Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Falece Toñito Pedreira o cantante e fundador do grupo Riff-Raff
Xénero:
| 8 / 5 / 2019Hoxe pola mañá falecía no seu domicilio do barrio ferrolán de Canido o vocalista e fundador do grupo Riff-Raff, Toñito Pedreira Santiago. A banda comunicaba a través das redes sociais a triste nova a media mañá e algúns medios de radio locais, como a emisora da cadea COPE xa se facían eco. A banda ferrolá formada en 1997 acadou un oco na última década tanto en escenarios de salas como de festivais ofrecendo a modalidade de "banda tributo" sobre o repertorio dos australianos AC/DC. A honestidade e da súa proposta e o seu bo facer fixeron dela un referente na escena de "tributos" que transcendeu os límites de Galicia e compartiron cartel con grandes grupos como Whitesnake, para os que actuaron como abreconcertos na Coruña. A noticia causou un fondo pesar tanto no seu entorno máis próximo como entre o resto da escena musical coa que ten compartido escenarios. A repentina morte de Pedreira causou ademais unha gran sorpresa toda vez que a banda tiña previsto un concerto este venres no Forum Cñelticum da Coruña e recentemente confirmara a súa participación no solidario Festival de la Luz de Boimorto onde xa eran uns fixos no cartel.
Nace na Coruña o festival REC Fest de rock
Xénero:
| 11 / 4 / 2019Rock en Coruña REC Fest é un novo encontro musical na cidade herculina. Un festival que xurde aspirando a converterse en referencia a nivel estatal para os amantes da música de guitarras na súa versión máis enerxética. A primeira edición do evento xa ten data, hora e cartel, terá lugar o sábado 23 de novembro de 2019, a partires das 19.00 horas, no Coliseum d’A Coruña. Seis horas de sons incendiarios e música combativa. Co propósito de ser ecléctico dentro do xénero do rock, no cartel do REC Fest teñen cabida sons coma o Punk, o Ska, o rock clásico, o Metal, o Hardcore, os ritmos urbanos, a fusión, etc. Na cita non faltan figuras de alcance nacional e internacional e bandas con acento galego. No cartel da súa primera edición dánse cita Ska-P, Dakidarría, La Regadera, Bastards On Parade, Machete en Boca e Ezetaerre. As entradas do REC Fest estarán dispoñibles a partires do vindeiro luns 15 de abril a través das plataformas online Ticketea e Ataquilla e, físicamente, no Quiosco da Praza de Ourense. O REC Fest (Rock En Coruña) é un festival organizado pola promotora de eventos Galicia Vella, coa colaboración do Concello de A Coruña.
ISIUS presenta o seu disco de debut en Vigo
Xénero:
| 11 / 4 / 2019A sala La Fábrica de Chocolate de Vigo acollerá mañá venres 12 a presentación en concerto do álbum debut de ISIUS, Songs from Everywhere (Ernie Records, 2019). Tras dous temas de adianto (Moving On e The Hollow Side) saía o pasado 1 de marzo en plataformas dixitais o álbum completo con sete temas, todos eles cantados en inglés e compostos por José Viqueira (ex- Free Serena) a metade do proxecto ISIUS xunto a Nuria Moreu. Para defender o traballo en directo contan con Eduardo Romero (baixo), Carlos Gil (guitarra) e Alberto Iglesias (batería). Os temas de ISIUS parten das vivencias da parella e son un retrato sonoro do seu devir vital, unha crónica de varios anos e experiencias compartidas. Para iso a banda usa un repertorio de composicións propias que nos sitúa nos ecos do folk-rock americano, a discográfica apunta referencias como Death Cab for Cutie ou Nada Surf e serían de engadir outras como Nick Mulvey, The Oh Hellos e, xa máis cerca, Pajaro Sunrise. O "mapa sonoro" como crónica das vivencias da parella preséntase á prensa xa delimitado e sinaladas as fases: o paso da parella por Madrid (The Hollow Side, GWG, Chasing Time), Holanda (Moving On, De Pijp), o regreso a Galicia e nacemiento da súa filla (Ana's Lullaby). A gravación e produción do disco levouse a cabo no estudio do produtor Paco Loco en Cádiz coa batería de Rafa Camisón e a participación de numerosos músicos que pasaron pola casa durante a gravación. Despois desta presentación a banda estará o vindeiro día 18 actuando de abreconcertos para os escoceses Teenage Fanclub na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
Resurrection Fest pon á venda abonos de prezo reducido para a veciñanza de Viveiro
Xénero:
| 1 / 2 / 2019O festival Resurrection Fest segue a ser obxecto de atención informativa unha vez máis, neste caso pola súa relación especial coa vila onde se celebra, Viveiro. Desde hoxe mesmo a organización do evento pona á venda un lote de abonos a prezo reducido destinados en exclusiva para a veciñanza da vila. Os empadroados desde fai máis de seis meses en Viveiro poderán achegarse aos Claustros de San Francisco e amosando o seu DNI adquirir estes pases nominativos non transferibles. O prezo é de 70 € para os abonos de 3 días e 140€ para os Pandemonium con acceso a zonas restrinxidas. O prezo será de 70 € para os abonos de 3 días e 140 € para as Pandemonium, un importante desconto tendo en conta que a venda xeral destes mesmo abonos está en 145 € (máis gastos) e 215€ (máis gastos) respectivamente. Ambas ofertas estarán limitadas e só poderán mercarse ata o 30 de maio. Esta iniciativa tan pouco habitual e que xa se ten feito en edición anteriores resulta posible grazas á colaboración do Concello de Viveiro coa organización do Resurrection Fest.
Javi Maneiro ao natural co disco 'Acaricia mis arrugas'
Xénero:
| 30 / 1 / 2019Desprovisto das súas habituais gafas de sol Javi Maneiro olla para nós desde a capa do seu novo disco en solitario Acaricia mis arrugas ( Dotbeat, 2018). Maneiro amósanos unha mirada segura e sosegada sen artificios, directa e sinxela que traspasa dúas mans que non a poden esconder. Ese é xa un sinal de referencia deste traballo e que dá unha pista do que imos escoitar nos oito temas deste segundo disco en solitario do músico que leva 25 anos sobre os escenario, primeiro (e aínda) con Heredeiros da Crus e posteriormente con Jabón Blue e xa con 13 discos de estudio nas costas. Intérprete, letrista e compositor dos seus temas, neste disco certamente traspasamos a personaxe de "Maneiro" e accedemos a un maduro Javi, que nos ofrece entrada a unha intimidade natural, con letras directas sobre situacións e sentimentos universais e cun son tamén provisto dunha gran naturalidade. Con estes elementos José Puga e Pachi Baldomir estiveron a cargo da gravación nos estudios Nakra na Coruña, mentres que para a masterización Maneiro repite con Robin Schmidt, que traballa con bandas como Placebo ou Mumford & Sons. Como acompañantes contou con Manu Rey na batería, ‘Pony’ ao baixo e ‘Kuervo’ e Cayetano Sánchez ás guitarras.
Os coruñeses IX Voltios presentan o seu primeiro disco
Xénero:
| 23 / 1 / 2019O Bâbâ Bar da Coruña acollía o día 19 o concerto de presentación do primeiro disco da banda coruñesa IX Voltios. O disco, homónimo do grupo e autoeditado, presenta 10 temas orixinais, cantados en castelán, gravados nos Estudios Bruar da cidade herculina. Rock e pop-rock de boa factura e potencia eléctrica son a carta de presentación destes catro músicos que antes compartiron outros proxectos como Superglú, Pachamama, Appratto, ou tamén como parte das bandas acompañantes de artistas como Ses ou Carmen Rey. Crear repertorio propio foi a prioridade desta banda que comezou como trío fai cinco anos. Ruben Appratto, Miguel Porto, Carlos Filgueiras e Christian Tomé son os asinantes deste álbum que xa está dispoñible en plataformas dixitais. La ausencia del sol é o primeiro dos temas do disco que veñen de sacar en formato de videoclip.
A banda Electra presenta o seu primeiro disco 'Duelos y Quebrantos'
Xénero:
| 22 / 1 / 2019A banda de rock coruñesa Electra acabou o ano 2018 presentando o seu primeiro disco autoeditado Duelos y Quebrantos. A formación creada en 2016 polo guitarrista Pablo Rega (ex-Kozmic Muffin) está conformada por 6 músicos de experiencia contrastada como Rega que veñen tamén de Kozmic Muffin, Rockers go to Hell, Ultracuerpos e outros coñecidos proxectos. Alvaro Dorda está na voz (Mandrágoras, Ultracuerpos, Rockers go to Hell), Miguel Martínez no baio (Rockers go to hell, MEU, Pardo), Ramón Alonso, guitarra e coros (Ultracuerpos, Sensacional), Enrique Otero aos teclados (Kozmic Muffin, Banda Crebinsky) e Adrián Seijas, batería (Misterioso viaje a Holanda). Duelos y Quebrantos, que xa está dispoñible en plataformas dixitais, ofrece nove temas propios cantados en castelán. Mentres no apartado musical podemos albiscar mesmo influenzas psicodélicas e do rock experimental nalgúns dos temas, as letras (Rega y Dorda) así como o uso de ventos noutros momentos nos leva a lembrar ese tex-mex fronteirizo e escuro do que fan gala algúns outros músicos da escena española, como Búnbury, por exemplo, malia que a voz de Dorda non precisa de excesos para resultar evocadora e con presenza. Electra enriquece o discurso sonoro coa axuda do órgano e outras variacións estilísticas que fan dos seus nove temas unha viaxe rock con perspectiva propia e cun sabor de autenticidade. O disco está dispoñible nunha edición limitada en vinilo, á venta en Discos Portobello, Bristol Bar, La Barbería , Ummagumma, El García Coruña e Vinos Arana.
Ataque Escampe lanza dous discos de rarezas para despedir 2018
Xénero:
| 2 / 1 / 2019A plataforma Bandcamp acolle desde o pasado 31 de decembro para libre escoita e descarga o último lanzamento de Ataque Escampe. A banda fecha 2018 con mudanzas na súa formación e fai un repaso á súa traxectoria na forma de dous discos de inéditos e rarezas. Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018) achegan 24 temas entre directos, demos e versións, a incluír catro pezas inéditas rexistradas nos estudios Gonzalinhas de Lalín. Fican fóra do repaso os dous primeiros discos da formación, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e Galicia es una mierda (2008). "Non imos dicir que estas 24 cancións encerren a historia desta última década (xa nos gustaría), pero seguramente si que sirvan para seguirnos o rastro a nós, ao que fomos nestes anos, ao que aínda somos e tamén ao que xa non. E pasabámolo ben. E eramos todos amigos. E non queriamos ter máis", explica a banda na presentación do proxecto.
Thee Blind Crows celebra aniversario cun novo disco e con formación de trío
Xénero:
| 13 / 12 / 2018Death Awaits Us All, así de contundente é o título do novo disco dos coruñeses Thee Blind Crows. Nel recóllense catorce cancións intensas e salvaxes que serven como celebración dos seus dez anos de traxectoria e que presentan a súa nova formación pasando de duo a “power trio”. O disco lanzarase o vindeiro 9 de xaneiro e xa se pode reservar, tanto en formato dixital como en formato físico, a través do Bandcamp da banda. Este terceiro traballo longo foi gravado no Estudio A Ponte e masterizado por Mike Mariconda. Conta cunha coidada edición en vinilo a cargo dos selos Folc Records, KOTJ e Ghost Highway Recordings. Para agradecer a toda a xente que os acompañou ao longo destes dez anos, prepararon un paquete especial en edición limitada de cen unidades que inclúe o vinilo vermello, unha serigrafía numerada e mais un parche de tea. Este pack especial pódese reservar única e exclusivamente a través do Bandcamp de Thee Blind Crows. En febreiro Thee Blind Crows volverán levar a súa descarga visceral de Blues Punk aos escenarios para presentar a súa nova creación.
NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'
Xénero:
| 21 / 11 / 2018A banda estradense de metal rock NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O grupo presentou este martes o álbum Ata que o lume se apague nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Ante eles os músicos responderon á pregunta que moita xente agardaba aclarando o motivo polo que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou: "Chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue". NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal.
novidades discográficas
Xabral
Ruxe Ruxe
O círculo das formigas
Os John Deeres
Malkeda
Malkeda
XX
Dakidarría
Rematou o simulacro
Loita Amada
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música