Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Eloi Caldeiro presenta o seu disco de homenaxe a Xela Arias
Xénero:
| 19 / 5 / 2021Dez poemas tirados dos poemarios Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos compoñen a homenaxe que Eloi Caldeiro lle presta a Xela Arias. O músico de sarria acaba de lanzar no selo Sons Galiza e no marco da colección "O son da palabra" o álbum O equilibrio dos tigres. O músico apostou por rock e pop con sonoridades dos anos oitenta ou polo blues para adaptar os versos da autora celebrada no Día das Letras Galegas. O proxecto, que conta co apoio do Concello de Sarria e da Consellería de Cultura, conta cunha tiraxe de 1.500 exemplares que saen á venda en formato libro-CD. Caldeiro realizou a adaptación e gravacion dos temas en apenas dous meses.
The Soul Jacket teñen novo disco e datas para presentalo en concerto
Xénero:
| 3 / 5 / 2021Os vigueses The Soul Jacket veñen de presentar o que é o seu quinto disco, Let Me Stand. do que xa teñen datas para presentalo en concerto este mesmo mes de maio comezando no País Vasco o 28 de maio para tras pasar por outras localidades españolas, volver ante o seu público vigués o vindeiro 11 de xuño dentro do ciclo TerraCeo do Auditorio Mar de Vigo. O novo álbum introducido coma "unha intrincada paisaxe" con "capas e capas de placer sonoro e sinérxico, moi variadas connotacións e influenzas" ofrécenos talvez o repertorio máis funk da banda viguesa de toda a súa traxectoria. Tras transitar en anteriores traballos moi decididamente pola Americana, o country-rock, o Rythm &Blues e a psicodelia, este Let me stand, sen renunciar aos sinais de identidade da banda, engade no seu percorrido unhas composición máis funks, o tema que dá título ao álbum por exemplo, así coma outras moi achegadas ao neo soul, coma en Declaration of Intentions. Na instrumental Zeit Im Tiefen Wald, transitan pola psicodelia electrónica a base de sintetizadores, incluíndo así un espazo de contrapunto na escoita do disco.
Estréase en aberto o documental sobre a historia dos quince anos do Resurrection Fest
Xénero:
| 29 / 4 / 2021As penas con pan son menos, e este ano sen Resurrection Fest buscará a esa compensación desde hoxe coa estrea e difusión do documental "Resurrection Fest: la historia (2006-2020)" que se estrea en aberto na canle de YouTube do festival, tras o paso polo Resurrection Fest Online o pasado ano . Grazas a este audiovisual de 75 minutos de duración dáse a coñecer toda a historia deste multitudinario e internacional evento da música rock, desde como se creou ata un percorrido por cada unha das quince edicións do festival de Viveiro, incluíndo declaracións de moitos dos artistas de fama mudial que pasaron polos seus escenarios. Qunce anos de paixon polo rock and roll e unha pequena miragre desde unha pequena vila galega atraendo as miradas de todo o mundo. O audiovisual está xa dispoñible na canle desde hoxe, xoves ás 22:00 horas.
A cancelación do Resurrection Fest ata 2022 xa está confirmada
Xénero:
| 16 / 4 / 2021Unha tras outra, sen demasiada sorpresa, as citas máis multitudinarias van caendo dos calendarios como xa pasara no 2020. Os avances na situación pandémica non permiten predicir a posibilidade de levar a cabo este tipo de eventos este ano e por tanto resulta imposible a súa preparación, con especial impacto no sector dos festivais musicais. Se fai pouco era o festival Portamérica o que anunciaba o seu aprazamento ata o ano 2022 agora é o Resurrection Fest o que comunica que a súa 15ª edición realizarase do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022, na fin de semana habitual dos últimos anos. Este ano a organización renuncia en principio a levar a cabo calquera adaptación en formato semi-presencial, como intentara o pasado 2020 véndose obrigados a cancelalo cuns poucos días de antelación ante a prohibición do concello de Viveiro, pero adiántalle aos seus seguidores que ten "unha gran sorpresa" para este 2021, que revelará máis adiante. As empresas organizadoras de Rescurrection fest e Portamérica son tamén, en UTE, as que organizan o festival O Son do Camiño en Santiago, poloc al é de agardar novas na mesma liña sobre este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Presentan a banda deseñada que substitúe este ano ao festival Armadiña
Xénero:
| 30 / 12 / 2020O festival Armadiña Rock de Combarro, asumiu este a imposibilidade da súa celebración en agosto anunciando a edición dunha banda deseñada en substitución paliativa. A organización do evento podía presumir de ser o primeiro festival musical reconvertido neste formato. Agora ven de presentarse na sede da Deputación Provincial de Pontevedra o volume O último festi. Os autores Pablo Prado e Fernando Llor asinan esta publicación de 32 páxinas a cor que conta a historia dunha pandilla formada por dous rapaces e dúas rapazas que vivirán o seu último festival antes de separarse para dar comezo a súa etapa universitaria en diferentes cidades. O festival será a décimo segunda edición do Armadiña Rock en Combarro. Nela tamén haberá un cartaz formado por bandas musicais como Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia, The Tetas Van, Sés e Heredeiros da Crus, a cuxas actuacións as e os lectores poderán chegar a través de códigos QR. De feito, os protagonistas do libro celebrarán o seu último festival visitando os lugares onde transcorre o festival no recinto histórico de Combarro, transmitindo o fomento e conservación do patrimonio material e inmaterial grazas a creación de varias localizacións clave (rúa Cega, Praza da Rualeira, Praza de San Roque), en base do traballo que investigación e recompilación que realizaron a Comisión Organizadora do Armadiña.
Ith fan un disco de balance vital en código rock con 'Frear o momento'
Xénero:
| 21 / 12 / 2020Xa está dispoñible nas plataformas dixitais e á venda en formato físico Frear o momento (Rocket Music), o novo traballo longo da banda de rock Ith. Gravado coma o anterior en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), este é o terceiro disco de estudio dos de Xanceda (Mesía) dous anos despois de O mínimo que o contén todo (2018) e ofrece oito temas novos, algúns con aires pop-rock pero en xeral de rock enérxico, con claras raíces de heavy metal en forma de longos punteos que buscan os límites, riffs ferroviarios e descargas de músculo cunha percusión poderosa e a presenza de voz ben asentada de Lucía da Fonte, que tamén escribe os temas.
Publícase 'Adeus e grazas', o DVD que recolle o concerto de despedida dos NAO fai un ano
Xénero:
| 4 / 12 / 2020A banda estradense de metal rock, NAO, xa non está en activo pero celebra estes días o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publica este 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela. A banda presentou fai dous anos o que sería o seu último traballo de estudio Ata que o lume se apague co cal anunciaban a súa despedida dos escenarios despois desa xira que rematou en Amio. Os integrantes de NAO decidiron poñer nese momento final a un proxecto musical de cuxo alto nivel esixía unha implicación persoal que non lles resultaba posible manter e así o explicaron nunha rolda de prensa naquel momento. A banda, ademais dunha ampla discografía e multitude de seguidores contaba co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal do ano 2015.
Créase a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras arredor da sala coruñesa
Xénero:
| 18 / 11 / 2020Este pasado luns, 16 de novembro, a sala de concertos Mardi Gras da Coruña facía o seu 21 aniversario, nun contexto no que a súa actividade está totalmente impedida polas restricións decretadas pola Xunta de Galicia desde o pasado mes de agosto. Tras ver pechar outras salas importantes da súa área coma o Bâbâ Bar e o Fórum Celticum os responsables da Mardi Gras quixeron comezar a poñer as ferramentas necesarias para a súa permanencia ata a fin da pandemia e argallaron o plan "Salvar a Mardi Gras". Coincidindo co seu aniversario presentaron a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras, un proxecto colaborativo que inclúe a protección das salas coruñesas en risco nestes momentos, agrupadas na campaña #ApoyaTuSala (Mardi Gras, Jazz Filloa, Garufa Club, e o propio Bâbâ Bar en concepto de axuda á liquidación) pero que pretende ir moito máis alá converténdose nun axente cultural máis con alcance fóra dos límites da Coruña, ata en toda Galicia, xa que ése é o rango no que foi rexistrada a súa constitución. Nos dous días que levan coa proposta enriba da mesa xa recibiron máis de 300 correos electrónicos interesándose sobre o xeito de asociarse. Entre os remitentes hai concelleiros e músicos da cidade herculina pero tamén todo tipo de xentes que conciben a Sala Mardi Gras coma parte da súa vida presente ou pasada nestes 21 anos de actividade deste templo musical. Segundo os organizadores hai quen incluso pregunta se pode inscribir como socio xa a un bebé con vistas ao futuro.
Piti Sanz presenta S4N7 un novo disco e proxecto musical
Xénero:
| 9 / 11 / 2020Piti Sanz é coñecido por ser un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos, ademais tomou parte en varios proxectos puramente musicais como a banda de Luis Tosar Di Elas e tamén das máis recentes formacións de Os Resentidos. A pandemia colleuno preparando un novo proxecto propio con álbum incluído, S4N7, do que foi adiando a saída dadas as circunstancias e a dificultade de presentalo en directo. Finalmente foi no mes de outubro cando puido saír a luz este S4N7 que supón a súa volta á gravación do músico tras anos sen asinar ningún traballo e grazas ao que volve a poñerse ao fío da actualidade, neste caso coa compañía no proxecto de Adrián Arias nos teclados e Ro Muñoz na batería. Once temas conforman o disco editado por Sorte Records. Nas pistas deste traballo,m que xa está en plataformas e á venda en formato CD, Sanz demostra a súa capacidade compositiva de música e letras en temas de presencia contundente pero sin complicacións. Rock urbano de estilo impecable, cos aires de garaxe ou blues que Sanz sempre manexou con facilidade. Nalgúns casos ademais inclúe fusións latinas. O disco inclúe a reinterpretación dalgún dos seus temas composto para una banda sonora audiovisual coma a canción Dille que non que formaba parte da película 18 comidas (Alfonso Zarauza, 2010) e outros tres temas previos, os demais son composicións novas. O tema non é o único en galego do disco que tamén inclúe o tema As casiñas do Barrio Alto. Para a gravación e masterización a banda escolleu os estudios Edisco da Estrada. O tema de lanzamento do disco e que xa ten vídeo foi Todo sale mal, unha premonitoria declaración de resistencia ante calquera condición adversa cun ritmo e acabado perfectos.
O concello de Viveiro tumba os concertos ao vivo do Resurrection Fest XS
Xénero:
| 13 / 8 / 2020Menos de 48 horas durou o proxecto do Resurrection Fest XS con concertos ante público na vila de Viveiro. Malia o patrocinio da Xunta á iniciativa de levar a cabo actividade musical en condicións controladas, o Concello de Viveiro denegou os permisos que farían posible o uso das instalacións municipais para o festival que pretendía reunir ata 800 persoas na vila da Mariña para asistir ao concertos programados do ciclo no que se convertera a edición deste ano. Nun comunicado o concello asegurou que esta decisión "complicada e difícil" foi tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, coa prioridade da seguridade da veciñanza. "Vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación", explica a alcaldesa, María Loureiro. O goberno municipal explica que o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade. A celebración da parte virtual e en liña que xa estaba prevista seguirá adiante segundo o anunciado, os días 28 e 29 de agosto.
novidades discográficas
Xabral
Ruxe Ruxe
O círculo das formigas
Os John Deeres
Malkeda
Malkeda
XX
Dakidarría
Rematou o simulacro
Loita Amada
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música