O festival de rúa Feito a Man celebra o seu 20 aniversario
agosto 2, 2023
Este xoves, 3 de agosto dará comezo unha nova edición, a vixésima, do festival Feito á Man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella ata o 24 de agosto e contará con máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais. O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. O Feito á man dará comezo hoxe, día 3 de agosto na rúa Xelmírez co grupo Maricarme e rematará o día 24 de agosto na praza de San Martiño Pinario co grupo Grampoder.
Baixo o lema "20 anos regando a creatividade e o talento", o festival celebra o seu 20 aniversario con máis de corenta proposta musicais de moi diversos estilos. A praza de Feixóo, a rúa de Santo Agostiño, a praza dos Gatos, a Vía Sacra ou San Paio de Antealtares son algúns dos dezaseis espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo. A programación contará con recoñecidas propostas como Kin García Quinteto, novas formacións como Maricarme, ou propostas artísticas chegadas doutros países como Luiz Caracol (Portugal), Moyah (Mozambique-Portugal) ou Nación Ekeko (Arxentina). Un dos sinais de identidade do festival é a diversidade que acolle a nivel de estilos musicais. Así, poderase gozar de propostas que van dende o jazz ata o trip-hop, pasando polo funk, o blues ou o folk. Como cada ano, un dos espazos do festival convértese en espazo central onde todos os establecementos organizadores se xuntan para ofrecer unha programación conxunta. Nesta ocasión o escenario central será o da praza de Mazarelos que, a partir deste ano, pasará a chamarse escenario NARF en homenaxe a Fran Pérez Narf, gran amigo do festival falecido en 2016.
/Ferrol tamén aposta pola música
En Ferrol, Concello, hostalaría e comerciantes tamén veñen de anunciar unha inciativa semellante para a dinamización das rúas este mes de agosto. Veñen de presentarse e iniciarse unha serie de ata 25 concertos que se celebrarán nas rúas. Trátase dunha iniciativa promovida polos comerciantes e hostaleiros do centro da cidade na que colabora o Concello de Ferrol. Formacións ou artistas locais ou foráneos de todos os estilos tomarán as rúas en diversos días da semana entre martes e sábados. Polas rúas de Ferrol poderá verse a Moss; Los Eternos; The Rock Legend; DLO; Cabuxa Blue; Tania; Anabel Alegre e Foli Lamas; Nuevo Plan; Zest; A Pelo; Susana Adalid; Quant; Superglú; Tiquismiquis; Lourés Blues Band; Bea García; Dévalo; Malditos Pendejos; Coke Couto; Baluarte; Lunicos, Mercado de Rosen e Tacón Gitano.