Noticias
Kings of Convenience abren o Festival Sinsal Outono 2009
Xénero: | 6 / 10 / 2009
Malia a que faltan aínda por fechar algúns grupos e datas, a organización do Festival Sinsal presentou xa un adianto do que achegarán neste outono. Kings of Convenience serán os responsables de abrir a programación o vindeiro 3 de novembro en Vigo. Canda a eles, están confirmadas as presenzas de Bedroom Community (4 de novembro), The Dodos (17 de novembro) e de Emilio José. Antes destes concertos, os días 23 e 24 de outubro a Fundación Seoane da Coruña acollerá unhas xornadas sobre Ruído e Capitalismo. A organización promete máis datos do programa para os vindeiros días e novidades no evento de cara a 2010.
Preséntase na rede o disco A Coruña Son 2009
Xénero: | 2 / 10 / 2009 + AUDIO + VIDEO
Xa está dispoñible para a descarga o disco coa edición definitiva das dez cancións do obradoiro A Coruña Son 2009 organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña a primeiro deste ano. Os intérpretes cos seus temas son : Sandrísima (canción Tic-Tac), Sergio Zearreta (Fincapé), Fracasados de antemano (Menezes), Pulpiño Viascón (Quérote na praia do Orzán), Magritte (Alpinista), Supersound (Onde estás), Marisol Manfurada (Instinto básico), Maus vizinhos (Gira caindo), Ángeles Dorrio (O cativo) e La pelvis (Psicomuiñeira) aos que se engade o tema “Pouco talento” cantado en galego por Santiago Auserón. Dous centos de copias físicas do disco repartiranse este sábado no concerto de inauguración da Biblioteca Municipal dos Rosais na Coruña. No cartaz do disco Auserón comenta, dos que foron os seus alumnos no obradoiro, que “rebordan frescura e á vez sabor; sendo novas, herdan substancia dun medio musical rico en pervivencias folclóricas". Deles di que "pertencen a unha xeración que manexa con soltura o diálogo entre o acento local e os aires internacionais. Deseñan un interesante panorama de estilos en evolución, que todos os afeccionados e os profesionais das linguas irmás deberiamos seguir con atención.”
MeGA xa ten un lugar de seu en MySpace
Xénero: | 24 / 9 / 2009
A canle de información musical do portal Culturagalega.org ven de abrir un perfil de seu na rede social MySpace, a ferramenta máis usada actualmente polos músicos e bandas en Internet. MeGA “Música en Galicia” aproveitará desde agora todos os fluxos de comunicación que permite esta popular rede para representar ao sector musical do país e dar maior presenza e relevancia a todas as súas actividades e noticias. Desde o seu perfil aberto a todas as colaboracións MeGA ofrecerá unha porta de entrada no MySpace especializada sobre a presenza galega nesta rede social. Vídeos, música, información das novidades, concertos e convocatorias así como comentarios e intercambio de opinións sobre a música en Galicia aparecerán neste perfil . Máis de 50 grupos, artistas ou axentes do sector musical xa conforman a lista de amigos de MeGA. Despois de abrir unha canle en Twitter esta é a segunda extensión que o portal Culturagalega.org presenta sobre unha rede social sacando así parte da súa actividade de difusión cultural da súa propia cabeceira editorial.
Covalblú presenta en concerto MAI o seu primeiro disco
Xénero: | 24 / 9 / 2009 + AUDIO
O Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo acollerá este venres ás 22:30 horas o concerto de presentación do disco MAI, primeiro traballo discográfico do quinteto Covalblú. A singularidade desta formación nacida no ano 2007 ven dada pola maioritaria presenza dos instrumentos de corda (arpa celta, violín, guitarra clásica e violoncello) aos que se engaden a percusión e as voces conseguindo unha sonoridade con selo propio.
O Proxecto orquestral de Cangas cristaliza nun disco
Xénero: | 21 / 9 / 2009
Cunha gravación realizada aos poucos días da súa estrea o Proxecto orquestral saca un CD homónimo coas nove pezas interpretadas por esta xovencísima formación. Corenta e dous músicos saídos do Conservatorio profesional e a Escola de Música de Cangas conforman esta orquestra nacida no ano 2006 co obxectivo de facer música de forma lúdica e non lucrativa, pero sen as ataduras académicas. Tras varios meses de ensaio fixeron a súa “posta de longo” o pasado maio en Cangas e posteriormente en Pontevedra os días 15 e 22 respectivamente. Foi o 24 de maio no Auditorio Municipal da capital do Morrazo cando se efectuou esta gravación co apoio técnico da Radio Galega. O repertorio, o mesmo que o dos concertos, abrangue a música clásica, a música cinematográfica, e a música orixinal, coa peculiaridade de que todos os temas foron orixinalmente compostos ou arranxados para a ocasión por Alberto González Avilés. Astor Piazzola, Grieg, ou Pietro Mascagni xúntanse así con pezas das BSO de Harry Potter, Piratas del caribe ou Sabrina, co nexo común dos arranxos do director da orquestra Alberto González Avilés.
De Ruada vía exposición
Xénero: | 17 / 9 / 2009
Resumir 90 anos de intensa historia musical non é sinxelo. Ata o vindeiro 27 de setembro no Edificio Simeón de Ourense podemos ver un exemplo de como abordar este traballo. Da man da discográfica Ouvirmos a exposición Sete voces para a Coral De Ruada achéganos á historia desta histórica formación da música tradicional galega.
A Real Filharmonía e Ute Lemper celebrarán o 20 aniversario do Auditorio de Galicia
Xénero: | 16 / 9 / 2009
A Catedral de Santiago acolle este venres o concerto de inauguración da programación2009-2010 da Real Filharmonía de Galicia. Música de Schubert e do galego Pérez Guitérrez compoñen o programa dun concerto que revela, ademais, as claves do que será a temporada: músicos do país xunto con valores consagrados da música clásica. A programación ten unha cita clave, o 29 de outubro, día no que se conmemora o 20 aniversario do Auditorio de Galicia cun concerto no que estará presente Ute Lemper. Concertos didácticos, os ensaios abertos e a xira polas localidades galegas (mais Oviedo e Bilbao) conforman a temporada que se estende ata xuño.
A Banda de Balbina faise co A polo Ghit 2009
Xénero: | 1 / 9 / 2009
O fillo do mar é o tema co que A Banda de Balbina gañou a edición 2009 do certame A polo Ghit. O xurado deste concurso, organizado pola Radio Galega e Vieiros seleccionou a canción entre dez finalistas. Pola banda das votacións populares, foi Lonxe da praia, de Lolo Arincó, o tema que conseguiu máis apoios. En total fixeron parte do concurso case sesenta temas, todos eles en galego.
A crise aféctalle aos festivais
Xénero: | 31 / 8 / 2009
Hai menos cartos e menos público, e os carteis nótano. Os festivais e os grandes concertos non están en forma en Galicia este verán. El País e Xornal de Galicia dedicábanlle esta fin de semana cadansúa información a analizar a situación dun sector que atravesa unha grave crise. As críticas ao nivel do Noroeste Pop-Rock, a desaparición de citas coma o Artenativa de Valga ou a redución de escenarios en citas coma o Cultura Quente son algunhas das cuestións que se tratan nestes textos.
I Puritani dálle inicio ao LVII Festival de Ópera da Coruña
Xénero: | 28 / 8 / 2009
Os Amigos da Ópera dan comezo mañá o LVII Festival de Ópera da Coruña. I Puritani, con Alfonso Romero coma director de escena e Marcello Panni no apartado musical, é a obra que inicia esta edición. A esta ópera seguirán as montaxes de Turandot e Partenope, unha homenaxe a Alfredo Kraus o vindeiro dez de setembro, o IV Recital de Novas Voces Galegas ou a Gala Lírica, entre outras actividades. Os interesados, poden asistir, ás oito desta tarde, a un encontro cos directores de I Puritani na Biblioteca da Deputación, onde poderán coñecer detalles da montaxe.


