Ir ao contido directamente.


Noticias

Gravar de cara ao público

Xénero: Miscelánea | 21 / 7 / 2009

not_15125.jpg

Facer da gravación dun disco algo que tamén se comparte co público. Esta é unha proposta que atopamos, baixo dúas fórmulas diferentes, en senllos grupos galegos esta verán. A rachar a fronteira do álbum como produto final, Sumrrá acaba de gravar na NASA o seu terceiro disco e The Homens retransmiten na rede as súas sesións de gravación. Falamos con eles sobre estas iniciativas.

Sae á venda a BSO composta por Sergio Moure para “Un bo home”

Xénero: BSO | 20 / 7 / 2009

not_15122.jpg

A banda sonora orixinal composta polo coruñés Sergio Moure de Oteyza para a longametraxe "Un bo home", ven de saír á venda en CD, editada por JMB/Karonte. A música foi gravada na Coruña coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Moure ten unha importante traxectoria como compositor para o audiovisual conseguindo candidaturas aso premios Goya e Mestre Mateo par algúns dos seus traballos. Moure tamén fai labores como profesor participando nos Master de Produción Audiovisual da Universidade da Coruña e dirixiu os Seminarios de composición de música de cine da Coruña 2006-2007, organizados pola Deputación provincial e a Fundación Paideia. O pasado 13 de marzo foi a estrea absoluta do seu Concerto nº 1 Admónitum, pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Víctor Pablo Pérez no Palacio da Opera da Coruña. “Un bo home” é unha produción audiovisual con participación galega a través de Milou Films, dirixido por Juan Martínez Moreno o filme estreouse a finais de abril. O compositor está traballando arestora na longametraxe "Retornos", dirixida por Luis Avilés.

Desaparece o programa Banda Curta da TVG

Xénero: Miscelánea | 17 / 7 / 2009 + VIDEO

bandacurta_pardo.jpg

Despois de oito meses en antena con 27 programas emitidos, “Banda Curta”, o programa de música en directo que se viña emitindo todos os sábados na TVG, non terá continuidade despois do verán. Así o fixo saber hoxe o director do programa, Alfonso Pato, por medio dun comunicado. Músicos como Iván Ferreiro, Coque Malla, Silvia Superstar, Dr. Explosion, Lamatumbá, Christina Ronsenvinge, The Homens, Josele Santiago, Def con Dos, David Fonseca, Ruxe-Ruxe, Ectoplasma, Sugar Mountain, Som do Galpom, Cornelius, Moon Cresta e ata 45 bandas pasaron en directo pola discoteca LP45 de Ordes onde se gravava o programa. Banda Curta era o único formato dedicado en exclusiva á música pop e rock da televisión pública galega.

Cultura compromete o seu apoio á Orquestra Gaos

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

A orquestra Gaos, que reúne 150 músicos de entre 15 e 25 anos, presentouse onte na Coruña con bo pé. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, comprometeu o apoio do seu departamento á nova formación, sinalando que "queremos facer algo con eles no vindeiro Xacobeo e, na medida do posible, levalos de xira dentro do Via Stellae ou outros festivais". Varela amosou o seu interese en integrar a orquestra nos circuítos de música clásica do país e comparou o compromiso coa mesma cos apoio que a Xunta xa mantén coa Sinfónica de Galicia e coa Real Filharmonía.

A experiencia de mesturar sons

Xénero: Folk | 15 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

Ameaza con ser un dos fenómenos musicais deste verán. Os tres concertos do proxecto Descarga ao vivo achegan ao noso país, da man da Central Folque unha experiencia única de fusión entre música galega e cubana. O evento reúne unha quincena de músicos que interpretan alboradas, danzón, rumbas ou pezas clásicas do repertorio galego en versións inéditas ata o momento.

A 25ª edición do festival de Ortigueira conseguiu chegar aos 100.000 asistentes

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

A crise non parece ter afectado ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira que este ano conseguiu incrementar o seu número de asistentes. Segundo as estimacións do Concello de Ortigueira foron 100.000 as persoas que este ano se achegaron á localidade nos catro días do festival. Esta cifra supón un incremento de 10.000 persoas respecto ao ano anterior nun evento que adoita ser, segundo os anuarios da SGAE, o que máis público convoca en todo o Estado. Segundo un estudio da Cámara de Comercio de Ferrol o festival xera cinco millóns de euros de ingresos á comarca. Neste contexto de éxito da convocatoria o gaiteiro Xosé Manuel Budiño realizou a gravación en directo da súa actuación no festival o sábado, un concerto que integrará un proxecto audiovisual en DVD.

A revista Rockzone distribúe o terceiro disco de Aphonnic

Xénero: Rock | 8 / 7 / 2009 + VIDEO

not_15067.jpg

O terceiro disco do grupo vigués Aphonnic pode atoparse estes días nos quioscos de toda España incluído como agasallo co número 50 da revista Rockzone. Dez milleiros de copias de 6 Bajo Par saen así as rúas dun só golpe. O disco, terceiro da formación despois de Silennce (PAI Música, 2003) e Follproof (Autoedición, 2006), está editado por Maldito records e foi gravado e masterizado nos xa pechados estudios Areamaster de Vigo. 6 Bajo Par presenta 10 novos temas da formación “metaleira” nos que hai unha maior presenza de letras en castelán fronte ao inglés predominante en traballos anteriores. Xa está na rede o videoclip do tema “Dios da”, deste disco.

Os músicos ao vivo reúnense para crear unha plataforma

Xénero: Miscelánea | 3 / 7 / 2009

imaxe non dispoñible

Os artistas que se dedican á música en directo no noso país teñen unha cita o vindeiro domingo 5 de xullo ás 17:00 horas no Auditorio de Galicia. O encontro pretende crear unha "plataforma de intercambio de información e opinión" e desenvolver unha Asociación Galega de Músicos ao Vigo que outorgue unha voz común ao colectivo. A iniciativa pretende abranguer tanto afeccionados coma profesionais que teñan coma nexo común o tocar en directo.

Coanhadeira presenta o seu primeiro disco Haique

Xénero: Folk | 3 / 7 / 2009 + AUDIO

not_15041.jpg

Cunha festa- concerto no Café Grándola de Ourense celebrará o grupo Coanhadeira este sábado a saída do seu primeiro disco HAIQUE. A formación inicia tamén con esta actuación a xira de presentación deste traballo que xa ten 18 concertos fechados para este verán. O grupo está formado por Patrícia López, voz e pandeireta; Xerardo Quintela, acordeón; Xesus Pérez ”Chechu”, gaitas, whistle e zanfona; Marco Pérez, batería e percusións; Óscar Freire, gaitas e saxos e Fran X. Gómez, clarinete e guitarra. Xurde primeiro como grupo de “gaiteiros”, partindo dunha base eminentemente tradicional e baseándose na recollida da tradición musical popular. HAIQUE recolle o principal do repertorio do grupo dende a súa formación, con renovacións de arranxos nalgún caso, e conta coas colaboracións de Guadi Galego e Fonso “Skarnio”. O grupo está detrás de todos os procesos que levaron a sacar HAIQUE, dende a pre-produción, a idea orixinal ( plasmada por Heitor Real), até a mestura e seguramente a distribución. Asemade Coanhadeira xa está a preparar os temas do que será o seu segundo traballo, con data prevista de saída a comezos do 2010.

A banda Invivo presenta o seu primeiro disco Introvisión

Xénero: Rock | 2 / 7 / 2009

not_15038.jpg

A banda compostelá de metal cru INVIVO edita coa empresa valenciana Producciones Malditas o seu primeiro longa duración, INTROVISIÓN. O disco físico aparece distribuído en tendas por Lonxa Cultural e en formato dixital a través de Maldito Digital. Consta de 13 temas propios gravados e mesturados por Yago Pico en Pousada Son Studios de Ames e masterizados por Peter In de Betou en Tailor Maid Studios de Suecia . O grupo gañou recentemente o III Festival Millarock conta con outras gravacións anteriores para os discos colectivos Apostolocausto (2007) e Derrameidea (2008). Invivo formouse a primeiros de 2006 polos músicos veteranos da escena metal e rock galega Ricardo González (batería), Mario César (voz e guitarra), Roberto Couto (guitarra) e Roberto Filgueira (baixo e coros).

<< Inicio / Anterior . 2801 a 2810 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR