Noticias
Comeza en Redondela o XII Festival Alternativo Millo Verde
Xénero:
| 7 / 6 / 2018Coas actuacións das bandas Cecina de León, Kings of the beach e Síndrome del Norte, comeza hoxe en Redondela o XIIº Festival Alternativo Millo Verde. Desde hoxe e durante tres días, ate o sábado, a Praia de Cesantes acollerá as constantes actividades paralelas así como os numerosos concertos, dezasete en total, deste evento organizado pola Asociación Cultural Millo Verde. Tamén hoxe tivo lugar a presentación da Festa da Carballeira de Zas, unha das citas estivais musicais máis lonxevas do país que organiza a A.C. Castro-Meda, que ven de presentar a que será a súas trixésima quinta edición a celebrarse, como sempre na primeira fin de semana de agosto na localidade coruñesa. No programa deste ano actuarán, xa sexa na sesión vermú, a partires das 14 horas, ou na sesión de noite a partires das nove, representantes da música folk galega así como doutros xéneros e tamén bandas internacionais os días 3 e 4 de agosto. A lista a conforman Pelepau, SES, Niamh Ní Charra, Fatty Farmers, Caxade, Os Farrapos, Cé Orquesta Pantasma, Foliada Tradicional, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Harmonica Creams, Mànran e Astarot.
Yago Vázquez e Felipe Villar collen a dirección do ImaxinaSons de Vigo
Xénero:
| 7 / 6 / 2018Con 22 días de antelación ao inicio programado, o 29 de xuño, comezan a saberse detalles importantes da que será a décima cuarta edición do Festival de Jazz de Vigo ImaxinaSons. Os músicos Yago Vázquez e Felipe Villar asumen a dirección do evento este ano en substitución da baterista Lucía Martínez, que levou esa responsabilidade durante os dous pasados anos de este evento organizado polo Concello vigués que segundo algunhas fontes ten un orzamento de 150.000 euros. A desvinculación desta música que substituía á súa vez ao pianista Nani García, e ausencia de noticias, ademais dalgunha información aparecida no perfil da rede social Facebook do evento, hoxe borrado, levou aos círculos de opinión e conversa do mundo do jazz a especular tanto coa desaparición do festival como con un cambio radical de modelo. Se desde a súa orixe o ImaxinaSons era un punto de encontro do jazz galego co que se estaba a facer por España e Europa, cualidade que o distinguía, algunhas fontes apuntaban agora a unha conversión que acollería jazz do outro lado do océano. Non hai aínda avances do programa que permitan asegurar ese xiro e único que ata de agora se coñece é a cancelación súbita dunha actuación xa concertada co baterista cubano Michael olivera e o seu grupo. Segundo o propio artista comunicou a través de Facebook, a súa actuación xa estaba pechada para o día 1 de xullo dentro do ImaxinaSons cando comezaron a xurdir problemas co número de músicos que debían acompañalo e despois o Concello cancelou completamente a súa actuación. O medio especializado El Club de Jazz, publicou un texto moi crítico coa situación do festival, ¿Réquiem por Imaxinasons? antes de coñecerse que serían estes dous músicos, Yago Vázquez e Felipe Villar, os que dirixirán esta 14ª edición. O contrabaixista Baldo Martínez, primeiro director artístico do festival, fíxose eco dese pasimista artigo no seu perfil de Facebook chegando a comentar que "Parece que desde Vigo se vuelven a cerrar las ventanas a Europa, cuando fue desde allí desde donde se abrieron". As circunstancias aumentan a expectación ante o programa que presentarán o pianista Yago Vázquez e Felipe Villar, e que segundo as datas oficiais se desenvolverá entre o 29 de xuño e o 4 de xullo.
Nace o Festival Internacional de Jazz de Bueu
Xénero:
| 6 / 6 / 2018O Concello Pontevedrés de Bueu une o seu nome ao dos circuítos de jazz coa presentación do que será o seu primeiro festival internacional deste xénero. A Asociación de Jazz de Bueu corre coa coidada organización do I Festival de Jazz de Bueu que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila morracense. O evento consistirá en diversas actividades, cinco concertos, e dúas jam sessions con horarios que cubren as xornadas desde o mediodía ata a noite. A participación internacional será dun 11%, con músicos de tres nacionalidades, o baterista iraní Shayan Fathi, o baixista holandés Felix Barth e o saxofonista italiano Rosollino Marinello. Outro 11% son de diferentes comunidades da Península, dando especial protagonismo aos músicos galegos, que suporán o 78% dos participantes do festival con nomes que será cabezas do cartel como o guitarrista Virxilio da Silva presentando JUZZ, o novo proxecto musical que lidera. O saxofonista gaditano Antonio Lzina e o seu grupo son outro dos nomes destacados do cartel.
Falece Benedicto, membro fundador de Voces Ceibes
Xénero:
| 4 / 6 / 2018Mestre, sindicalista pero por riba de todo coñecido como cantautor. Benedicto García Vilar, cofundador do movemento de cancións protesta Voces Ceibes en 1968, faleceu a pasada noite en Compostela aos 71 anos por mor da enfermidade dexenerativa que viña padecendo desde hai tempo. O seu labor a prol da cultura do país fora recoñecido nos últimos anos con concertos homenaxes como os que se lle tributaron en Compostela en 2014 e na Illa de Arousa, de onde era orixinario, en 2015. No seu haber, fitos como a gravación de diferentes discos, un longo traballo como sindicalista en Comisións Obreiras, grande cantidade de colaboracións en medios galegos como articulista ou o libro Sonata de amigos.
Tanxugueiras comeza a xira de presentación do seu primeiro disco
Xénero:
| 4 / 6 / 2018A Sala Capitol de Santiago acollía onte, tres de xuño, o concerto de presentación de Tanxugueiras, o disco de debut do trío homónimo. Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro metéronse no estudio de gravación logo de dous anos de traballo nos que se deron a coñecer a través das redes e coas súas colaboracións con músicos como Xabier Díaz ou A banda das Crechas. Agora, presentan da man de Inquedanzas Sonoras unha selección de doce temas nos que a percusión e a voz collen todo o protagonismo, con arranxos coidados que conectan a tradición con sons de alén do Atlántico.
A familia das excelencias
Xénero:
| 1 / 6 / 2018Mateo, María e Martín poderían ser tres nomes comúns dun grupo de amigos calquera, ou de tres irmáns tal vez. Cando falamos da cultura galega e dos sectores profesionais nos que esta se desenvolve os tres nomes xa toman outro cariz e son, efectivamente irmáns nunha familia cultural na que tamén hai un importante sitio para o Libro de familia. Catro sectores profesionais -o audiovisual (Premios Mestre Mateo), o teatro (Premios María Casares), a música (Premios Martín Códax) e a literatura (Premios Gala do Libro)- reparten cada ano distincións para recoñecer de entre todas as producións, traballos e achegas aquelas que concitan unha admiración máis ampla en base a múltiples criterios, case tantos como votantes as elixen. Son nomes que despois se usan como reclamo en carteis de cine e teatro, en lapelas de libros e discos. Co mes de maio rematado xa están todos estes recoñecementos repartidos no que ten que ver coa produción cultural de 2017, a última foi a Gala do Libro que ven de celebrarse o pasado día 19 de maio. Agora xa toca mirar para adiante e empezar a preparar os seguintes mentres as persoas encargadas da parte creativa van presentando e preparando creacións neste 2018 que tal vez reciban un destes galardóns en 2019. No outro lado, as entidades organizadoras e convocantes, tamén fan reflexión sobre a situación que teñen os premios que representan á cultura galega profesional
Nastasia Zürcher volta con premio para Galicia do festival Liet Internacional
Xénero:
| 29 / 5 / 2018O festival Liet International 2018, que se desenvolveu na cidade holandesa de Leewarden o pasado 23 de maio, acabou con recoñecementos para Galicia. Esta competición musical para bandas e solistas que traballan en linguas minorizadas de europa contou nesta décimo segunda xeira coa presenza de dúas formacións galegas, a banda Familia Caamagno e mais a solista Nastasia Zürcher. Foi esta última a que conseguiu o recoñecemento no evento, quedando segunda na clasificación xeral, na que se viu superada pola banda córnica The Rowan Tree. Ademais, a cantante galega trouxo para a casa o premio dos músicos, que outorgan os propios participantes no evento. Zürcher contou co seu produtor Adrián Saavedra ao piano para interpretar o seu tema Espertos no festival.
Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso
Xénero:
| 28 / 5 / 2018O Festival V de Valarés de Ponteceso desaparece antes de celebrar a súa duodécima edición. A noticia xa era de agardar ante o feito de que a falta de case dous meses e medio das súas datas habituais non se tivese noticia del, pero agora José María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal impulsora do evento, confirmou a este medio que este ano non se celebrará o festival e que non hai previsión de retomalo nun futuro próximo ante unha "presión total e asfixiante" e unha situación que producía "un sen fin de problemas e de trabas continuamente". O evento, que reunía tres mil persoas no entorno natural da Praia de Balarés deixa de organizarse ante a presión que supón para a modesta organización afrontar as continuas denuncias e reclamacións que lles chegaban por diversas frontes, case todas focalizadas no uso do espazo que se estaba a facer e que viñan tanto de Medio Ambiente coma de Portos de Galicia polo uso do peirao. Colectivos como Salvemos Cabana presentaran xa hai anos unha queixa ante Medio Ambiente contra a celebración deste festival de música en plena zona protexida da Rede Natura. Anteriormente xa houbera outras queixas sobre este mesmo asunto que levaron a facer perigar algunhas das edicións do festival, pero en todos os casos a organización conseguiu os necesarios permisos para a celebración. A falta da profesionalización precisa para encargarse dun evento destas características tamén se sumou a todos eses inconvintes levando á Fundación Eduardo Pondal a deixar de lado o festival sen data de recuperación no horizonte.
Oito propostas para avanzar en igualdade no documento 'Cara ás lentes violetas na música'
Xénero:
| 28 / 5 / 2018Oito propostas e a revelación da necesidade de promover estudos da situación centran o redactado final do documento Cara ás lentes violetas na música cuxo resumo foi presentado inicialmente o 19 de maio de 2018 no Teatro Colón da Coruña, no marco da xornada "Mulleres e Música", promovida pola Deputación da Coruña dentro do programa "A cultura é un dereito". Neste manifesto-informe asinado polas asociacións MIM (Mujeres en la Industria Musical) e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural(AGPXC) preséntase unha síntese do informe realizado por Belén Bermejo, xurista e xestora cultural. O obxectivo é facer chegar este documento a ás institucións publicas e a todos os axentes que operan na música en Galicia: empresas, management, artistas, asociacións gremiais ou empresariais.
Os músicos de Compostela claman por normas que permitan concertos en bares e pubs
Xénero:
| 25 / 5 / 2018Cando falta pouco máis dun mes para a entrada en vigor da Lei de Espectáculos de Galicia, en Santiago, a sección local da asociación de Músicos ao Vivo (MAV), está a librar unha batalla que aspira tamén a ter repercusión noutras localidades. O colectivo profesional, que agrupa a case que 200 formacións na capital, ten todas as actuacións canceladas desde o pasado abril en cafeterías, pubs e outros locais de hostalaría que non teñen licenza expresa como sala de concertos. A ausencia dun convenio co Concello que protexa estes eventos ante calquera denuncia por ruídos ou molestias fixo parar e mesmo anular concertos programados. Xunta e Concello culpáronse mutuamente desta situación colocando no contrario as responsabilidades dos permisos, cabe recordar que a Rede galega de Musica ao Vivo impulsada pola Axencia Galega de Industrias Culturais apoia espectáculos en numeroso locais sen licenza como sala de concertos. A asociación levou a cabo accións públicas de protesta e emitiu un comunicado no que solicitaban da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago o desbloqueo da situación de indefinición legal que crea a nova normativa para a música ao vivo e que por exemplo, fai acorde á normativa municipal un concerto na rúa na terraza dun local, pero ilegal que en caso de choiva o mesmo concerto pase ao interior e deba usar amplificación pola normativa autonómica. Representantes da sección Compostela de MAV e da hostalaría local reuníronse onte coa concelleira de Cultura, Branca Novoneyra para tentar chegar a un acordo. Segundo recolle o xornal La Voz de Galicia os músicos fían a boa resolución deste proceso ás alegacións que o Concello de Santiago pretende presentar ao novo catálogo de actividades hostaleiras no que pedirán que se cree a categoría de bar musical. Desde a sección Compostela de MAV fan un chamamento ao resto de Concellos de Galicia para que impulsen medidas que permitan a mobilidade e homoxeneidade legal á hora de desenvolver o seu traballo dentro do territorio.