Ir ao contido directamente.


Noticias

O festival de música Are More presenta o programa da súa décima edición

Xénero: Clásica/Lírica | 29 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

A celebración do décimo aniversario do festival de música clásica chega nun momento de crise económica que obriga á contención do gasto e que tradúcese na concentración de todo o programa en sete días entre o 21 e o 28 de novembro, tal e como afirmou o Tenente de Alcalde, Santi Dominguez, na presentación do evento. O festival abrirao o recital da soprano Jennifer Larmore, que tamén actuara na primeira edición desta cita viguesa coa música. O programa deste ano ofrece de novo os recitais para bebés ademais dun curso de iniciación á musica para maiores de 55 anos. O director do festival, Roberto Relova, destacou como pratos fortes do programa a representación da obra de Carl Orff "Carmina Burana" o domingo 22 de novembro e os concertos para escolares, que nesta ocasión representarán a obra de Mozart "A Frauta Máxica" os días 23 e 24 de novembro no teatro Salesianos. Neste sentido Relova subliñou que “dos máis de 600.000 espectadores totais destes dez anos de festival, máis de 100.000 teñen sido escolares.” O festival sacará por vez primeira os concertos ata zonas comerciais e mercados da cidade, mentres que no Verbum haberá proxeccións de cine mudo con acompañamento musical en directo.

Ao ritmo de Novoneyra

Xénero: Fusión | 28 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

Mestura de jazz, improvisación e folclore, o contrabaixista Baldo Martínez e a cantante Maite Dono presentaban en directo o pasado día 24 no Teatro Jofre de Ferrol dentro do ciclo "Out-Jazz", o proxecto Sons-Nús. A iniciativa musica poemas de Uxío Novoneyra, vindeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas, e verá a luz na forma de disco a comezos do vindeiro 2010.

O Cuarteto Caramuxo amosa en Tiruriru o pracer de facer música

Xénero: Fusión | 27 / 10 / 2009 + IMAXES + VIDEO

not_15651.jpg

Catro clarinetes, un acordeón e a percusión unidos no escenario reinterpretando melodías tradicionais recollidas nos cancioneiros galegos, xunto con composicións de autores contemporáneos de Galicia (Nacho Muñoz, Antón L. Pulido, Jesús González, Ernesto Campos) feitas expresamente para o grupo e melodías inspiradas noutras culturas, no jazz e no pop. Esta é a receita musical coa que o Cuarteto Caramuxo acadou por unanimidade o premio do Festival Folk Cancioneiros organizado no ano 2008 pola Fundación Pedro Barrié de la Maza e a mesma que agora ofrecen no seu primeiro disco Tiruriru (Falcatruada). Trece temas conforman este CD gravado ao vivo nos meses de xullo e agosto nos Estudios Abrigueiro, de Arturo Vaquero, que realizou a masterización e a mestura en colaboración con Jahel Piñeiro. A música de Tiruriru pódese adquirir tamén en formato dixital, a través das mellores tendas da rede. É o caso de Itunes, Amazon, eMusic, etc. De igual xeito, poderase escoitar a través dos servizos habituais de streaming como Spotify, LastFM, Deezer…

O certame Constantino Bellón celebrarase en novembro

Xénero: Folk | 27 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

O Teatro Jofre acollerá, os vindeiros días 8 e 9 de novembro a XIX edición do certame de Gaita Constantino Bellón. A implicación do Ateneo e do Concello de Ferrol e mais o apoio da Deputación da Coruña permitirán que o evento se celebre este ano, logo de que a retirada do apoio da Secretaría Xeral de Emigración puxese en perigo o concurso. En total dez gaiteiros competirán polo premio na categoría de gaita solistas. O galardón de composición foi para Jesús Rodil Rodríguez coa obra Lugrís.

Unha delegación levará a música galega ao Womex, unha das feiras máis relevantes do sector

Xénero: Miscelánea | 26 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

Dez empresas discográficas, dúas asociacións profesionais e representantes da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) teñen unha cita no Womex, a feira de música internacional máis relevante. Será do 28 de outubro ao 1 de novembro e terá un espazo propio baixo a marca Galician Tunes, e cunha estratexia dirixida fundamentalmente aos mercados europeos e latinoamericanos. Este ano teñen confirmada a súa participación no encontro 3.000 axentes acreditados procedentes de 90 países.

Lugo acolle o IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional

Xénero: Folk | 21 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

A fin de semana entre o 30 de outubro e o 1 de novembro, a Facultade de Veterinaria de Lugo acollerá o IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional. No encontro, ademais das comunicacións dos participantes haberá conferencias sobre cuestións coma o Proxecto Ronsel, o patrimonio lúdico, a introdución dos máis novos no baile tradicional ou mesmo concertos didácticos. Segundo explica a Asociación de Gaiteiros Galegos, que organiza o encontro, o congreso "pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos". O prazo de inscrición está aberto no web da AS-PG ata o vindeiro día 23.

Un debate e concertos exhibirán na coruña a música improvisada

Xénero: Miscelánea | 20 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

Os bos resultados recollidos na primeira edición do Festival Fase de Música Improvisada levou aos organizadores a celebrar unha segunda parte. Nesta ocasión o programa conta con dúas partes ben diferenciadas que se desenvolverán na Fundación Luis Seoane. Dunha banda haberá unha xornada de debate (venres 23 de outubro) e dous concertos (sábado 24 de outubro) a cargo do artista vasco Mattin e o músico británico Keith Rowe. Ademáis, a partir deste ano, o Festival Fase para a formar parte da programación de Sinsal como Festival Sinsal extensión Fase.

Os soños de Fuxan

Xénero: Folk | 14 / 10 / 2009

not_15553.jpg

Un ano despois dos dous concertos que reuniron o grupo en Compostela, Fuxan os ventos tiran un novo disco. Terra de Soños recupera en formato Digibook (CD+DVD)os temas que soaron na capital galega. Mentres o CD achega vinte cancións, o DVD recolle, canda a un making of, a totalidade do directo, coa participación de convidados coma Guadi Galego, Ugia, Xavier Díaz ou Mercedes Peón. O proxecto, editado por BOA Music, está xa dispoñible en tendas de todo o Estado, quioscos e Internet. Os membros do grupo sinalaban que continuarán con esta xira cando menos ata 2010, e non descartan emprender novos proxectos no futuro.

Vigo celebra o XII Certame de Improvisación Oral

Xénero: Folk | 9 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

O Centro Cultural de Valadares organiza para esta fin de semana, entre o 10 e o 12 de outubro, a XII edición do seu Certame Internacional de Regueifas. O Verbum, Casa das Palabra acollerá actuacións de regueifeiros galegos, repentistas cubanos ou novos improvisadores, así coma de cantantes que empregan a retranca nas súas letras.

A Sinfónica comeza o ano Gaos cunha ópera inédita

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

Amor vedado, a única ópera do compositor galego Andrés Gaos, chegará por vez primeira aos escenarios cando se fan 50 anos do falecemento do seu creador. A Orquestra Sinfónica de Galicia presentaba onte o espectáculo, que se desenvolverá mañá, día oito, no Palacio de Ópera da Coruña a partir das oito e media da tarde. A formación continuará ao longo da temporada con propostas arredor deste creador, e prevé gravar toda a súa obra sinfónica e camerística. Pola súa banda, a Universidade da Coruña centrará en Gaos diferentes actividades no marco das II Xornadas de Divulgación do Patrimonio Musical Galego, que comezan o vindeiro día 13 cunha mesa redonda.

<< Inicio / Anterior . 2771 a 2780 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR