Noticias
Sete nomes galegos no cartel do 52º Festival Interceltique de Lorient
Xénero:
| 23 / 5 / 2023A 52ª edición do Festival Interceltique de Lorient, unha cita de referencia no mundo da música folk dos países celtas e punto de encontro das culturas, contará un ano máis coa presenza das sonoridades galegas en distintas formas. Nesta ocasión a cita está dedicada á música irlandesa, pero desde Galicia se desprazarán á localidade bretoa sete propostas da nosa música para levar a cabo varios espectáculos dentro da programación que se desenvolverá entre o 4 e o 13 de agosto.
Tanxugueiras volven triunfar nos Premios MIN
Xénero:
| 22 / 5 / 2023A gala do XV Aniversario dos Premios MIN en Palma de Mallorca, que reuniu e premiou aos artistas máis destacados da escena independente de España no último ano trouxo un recoñecemento ao traballo realizado o pasado ano polo trío Tanxugueiras. As cantareiras, finalistas en sete categorías, conseguiron gañar dous importantes premios: "Mellor álbum de música de raíz" e "Mellor álbum en galego" por "Diluvio", o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records. Este dobre recoñecemento para Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio "Artista Revelación Alternativa 2023" dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema "Aire", producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana) e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras. Non é primeira vez que o trío sae galardoado destes premios, xa co seu primeiro disco, "Tanxugueiras" (2018) acadaron o de Mellor Álbum en lingua galega e o pasado 2022 recibiron o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España.
O segundo álbum de Caldo xurde da intimidade do fogar
Xénero:
| 12 / 5 / 2023'Lugar A Ponte' é o nome do segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita). O novo traballo discográfico do grupo, que sae hoxe en plataformas, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor. O proxecto de Caldo foi premiado co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e resultou gañador do concurso Fran Pérez 'Narf' da Deputación da Coruña (2020).
Pakolas presenta o seu terceiro traballo en solitario
Xénero:
| 9 / 5 / 2023Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, antiguo componente da formación Mamá Cabra e parte de A Gramola Gominola, agora está a presentar en xira o espectáculo baseado no seu máis recente traballo en solitario, o libro-QR "A Ramona Pequena vai á lúa" (Ed. Galaxia). Este é o terceiro traballo que Pakolas saca en solitario e supón unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona, que xa protagonizara o anterior "Ramona Órbita a dona do tempo" en 2020. Pakolas, que se auto define como rockeiro e guitarreiro, ofrece neste novo traballo e espectáculo dez novas cancións de composición propia e tamén un conto ilustrado por Laura Romero Nos seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, cunha montaxe escénica e musical baseada no novo álbum, contando cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura e apoiada no libro. Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén de divertimento.
Budiño navega libre e ben acompañado en "Branca Vela"
Xénero:
| 5 / 5 / 2023Houbo que agardar ao oitavo disco de Xosé Manuel Budiño, "Fulgor" (2019) para escoitalo cantar coa súa voz ademais de escoitar a súa gaita, e o de Moaña xa non está disposto calar, ao contrario querer cantar máis. Budiño ven de lanzar o pasado día 28 de abril o seu novo traballo longo, "Branca vela" (Arredor edicións, 2023) un disco con dez cancións incluíndo a que lle dá nome que xa foi presentada como un dos adiantos e mostra do que se ía atopar no álbum, unha sorte de importantes colaboracións chea de cores sonoras sen complexos, incluíndo bases electrónicas, recursos de produción e, como sempre, a raíz tradicional e a gaita. Todos os temas son de composición do de Moaña, que abre o traballo cun dedicado á súa orixe local, Donón. O músico contou para este disco coas achegas de Leilía (no tema Branca Vela) pero tamén están aí Guadi Galego, Manuel Rivas, De Vacas, Antía Otero ou o coro Aires da Terra. Con eses vimbios Budiño xa ten o disco en todas as plataformas dixitais e está a presentalo en concertos, os seguintes en Tomiño (13 de maio),Redondela (14 de maio) e Sanxenxo (24 de xullo).
Astarot celebra o seu 40 aniversario rodeados de amigos en Cangas
Xénero:
| 5 / 5 / 2023Comezaron en 1983 a facer rock en Cangas de Morrazo, converténdose nun referente pioneiro do heavy metal en Galicia durante a efervescencia das grandes capitais da "movida". Uns anos despois, co seu terceiro disco "Apuesta y gana" (1996), a banda incorporou a lingua e a cultura galega con letras de autores da nosa literatura ás súas gravacións, dende entón sempre foron xa un referente do rock en galego, con temas novos ou incorporando cancións populares ás sonoridades do rock metal. Agora chegan ao seu 40 aniversario, unha cifra impoñente, e queren celebralo na súa localidade cun concerto moi especial que incluirá as achegas de 15 artistas invitados que, segundo comunican, "forman parte da do panorama musical galego de agora e de sempre". Así, este sábado, 6 de maio, no Auditorio Xose M. Pazos aso Astarot estarán dando un concerto moi especial de celebracións, no que subirán aos escenario amigos e amigas, como Rosa Cedrón, Xosé Luís Rivas "Mini", Lucia Pérez, Vituco Neira, Tonhito de Poi, Bieito Romero xunto a outros membros de Luar Na Lubre, dous dos membros de Los Suaves ou Josito Porto entre outros.
Furious Monkey House escurece o seu son con Oneiric
Xénero:
| 28 / 4 / 2023A banda pontevedresa Furious Monkey House está en plena xira de presentación do seu novo álbum Oneiric. Neste seu terceiro traballo, o grupo evolúe cun son no que combina o rock dos 90 con propostas que se achegan ao synth pop sen abandonar o peso das guitarras e achegando texturas máis densas e escuras ás súas propostas, a incorporar reverbs e sons atmosféricos.
As Tanxugueiras reciben o Premio Odeón da AGEDI
Xénero:
| 27 / 4 / 2023Apenas uns días despois de coñecer como o trío Tanxugueiras amosaban unha importante presenza entre os finalistas as Premios MIN, as galegas engaden un novo recoñecemento ao seu gran ano 2022 coa súa designación como gañadoras do galardón a Artista Revelación Alternativo de 2022, na cuarta edición dos Premios Odeón. Estes galardóns outorgados desde a Asociación de Gestión de Derechos Intelectuales (AGEDI) premian en 24 categorías a música gravada o pasado ano, co cal o premio ás Tanxugueiras chega polo seu álbum "Diluvio" (Calaverita records). As galegas xa recibiron a escultura que se outorga co premio e que amosaron en redes sociais. O vindeiro 17 de maio coñeceranse os premios Min, nos que son finalistas en sete categorías.
CARLANGAS sube aos escenarios co seu primeiro disco en solitario
Xénero:
| 27 / 4 / 2023O FIV de Vilalba acollerá esta fin de semana a actuación de Carlos Pereiro presentando o seu proxecto en solitario como CARLANGAS tras a disolución de Novedades Carminha. O músico santiagués sacou o pasado día 20 de abril o seu primeiro disco longo co nome do seu proxecto CARLANGAS e na discográfica coa que xa traballaba coa súa anterior formación, Ernie Records. Nove temas pop, de curta duración bailables e lixeiros, con retrousos doados, conforman este traballo de Carlos Pereiro que mantén liñas de conexión coas derradeiras gravacións de Novedades Carmiha, moi vencelladas ao baile e mesmo á verbena, pero explorando agora miras aínda máis amplas e relaxadas que as do grupo co que acadou grande sona. O disco conta ademais con tres colaboracións especiais, remarcando a establecida con Manu Chao no tema "Cae la noche", que pecha o álbum. Ademais tamén están Grande Amore e a banda viguesa Mundo Prestigio dando presenza ao hip hop galego na canción "O día que volvín nacer", a única en galego do disco. Nos concertos de CARLANGAS serán Mundo prestigio quen acompañe a Carlos sobre o escenario.
O Cabos Soltos volve colocar Pontevedra como nó do sector musical
Xénero:
| 21 / 4 / 2023Cabos Soltos volve a Pontevedra os vindeiros 28 e 29 de abril celebrando as terceiras xornadas técnicas e dúas xornadas de música e creatividade nos locais, cafeterías, salas e nos espazos públicos da cidade. O programa foi presentado onte pola concelleira pontevedresa Anabel Gulías, xunto con Marcos Rivas, da Sala Karma, e Patricia Hermida, coordinadora da xornada técnica. Esta iniciativa xurdiu no ano 2019 como unha resposta local ás restricións que causaba a nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, creando unha fórmula na que o propio Concello actuase como organizador dos eventos nos locais de hostalaría e ao mesmo tempo visibilizar a cultura de base, e a creación emerxente así como fortalecer o tecido económico local a través tamén da hostaleira. O desenvolvemento destas actividades, que se levarán a cabo os vindeiros días 28 e 29 de abril, pretenden favorecer o tecido creativo e emerxente da cidade a través de programacións e de xornadas de formación. No relativo ás actuacións musicais, haberá case un cento de artistas espallando as actividades en máis de 30 locais hostaleiros da cidade., comezando este mesmo venres 21 de abril.