O jazz e a maxia van da man en Jazzia
outubro 3, 2008
O músico Abe Rábade xúntase ao mago Kiko Pastur neste espectáculo que estrean este sábado, 4 de outubro, no Teatro Colón da Coruña e que logo levarán por Ourense (22 de outubro), Pontevedra (28 de outubro) e Lugo (3 de decembro). Jazzia reúne a estes dous talentos nun formato no que a música non actúa de simple acompañamento senón que fai parte da posta en escena e do resultado final, contribuíndo desde ambas artes a crear una atmosfera especial. Rábade achega composicións orixinais que cobren case todos os estilos do jazz contemporáneo. O seu disco máis recente é Open doors, editado este ano por Nuba + Karonte Records, que supón a segunda entrega da serie Ghu! Project iniciada en 2004. No novo disco a formación amplíase a septeto xunto a Perico Sambeat (saxo alto), Chris Kase (trompeta), Jesús Santandreu (saxo tenor), Alan Ferber (trombón), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Open doors está concebido como unha obra unitaria en 8 partes. Os temas están enlazados por breves interludios (cada un deles interpretado por un solista diferente).