Cancións para ver
xullo 30, 2009
Moito choveu xa desde Fai un sol de carallo e os primeiros videoclips de Os Resentidos e outros grupos da movida. Tamén pasou un tempo desde que o Xabarín Club lle achegase a posibilidade de se expresar a un bo feixe de grupos do noso país. Desde aquela, a creación de videoclips en Galicia foise consolidando en Galicia e amosa na actualidade unha grande forza.
Segundo Alfonso Pato, director do tristemente extinto programa musical da TVG Banda Curta e responsable do Festival de Cans, sinala “nunca tantos videoclips se fixeron nin con tanta calidade como desde hai tres ou catro anos, nin feitos en Galicia nin de xente de aquí que teñen grupos fóra ou fan videoclips para grupos de fóra”. A ollar o noso soportal MEGA podemos atopar perto dun cento destas producións, na súa maior parte dos últimos anos. En xeral, e segundo se pode verificar no mesmo web, son os grupos centrados no rock os que máis optan por esta fórmula. “Hai tamén bastante hip hop, non me parece que o folk aposte moito por isto. A verdade é que penso que é o pop e o rock o que está máis instalado nesta fórmula e o que máis a pide”, confirma Pato. Nos datos de MEGA, no entanto, o folk amosa ser un dos xéneros que ten máis videocreacións rexistradas.
Problemas de difusión
Esta situación contrasta, no entanto, coa coñecida reclamación encol da falta de espazos nos medios convencionais onde difundir estes produtos. “É unha contradición, e si que hai un certo déficit entre a produción e a difusión. Ás veces os medios non teñen espazos axeitados para os videoclips, e noutras ocasións os grupos non pensan moito en ter canles axeitadas de promoción. Eu téñome atopado videoclips moi ben feitos dos que, estando neste mundo, non tiña constancia porque ninguén os movera”. Internet está a se revelar nos últimos anos coma unha canle fundamental para dar a coñecer o traballo neste sentido, e o éxito de Youtube e das redes sociais pode estar relacionado con esta explosión sonora. “Penso que fóra diso e dos festivais, as posibilidades de difusión son bastante escasas.
A converxencia audiovisual
A existencia na actualidade dunha nutrida canteira de profesionais no campo do audiovisual ten sen dúbida certa relación con este incremento no número de producións deste tipo. Canda a isto, Pato salienta o bo momento que en xeral atravesa a creación musical no país. “Antes dos videoclips hai discos, e nunca tantos grupos e tantos álbums houbera. E diso, ademais de que cada vez hai máis xente formada en audiovisual e na súa aplicación á música”. Boa mostra do aínda agromante sector é a aparición nos últimos anos de diferentes festivais de audiovisuais que contan entre as súas categorías cunha dedicada especificamente a estar producións. É o caso do festival de Cans, que achega premios aos mellores clips galegos desde 2007. De xeito máis específico, estes mesmo ano presentábase a I Mostra de Videoclips Cidade da Coruña Video killed the radio stars, centrada específicamente no xénero. O programa incluíu debates sobre a situación da industria musical, o carácter artístico do videoclip, e mesmo un repaso histórico ollando Xabarín e outros traballos pioneiros no campo. Segundo explica Nonito Pereira, un dos responsables do evento, “tratábase de amosar un traballo que queda practicamente inédito. Non hai moitas canles de difusión para estes traballos e con encontros coma este refórzase a idea, senón de industria, si dun colectivo que traballa por un mesmo obxectivo”. Contentos co éxito de público e das actividades, a organización pretende desenvolver unha segunda edición deste evento. “Estamos a pensar en traballar os concertos e en traer xente de fóra para que acheguen as súas perspectivas”. Antes diso, o vindeiro outono o festival desenvolverá unha xira para achegar este xénero a universidades de centros de imaxe de son de todo o país.
Nomes do videoclip
“Existe xente que vai tendo certa traxectoria neste mundo, coma Manolito Portolés, de Niño y Pistola, Alberto Bahamonde, que traballou con Elodio y los seres queridos ou Le Punk ou Rubén Coca”, lembra Pato. “Iso sen entrar en profesonais con traxectoria consolidada coma Juan Lesta ou Belén Montero, de DSK que xa son a Champions do Videoclip”, con traballos para grupos coma Fangoria, Astrud ou La Buena Vida. Como podemos comprobar, no mundo do videoclip galego atopamos toda a escala en canto a recursos para as producións. “Aquí fanse videoclips a varios niveis. Non só hai xente con moitos medios, tamén hai quen ten menos recursos e fai cousas moi interesantes”. Do mesmo xeito, Nonito Pereira incide nos distintos niveis de realización. “Hai diferentes grados segundo os recursos. Hai quen non desenvolve a fondo o guión aínda tendo moitos medios e á inversa. En xeral, os galegos poden competir en calquera lugar, e hai moitos traballando fóra”. Así, canda a algúns dos xa mentados, Pereira lembra o traballo de Sofía García entre outros profesionais. Á hora de mentar algúns destes traballos, o responsable de Banda Curta sinala que “podería destacar os dous videoclips de Niño y Pistola feitos por Manolito Portolés, ou de xente coma os vigueses Catpeople e Manos de Topo, que traballan en Barcelona e fan cousas moi interesantes. Tamén hai xente que fai cousas de xeito máis humilde pero tamén máis gamberro coma Rafa Anido, e penso que hai que telos en conta tamén”.
O arranque
Dun xeito ou doutro, semella que o xénero aínda non deu de si todo o o que pode dar. “Falamos dunha industria que está a arrancar, estamos a dar os primeiros pasos. Hai catro ou cinco anos era moi raro que alguén cobrase por facer un video musical, e agora estase empezando a traballar de xeito semiprofesional e os propios grupos deixan partidas partidas para facer estes produtos”, lembra Pato. Pereira, pola súa banda, sinala que “en certo xeito o panorama está coma en todas partes. O videoclip é moi interesante porque permite desenvolver proxectos creativos que non poderían facerse doutro xeito, e é unha tarxeta de presentación para músicos e realizadores”. De cara ao futuro, incide en que, “do mesmo xeito que se consolida a animación ou os videoxogos debería consolidarse tamén a realización dos videoclips dentro do audiovisual. Falta dar ese paso e que a xente o tome algo máis en serio”, conclúe. Pereira, pola contra, considera que “penso que non será posible falar dunha industrial do videoclip. Seguirá habéndoos, e máis seguindo haxa máis canles de difusión. Se agora están relegados á rede será porque non hai outros espazos. Habería que aproveitar recursos coma a TDT para conseguir divulgación a nivel internacional”.