Noticias
Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas
Xénero:
| 4 / 8 / 2023Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG.
O festival de rúa Feito a Man celebra o seu 20 aniversario
Xénero:
| 2 / 8 / 2023Este xoves, 3 de agosto dará comezo unha nova edición, a vixésima, do festival Feito á Man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella ata o 24 de agosto e contará con máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais. O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. O Feito á man dará comezo hoxe, día 3 de agosto na rúa Xelmírez co grupo Maricarme e rematará o día 24 de agosto na praza de San Martiño Pinario co grupo Grampoder.
Xoel López presenta disco en directo do concerto ' X Aniversario Atlántico'
Xénero:
| 1 / 8 / 2023O concerto na Coruña co que Xoel López celebrou o pasado ano o décimo aniversario do seu primeiro disco en solitario Atlántico( 2012) ven de converterse nun novo disco na súa carreira. O artista presenta estes días ' X Aniversario Atlántico' (Esmerarte) en todas as plataformas, un disco directo que recolle os temas interpretados naquel concerto de conmemoración. O lanzamento sae acompañado do vídeo correspondente á canción 'Hombre de ninguna parte' coa que abre o disco no que ofrece ata 12 temas. Xoel é tamén noticia porque ven de presentar fai unhas semana a canión "Fort Da", primeiro adianto do seu vindeiro disco de estudio 'Caldo Espírito' que se estreará o vindeiro outono.
O Trad Fest fai un repaso á diversidade da música de raíz
Xénero:
| 28 / 7 / 2023Unha nova edición do Trad Fest encherá o próximo domingo a praza da Quintana e o parque de Bonaval de Santiago de Compostela cunha selección de voces da música de raíz dos panoramas galego e internacional. O festival inclúe na súa programación obradoiros, ruadas, espazos gastronómicos e unha feira de artesanía e un cartel musical con artistas como Xurxo Fernandes, Xoán Curiel ou Verónica Codesal para brindarlle ao público máis de 12 horas ininterrompidas de música, baile, tradición e vangarda. O evento representa unha oportunidade de achegarse á variedade e calidade dun dos xéneros musicais máis puxantes da nosa escena musical.
Silvia Penide renova o seu compromiso coa música en "Mientras dure el aplauso"
Xénero:
| 27 / 7 / 2023Silvia Penide cumpría anos este pasado día 26 de xullo e aproveitou o momento para facer a presentación do seu novo traballo discográfico que é, nas súas propias palabras "resumo de vida e de compromiso". Con este disco a artista de Arteixo celebra neste 2023 dúas décadas sobre os escenarios e faino co seu primeiro traballo discográfico publicado en vinilo e de edición limitada, "Mientras dura el aplauso". Neste peculiar álbum de cor blanca, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero, do que só aparecerán nas tendas 250 exemplares numerados a man pola propia Silvia, os seus seguidores poderán escoitar algúns dos temas máis coñecidos da súa traxectoria, interpretados na compaña de outros músicos aos que admira da escena musical galega e española. Contén ademais un tema inédito, entre os dez que o conforman, titulado "El colchón y el diván". Con "Mientras dura el aplauso" Silvia Penide renova o seu compromiso coa música, condicionado, iso si, a que soen os aplausos da xente que a segue e vai aos seus concertos.
A Pobra do Brollón presenta o seu Festival de Improvisación Oral
Xénero:
| 19 / 7 / 2023O primeiro encontro de improvisación oral da Pobra de Brollón bota a andar na fin de semana do 22 e 23 de xullo. O festival Brindadeira nace cunha programación na que participarán "improvisadoras de brindo e regueifa de toda Galicia e mais da tradición vasca de bertso". Segundo explica o concello, con esta iniciativa quérese recuperar a tradición do brindo, forma de improvisación oral propia da zona.
Pablo Sanmamed transforma en música a inquietude migratoria
Xénero:
| 18 / 7 / 2023"Zugunruhe" é un termo alemán que se usa para describir un comportamento animal de ansiedade visible nas especies de costumes migratorias, especialmente nas aves, cando lles chega o momento de iniciar o seu periplo. Pódese traducir como "inquietude migratoria" e así co termo alemán e a súa tradución serve de título ao terceiro disco de estudio do compositor, contrabaixista, director musical e produtor, Pablo Sanmamed. O concepto mesmo do que fala ese título motiva parte das composicións deste disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia des necesidade de movemento. Sanmamed, que pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, presenta este álbum acompañado por Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, habituais do seu trío, aos que se engade nesta ocasión o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero, para dar forma a un cuarteto que forxa un son comunitario inmersivo.
Luar na Lubre bota o ollar atrás no seu vixésimo álbum
Xénero:
| 14 / 7 / 2023Da man de Baía Edicións este 14 de xullo preséntase ao público XX- Encrucillada. O novo traballo de Luar Na Lubre, vixésimo da súa carreira discográfica, é unha ollada atrás á historia dunha banda que cumpre 37 anos en activo en 2023. Ademais, a formación sinala que este será probablemente o seu último traballo en formato físico.
O XXIV Memorial Ricardo Portela homenaxeará a Concha de Luneda
Xénero:
| 13 / 7 / 2023Esta fin de semana (14, 15 e 16 de xuño) terá lugar en Pontevedra a XXIVª edición do Memorial Ricardo Portela, un evento da nosa cultura tradicional que serve para festexar a figura deste gaiteiro histórico. A AGG (Asociación de Gaiteirxs Galegxs) organiza este encontro que durante tres días reunirá nas inmediacións da praza da Ferrería de Pontevedra un feixe de actividades, concertos, pasarrúas e mostras de artesáns que son reflexo da cultura tradicional arredor da música. Este encontro que leva o nome do gaiteiro de Viascón servirá este ano para homenaxear tamén a outra figura pola súa achega ao patrimonio musical do país. Este ano será Concepción Rodríguez Álvarez (Arbo, 1926 –2019), "Concha de Luneda" a que reciba este recoñecemento.
O Jazz de Ría crece ata Valdoviño na costa Ártabra
Xénero:
| 12 / 7 / 2023A sétima edición de Jazz de Ría ven de presentar o seu programa, que se celebrará do 18 ao 21 de agosto en escenarios de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, que este ano se incorpora ao festival. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música. A sétima edición do festival abarca todas as cores do jazz, transitando desde propostas flamencas ao dixieland de Nova Orleáns, o gypsy ou a música swing, para recuncar na diversidade de interesantes proxectos galegos que pintan o jazz con trazos de neosoul, funk ou experimentación contemporánea, na procura de novas sonoridades. Completan o programa aulas de baile, un obradoiro para crianzas, e un roteiro pola costa que rematará cunha sesión de contos musicados dedicados ás mulleres do mar. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde. As inscricións abriranse o 1 de agosto na web do festival.