Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Unha inédita alianza de cantautores lanza Cincoparedes
Xénero:
| 11 / 12 / 2015Teñen carreiras en solitario e apostan polos temas propios. Iso non quita que os cantautores Silvia Penide, Félix Arias, Luis Moro, César de Centi e Nando Deibe teñan apostado por unha alianza para o proxecto común Cincoparedes, que presente esta noite o seu primeiro disco, homónimo. O que comezou como un proxecto escénico puntual en xaneiro deste ano deu nunha serie de concertos e finalmente nesta gravación, que achega quince temas orixinais que os membros do colectivo interpretan en conxunto, incorporando ás guitarras instrumentos como piano, ukelele, armónica ou percusión. O Ágora da Coruña acolle esta noite a presentación do proxecto, que se gravou nos estudios Bruar da Cidade Herculina.
Tatán Cunha pasa da escena á canción con Chapeu
Xénero:
| 9 / 12 / 2015É máis coñecido polo seu traballo de anos en Títeres Tanxarina, pero Tatán R. Cunha atrévese a ampliar horizontes e acaba de presentar a súa primeira incursión no mundo da música. Chapeu é o nome do seu primeiro disco, que acaba de presentar no Culturgal e que, segundo explica achega "unha ducia de cancións escritas para contar historias. Fotografías teatrais, o mundo que máis coñezo e co que camiño a miña vida. Un mundo carregado de amizades que me invitan a cantar e a os que admiro e cos que compartín a loucura de crear este proxecto". Tatán non se lanza só nesta aventura, xa que contou con Pablo Vidal e Uxia para a composición e arranxos e con colaboracións como as de Carlos Blanco, Isaac Palacín, Sergio Tannus, Magín Blanco ou Manu Paino entre outros.
Falúa presenta o seu primeiro disco, orientado á lusofonía
Xénero:
| 23 / 10 / 2015Dous temas tradicionais galegos, tres de Portugal, da autoría de Vitorino, Zeca Afonso e Amália Rodríguez, un do brasileiro Chico César e outro do cubano Silvio Rodríguez. Esta é a aposta que fai o dúo Falúa para presentar o seu primeiro e homónimo disco. O dúo composto pola vocalista Sara de Sousa e Gom de Abadin á guitarra autoeditou o álbum e está a desenvolver unha serie de concertos por todo o país para dar a coñecer o seu proxecto.
Emilio rúa presenta o seu Destino Sur en Compostela
Xénero:
| 15 / 1 / 2015Acompañado de Carlos Blanco como mestre de ceremonias, o cantautor Emilio Rúa achégase esta noite a Compostela para presentar o seu último traballo. Destino Sur, autoeditado logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, achega trece novos temas nos que evoca a Nova Canción Galega. Versións de Miña Maruxiña, de Andrés Do Barro, e do María Soliña de Celso Emilio Ferreiro combínanse con Yip Harburg (Nun lugar do arco da vella) e mais o Antonio Vega de A moza de onte. Temas de carácter social e intimista altérnanse nos trece temas do volume. O concerto, que fai parte da xira de presentación do traballo, será ás 21 horas no Salón Teatro.
Aínda é o primeiro disco de Alba María
Xénero:
| 11 / 12 / 2014O Culturgal acollía a pasada fin de semana o concerto de presentación de Aínda. Alba María, gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teto, comeza con este traballo a súa carraeira discográfica. Central Folque edita un disco no que a moza de 19 anos amosa as súas habilidades como compositora e intérprete. Alba María conta con colaboracións como as de José Manuel Díaz e Alejandro Vargas, arranxistas do disco, ou as de músicos como Pedro Pascual, Óscar Fernández, Gutier Álvarez ou Felipe Villar. Letras de calidade nas que o lirismo non esquece cuestións de xénero e sociais arroupadas por unha coidada ambientación musical amosan o potencial desta nova creadora.
Marta Quintana tamén se achega a Díaz Castro
Xénero:
| 20 / 5 / 2014A guitarra de Cuchús Pimentel sérvelle a Marta Quintana de base para o seu último traballo. A harpista e cantante adapta once poemas de Díaz Castro en Lus un proxecto autoeditado no que non faltan textos como Penélope, cunha vangardista versión, Noite do mundo ou Nimbos. O dúo presentou en público o disco no recital Díaz Castro: perdido no traxecto e salvado por un anxo que se celebrou o pasado venres 16 na Cidade da Cultura.
Resonancias de Rosalía, de Amancio Prada
Xénero:
| 19 / 5 / 2014En paralelo con Federico García Lorca, poeta en Galicia e como parte da xira A Rosalía de Federico, Amancio Prada presenta Resonancias de Rosalía. O novo disco do cantor berciano ponlle música a 18 novos textos da poeta de Padrón, que se suman á xa longa traxectoria de poemas de Rosalía cantadas por Prada. O texto, publicado baixo o selo Musicamaina, conta cun texto introdutorio de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.
Amancio Prada une a Lorca e Rosalía cunha xira e dous discos
Xénero:
| 19 / 5 / 2014Un duplo lanzamento discográfico e unha xira arredor da relación entre Lorca e Rosalía. O músico berciano Amancio Prada presentaba o pasado venres no Consello da Cultura Galega os seus últimos proxectos, nos que explora os vencellos entre a poeta galega e o poeta granadino. Para o facer, Prada presenta, por unha banda Federico García Lorca: Poeta en Galicia, un libro-CD editado por Vaso Roto no que o cantor versiona por vez primeira a totalidade dos Seis poemas galegos do poeta aos que engade a súa Salutación Elegíaca a Rosalía de Castro. O proxecto conta coas ilustracións de Juan Carlos Mestre. En paralelo, sae tamén à venda Resonancias de Rosalía.
2naFronteira musican a Díaz Castro no seu novo traballo
Xénero:
| 28 / 4 / 2014O dúo 2naFronteira, formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, presenta Zapatiños para Díaz Castro, un CD no que musica catorce poemas de Nimbos, o poemario de Xosé María Díaz Castro. Os textos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano cobran vida cunha ampla presenza de harmonios, pianos e a voz de Carmen Penim. No vídeo que encabeza esta información os artistas explican o proceso de xestación deste disco.O grupo iniciou o proxecto a musicar Penélope, o poema máis coñecido do autor, e foi o interese que os músicos foron atopando na lectura dos poemas de Díaz Castro o que os levou a completar o conxunto de textos do autor.
Vizcaíno chega con Alas de papel
Xénero:
| 23 / 4 / 2014Desde o Incio chega o primeiro traballo de Vizcaíno, nome artístico de Xabier Pérez. Alas de papel, autoeditado, achega dez temas de autor con carácter urbano e toques rock. Aínda que cantado maioritariamente en castelán, o volume inclúe tamén o tema en galego Sete chorares. Concibido en Sudamérica, o disco nace logo de só dous anos de carreira musical deste compositor. Unha xira por todo o Estado e varias actuacións por Arxentina están a servir para presentar o traballo do cantante.