Emilio rúa presenta o seu Destino Sur en Compostela
xaneiro 15, 2015
Acompañado de Carlos Blanco como mestre de ceremonias, o cantautor Emilio Rúa achégase esta noite a Compostela para presentar o seu último traballo. Destino Sur, autoeditado logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, achega trece novos temas nos que evoca a Nova Canción Galega. Versións de Miña Maruxiña, de Andrés Do Barro, e do María Soliña de Celso Emilio Ferreiro combínanse con Yip Harburg (Nun lugar do arco da vella) e mais o Antonio Vega de A moza de onte. Temas de carácter social e intimista altérnanse nos trece temas do volume. O concerto, que fai parte da xira de presentación do traballo, será ás 21 horas no Salón Teatro.