeiro concerto, o sábado 25 de outubro, tamén no auditorio do Centro Cultural Caixanova. O festival rematará con dous concertos na pequena sala do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), de Pantaleimon e Lightning Bolt, o 24 de novembro.
O compositor Juan Durán explícanos o proceso de creación de O arame
Xénero: | 15 / 9 / 2008 + AUDIO
É a primeira ópera galega do século XXI. Estreouse esta fin de semana ante un público entre os que se atopaban expertos como Alberto Zedda (un dos directores máis coñecidos) ou a soprano Ainhoa Arteta que tiveron palabras eloxiosas para O arame. É a ópera da que Juan Durán fixo a composición musical e a Manuel Lourenzo, o libreto. Producida pola Asociación de Amigos da ópera, a soprano Carmen Durán e o barítono Javier Franco foron os encargados de converterse en Gloraia e Labarta nunha historia de amor e morte.
Galicia estreará stand propio no Womex baixo o selo Galician Tunes
Xénero: | 15 / 9 / 2008
Por primeira vez, a Xunta contará cun espazo propio no Womex, a principal feira do mundo no xénero World Music (música étnica, folk, de raiceira), e que se celebrará entre o 29 de outubro e o 2 de novembro en Sevilla. 16 empresas galegas participarán neste importante evento destinado a programadores, especialistas e empresas musicais e poderán empregar os servizos do stand, como zonas de xuntanzas ou un servizo de tradutores en inglés e francés. A Axencia Galega das Industrias Musicais (AGADIC) tamén organizará outras actividades de promoción, entre as que sobranceará unha noite galega, o sábado 1 de novembro, coas actuaicións de Narf, Mutenrohi e Xosé Manuel Budiño.
O Conservatorio Folque trasládase en Santiago para ampliar o seu proxecto musical
Xénero: | 12 / 9 / 2008
O mes de outubro arrancará un novo curso académico do Conservatorio de Música Tradicional e Folque. Faráo con imporantes novidades xa que o proxecto dirixido por Ugía Pedreira deixa Lalín para trasladarse as instalacións da Escola de Altos Estudos musicais en Santiago, despois de conseguir apoios da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, do Consorcio de Santiago e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). A iniciativa deixa de depender do padrodado de Lalín despois de que o concello evidenciara que non podía custear os 150.000 euros que supuña a amplicación do proxecto. Coñece a traxectoria no noso dosier.
A revista El Cultural destaca catro concertos en Galicia da temporada sinfónica
Xénero: | 12 / 9 / 2008
Comeza a temporada sinfónica que, segundo a revista El Cultural destaca por non ofrecer grandes sorpresas nin grandes exceso. No seu repaso á programación anual a publicación ofrece as citas ineludibles entre as que hai catro concertos en Galicia. Comeza co concerto inaugural da Real Filharmonía na Catedral de Santiago o vindeiro día 26 de setembro cun programa sobre Mozart. Tamén en santiago, o 16 de outubro destaca a visita do inglés David Atherton para dirixir á Filharmonía cun programa sobre Igor Stravinksy (Auditorio de Galicia). As outras citas son para a Sinfónica de Galicia: unha na que presentará A Walkiria de Wagner (25 de outubro), outra na que achegará obras de Grieg e Bruckner e, por último, o ciclo de Mendelssohn (16 e 23 de xaneiro).


