Noticias
Metalicia pon na rede o seu segundo recompilatorio
Xénero: | 25 / 8 / 2009
Metalicia, a comunidade virtual galega dos amantes do Metal, acaba de subir á rede o segundo volume do seu recompilatorio. O disco, descargable totalmente de balde, achega traballos de 26 grupos rexistrados no web, dos cales só cinco repiten do primeiro volume, publicado en setembro de 2008. Os interesados en contar cunha copia física poden adquirir un Mini-CD con todos os temas de MP3 por só un euro nos diferentes locais especializados neste tipo de música.
Soutelo de Montes prepárase para a celebración da XXX Festa do Gaiteiro
Xénero: | 13 / 8 / 2009
É un referente no mundo da música folk no noso país: por levar trinta anos ininterrompidos, porque chegou a xuntar a 800 músicos e porque homenaxear a Avelino Cachafeiro, un dos gaiteiros de referencia na música tradicional galega. Falamos da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, que o vindeiro día 22 de agosto celebrará unha nova edición. Este ano entregará a “Medada do gaiteiro” ao músico local José Gulías, “Caladiño”, que foi alumno do mítico Avelino Cachafeiro. Entre as actividades tamén destaca o XI Congreso de Gaiteiros que aínda ten aberto o prazo de inscrición.
Unha manifestación protesta na Coruña pola programación do Noroeste Pop Rock
Xénero: | 12 / 8 / 2009
Sufriu cambios de escenario e de localización, pero o máis sorprendente de todo é que o festival que ten no seu título as súas declaracións de intencións (Noroeste Pop Rock) puidera programar a Raphael ou a El Consorcio. A protesta comezou dun xeito silencioso na rede, cando o coruñés Daniel Díaz impulsou no Facebook unha iniciativa baixo o nome No estoy de acuerdo con el cartel del Festival Noroeste Pop Rock, que foi sumando adeptos (a día de hoxe son 2.600 membros) que decidiron facer hoxe (Praza de María Pita, ás 21:00 horas) unha manifestación en contra deste cambio de orientación. Mentres, continúan os preparativos do encontro que comezará mañá
Zënzar desembarca no festival de Vila de Cruces con A Tribu
Xénero: | 7 / 8 / 2009
Os de Cerceda levan vinte anos dándolle enerxía ao panorama musical galego e agora están a presentar por todo o país o seu máis recente traballo A Tribu despois de adiantalo en numerosos medios de comunicación e nun concerto o pasado 2 de maio. O disco, autoeditado pola banda, é un traballo sobre todo roqueiro pero coma sempre con arroutadas punkies, heavies e tradicionais. Gravado e co-producido por Javier Abreu e Zënzar nos estudios Océano de Nigrán. Contan coa colaboración de Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Xurxo Souto (3 Trebóns), GendeBeat, María X.Silvar (Chámalle Xis), os percusionistas Manolo Suárez e David Bolaño así como o gaiteiro José M. Ares. Hoxe mesmo levan estes catorce temas ao festival de rock de Vila de Cruces onde compartirán escenario cos grupos NAO, esquíos e Pipas Group. Este é o quinto disco do grupo, malia ter un anterior baixo o seu nome orixinal como Mördor.
A Real Banda de Gaitas de Ourense viaxará por China difundindo a súa música
Xénero: | 6 / 8 / 2009
Caixanova e a Real Banda Escola Provincial de Gaitas de Ourense veñen de subscribir un convenio de colaboración que permitirá á agrupación ourensá difundir o coñecemento da gaita, como instrumento destacado do folclore galego, nunha serie de concertos que ten previsto realizar por diversas cidades de China. Na sinatura do convenio estiveron presentes o director da banda, Xosé Lois Foxo, e Amadeo Rodríguez Piñeiro, director de Relacións Institucionais de Caixanova en Ourense.
Música, arte e deporte únense na novena edición do Marisquiño
Xénero: | 6 / 8 / 2009
¿Que ten que ver o marisco coa cultura urbana? Posiblemente nada, pero Vigo acolle desde hai nove anos baixo o nome de O marisquiño a un festival que une música (este ano está a Mala Rodríguez), arte (o grafiteiro vigués Nano 4814 axitará os seus esprais nun mural de 25 metros) e diferentes deportes urbanos: skate, breakdance, descensos en bicicleta de montaña pola cidade... O encontro terá lugar esta fin de semana (8 e 9 de agosto) en Vigo aínda que tamén se poderá seguir pola rede. Ademais, a organización ofrecerá información en tempo real para os visitantes vía Bluetooth, ademáis dos códigos BIDI (códigos bidimensionais para usuarios da rede 3G).
A Real Filharmonía celebra o oitenta aniversario de Rogelio Groba cun concerto
Xénero: | 4 / 8 / 2009
Os compositores Joaquín Rodrigo, García Abril ou Rogelio Groba comparten o feito de que asistiron a algunha edición do curso Música en Compostela, o programa de formación musical que se celebra desde hai máis de medio século en Santiago. Non é de estrañar que a Real Filharmonía de Galicia aproveite as súas partituras para pechar esta semana a 52 edición deste encontro. A formación ofrecerá dous concertos (martes e xoves, ás 21:00 horas, con entrada libre) que ademais de executar repertorio galego, celebrará que o compositor galego Rogelio Groba cumpre 80 anos.
A canción Boogie Vigo de AÍD é o Tema da semana na sección latina de iTunes
Xénero: | 31 / 7 / 2009
iTunes, a tenda de música máis importante do mundo, escolleu “Boogie Vigo” como “Latino Single of the Week”, o que permitiu que o nome da rapeira de Vigo, con apenas 19 anos, destaque na portada da popular sección latina xunto a artistas consagrados como Nelly Furtado, Bebe, Shakira, Manu Chao, etc. A sección latina de iTunes, cunhas vendas que superan as 4.000 cancións por minuto, ten unha ampla repercusión internacional e permite que millóns de persoas poidan achegarse á súa música. Malia que esta sección non está dispoñible en España, si o está nos países que máis usuarios aportan a iTunes: EEUU, U.K., Australia, Canadá, Francia, Xapón, Holanda e Suíza. iTunes destaca nunha páxina especial dedicada a esta promoción o feito de que AíD emprega nas letras do disco Jugando tanto o castelán como o galego, e que estamos ante unha proposta auténtica, lonxe dos artificios das elaboradas propostas de marketing que dominan a escena musical. Jugando (autoedita-licor kafé, 09) está distribuído en todo o mundo por Lonxa Cultural.
Sae á venda Contratempos de Xoán Rodríguez Proxet
Xénero: | 30 / 7 / 2009 + VIDEO
O proxecto do percusionista Xoán Rodríguez (Raxó, 1971) ven de desembocar no disco Contratempos no que ao seu trío de percusión composto por el mesmo, o tablista hindú Vikas Tripathi e o percusionista galego Noli Torres, engade a colaboración doutros tres músicos e as voces de Tatiana Depestre e Irene Pérez. O disco contén oito temas, catro deles autoría de Xoán Rodríguez, e un vídeo e foi gravado nos días 2 e 3 de abril no auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, no que Rodríguez é titulado na especialidade de percusión completa. O artista edita este Cd baixo o seu propio selo Latin Jazz XRP Records. Os estilos que manexa o Xoán Rodríguez Proxet van desde o jazz e latin jazz a bossa nova pasando polo afro o swing ou o hip – hop tocados con instrumentos de parches.
Cancións para ver
Xénero: | 30 / 7 / 2009
Moito choveu xa desde Fai un sol de carallo e os primeiros videoclips de Os Resentidos e outros grupos da movida. Tamén pasou un tempo desde que o Xabarín Club lle achegase a posibilidade de se expresar a un bo feixe de grupos do noso país. Desde aquela, a creación de videoclips en Galicia foise consolidando en Galicia e amosa na actualidade unha grande forza.


