Noticias
Juan Carlos Fernández Fasero é o novo director de AGADIC
Xénero: | 2 / 7 / 2009
O Consello da Xunta deste xoves oficializou o nomeamento do novo director da Axencia Galega das Industrias Culturais. O músico Juan Carlos Fernández Fasero será o responsable de AGADIC substituíndo a Miguel Martín. Fasero é membro do grupo folk Mutenrohi, ademais de ter publicados varios discos en solitario. Ademais, é creador do selo discográfico Zouma Récords e responsable do estudio de gravación Desfase Sound. Fasero é tamén secretario de AGAPHONO (Asociacion Galega de Fonograficas) e vicepresidente de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) ademais de formar parte da corporación municipal de Arnoia polo Partido Popular.
Mugardos e Keresú publican un disco en galego e guaraní
Xénero: | 1 / 7 / 2009
Coa intención de establecer un diálogo musical entre dúas linguas minoritarias o galego Xavier Mugardos e a arxentina Natalia Carossi "Keresú", publican Cantos das dúas beiras, o primeiro disco gravado en galego e na lingua guaraní da comunidade indíxena amazónica. O traballo conxunto dos dous músicos presenta once cancións, sinxelas pero fermosas, construídas con dúas guitarras e a cálida voz de Keresú. O disco foi gravado co mesmo son que o dúo presenta nos seus directos para reivindicar a música como un traballo artesán sen intervención das máquinas.
Descarga ao vivo fusionará a música cubana e a galega
Xénero: | 1 / 7 / 2009
A Central Folque está a coordinar a xira galega do proxecto Descarga ao vivo, que mestura música galega e cubana. A iniciativa, que se presentou na Habana en febreiro de 2008, chega ao noso país con tres concertos que se celebrarán na Coruña (23 de xullo), en Compostela (25 de xullo) e en Vigo (30 de xullo). Os espectáculos contarán coa presenza de músicos dos dous países, coma Guadi Galego, Quim Farinha, Ugia Pedreira, Oscar Fdez., Xabier Díaz, Edelmiro Fdez., Pablo Castanho, Pablo Pascual, Gutier Álvarez, Raciel Jiménez, Adonis Ríos e J.M. Díaz. A organización puxo en marcha un concurso de fotografías de época no que se repartirán dez entradas.
Alalá continúa na TVG para a vindeira temporada
Xénero: | 30 / 6 / 2009
As dúbidas sobre a continuidade do programa Alalá na programación da TVG despéxanse. O blog deste espazo anunciaba o pasado día 25 que está confirmada a emisión da quinta temporada para o vindeiro outono. O equipo do programa sinala tamén que no último ano conseguiron unha media dun 18,6 % de audiencia, a mellor da súa historia.
Cultura encarga unha composición musical de gran formato para estrear na Catedral no Xacobeo
Xénero: | 30 / 6 / 2009
Cando en febreiro se presentou o programa do festival Via Stellae (Festival de Musica de Compostela e os seus camiños) para este 2009, xa se apuntou que sería unha edición de transición, xa que os ollos estaban postos no Ano Xacobeo. Agora, un día antes de que comece a programación oficial deste encontro, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, acaba de adiantar unha das sorpresas da vindeira edición: a Catedral acollerá unha obra musical de gran formato que se lle encargará a un “de renome e de recoñecido prestixio”. Isto únese ao xa presentado en febreiro, a presenza de Daniel Baremboim coa Saatskapelle de Berlin ou a escenificación da ópera de Haendel, Rodelinda.
Concertos e conferencias achegan o contrabaixo ao público compostelán
Xénero: | 30 / 6 / 2009
Para moitos, o contrabaixo leva o nome de Ludwig Streicher, o vienés que tocou este instrumento como ninguén. Na súa memoria, a Escola de Altos Estudos Musicais organiza desde hai oito anos un programa lectivo para os seus alumnos que, en cada edición, gaña máis proxección pública. Chámase Festival Ludwig Streicher e desenvólvese do 1 ao 8 de xullo en Santiago. Ademais das clases, esta edición contará con tres concertos abertos e dous recitais abertos ao público, así como unha serie de conferencias e master-class.
Fecha o estudio vigués Áreamaster
Xénero: | 30 / 6 / 2009
Un dos maiores espazos destinados á gravación de música en Galicia, o estudio Áreamaster de Vigo, fecha as súas portas. As débedas acumuladas provocaron que os responsables da empresa optasen por cesar a súa actividade, deixando así o noso país sen 1.500 metros de superficie dedicados a rexistro sonoro, ensaios e formación, así coma á sala de concertos Breogáin. O último traballo que saiu da mesa deste estudio foi o DVD cun directo de Vargas Blues Band que se gravou a finais de 2008.
Dez anos de tolemia
Xénero: | 30 / 6 / 2009
O estudio Casa de Tolos, unha das referencias no campo da gravación musical en Galicia, está a facer estes días dez anos. Unha década que deu para arredor de 300 gravacións de todo tipo e que nos permite reflexionar, de man de Segundo Grandío, responsable do proxecto, sobre o traballo de rexistrar sons.
O Festival Mozart estrea unha versión galega do Esquío esperto
Xénero: | 26 / 6 / 2009
Hai cincuenta anos Nino Rota, coñecido por ser o compositor da banda sonora do Padriño, compuxo unha ópera baseada nun conto de Eduardo de Filippo. Unha composición e libreto que os organizadores do Festival Mozart quixeron traer á Coruña no marco do seu ciclo “Öpera en Familia”. Joám Trilho foi o encargado de facer a adaptación para esta produción propia que ten un reparto de voces galegas case na súa totalidade. O papel do esquío é para a soprano Paloma Silva, que chega de acaba de participar na ópera Werther. Nesta montaxe participan a Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu coro. Alfonso Romero Mora, vencellado ao Staatstheater de Darmstadt, é o director de escena.
Veciños de Redondela participan nunha zarzuela baseada en Xan Carallás
Xénero: | 26 / 6 / 2009
Conta a lenda popular que Xan Carallás foi o veciño que fundou a vila de Redondela. Unha historia que Suso Cameselle estivo investigando e analizando durante máis de dous anos e que agora pon en escena a fronte do grupo de teatro xuvenil, Disonada. A zarzuela estréase hoxe no multiusos da Xunqueira (20:30) e conta coa participación de sesenta persoas entre actores, músicos e bailaríns de entre 10 e 16 anos. A zarzuela sobre Carllás é a segunda dunha triloxía que Cameselle está a realizar sobre lendas redondelás. Ademáis da representación, o multiusos acollerá unha exposición sobre o protagonista desta historia.


