Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Cancioneiro de ida e volta
Xénero: | 6 / 11 / 2012
O pasado 23 de outubro vía a luz o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, un volume que compila as pezas musicais populares que se conservan neste concello. O proxecto, resultado de anos de traballo de Pablo Díaz e Olga Kirk, vai moi para alén da edición deste material, xa que o concello está a aproveitar o volume para artellar unha programación que achega de volta esta música aos veciños.
A Aula Folque Infantil celebrará o décimo aniversario cun disco
Xénero: | 2 / 11 / 2012
Durante varios anos, a Aula Folque Infantil repartía uns 50 CD entre os pais con gravacións feitas cos alumnos na aula. Dese material elaborado por Nacho Muñoz, quen foi produtor de Mercedes Peón e profesor da escola, hai temas que a entidade aproveitará, xunto con novas gravacios para editar un disco. O proxecto estará listo para o verán do 2013, que será cando remate o curso académico que comeza a agora. Entre as novidades está a incorporación de Mónica de Nut ao profesorado que substitúe a Pepa Yáñez á fronte dos obradoiros de voz.
Alvariza debuta con Once badaladas
Xénero: | 30 / 10 / 2012
Logo de once anos xuntos, o grupo Alvariza acaba de publicar Once badaladas un disco no que interpretan outros tantos temas. Temas tradicionais reinterpretados con instrumentos como o acordeón, a gaita, o clarinete ou o saxo mestúranse con composicións propias dos membros do grupo, mantendo un estilo rítmico e festeiro que inclúe boleros, ritmos ou jotas. Entre outros temas, atopamos pezas rescatadas de grupos como os Padernes, o s Monfortinos ou os irmáns Lamas. O disco pode escoitarse en Spotify ou mercarse en iTunes, ademais de estar dispoñible en locais nos locais composteláns A Bulideira (San Lázaro), A Grileira (Sar) e Decotío (Fonte Sequelo).
Trives acollerá o primeiro encontro dedicado ao violino popular
Xénero: | 22 / 10 / 2012
Co título O Violino de Courtier vaise celebrar en Trives, entre os vindeiros 9 e 11 de novembro, o primeiro encontro dedicado á presenza e a técnica deste instrumento na música tradicional galega. Unha sesión didáctica para centros educativos, un foro de debate e un curso de formación a cargo de Pancho Álvarez compoñen o programa do evento. A cita complétase con tres concertos a cargo de Talabarte, Comisa Bal e o propio Pancho Álvarez.
O gaiteiro Óscar Ibáñez debuta en solitario
Xénero: | 8 / 10 / 2012
A colección Discos Selo Vir de Ouvirmos acolle o debut discográfico en solitario de Óscar Ibáñez. O gaiteiro e frautista une melodías sudamericanas que se integraron no repertorio galego pola a emigración con temas propios do país e elementos de música celta. A mestizaxe que guía os once temas do proxecto está tamén presente na lista de colaboradores, con presenzas internacionais como o irlandés Diarmaid Moynihan, o cubano Oscar Rodríguez, os brasileiros Sergio Tannus e Paulo Silva ou os venezolanos Pablo Camacaro e Néstor Gil entre outros. Ibáñez está acompañado no proxecto da banda que habitualmente o acompaña nos directos, foramdas por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán.
Carlos Núñez presenta Discover cunha xira americana
Xénero: | 5 / 10 / 2012
Aínda que xa se pode adquirir desde o pasado mes de marzo en países como Francia ou Suíza, Carlos Núñez viaxa ata Nova York para presentar o seu novo traballo Discovery. Un concerto mañá na sala Drom de Manhattan será o comezo da xira que o levará por Estados Unidos e Canadá para dar a coñecer o disco. Discovery é un duplo álbum que achega un total de 39 temas do autor, unha boa parte dos cales están intepretados con outros músicos como The Chiftains, Dulce Pontes, Montserrat Caballé, Dulce Pontes, Carlinhos Brown ou Ryuichi Sakamoto. Canda a clásicos do repertorio do gaiteiro, o disco achega catro temas inéditos. O disco está editado por Sony Music.
Fina en Vigo o fundador de A Roda, Fito Domínguez
Xénero: | 3 / 9 / 2012
Traballou como pasteleiro, caldereiro e acabou sendo soldador dos asteleiros vigueses. Foi precisamente nesta última etapa na que Adolfo Domínguez, máis coñecido como Fito, comezou a promover un proxecto musical que o faría popular, coa creación do grupo A Roda. O cantante apareceu morto no seu domicilio de Vigo este domingo, unha semana despois do pasamento da súa muller Filo. Como alma máter de A Roda fixo un traballo de divulgación e expansión da canción poular galega, así como de normalización lingüística na área musical, do que cómpre destacar títulos como Falemos galego, Para os amigos ou A Roda rodando.
Novos xeitos para os vellos cantos
Xénero: | 2 / 7 / 2012
Nos últimos anos está a se verificar unha mudanza nas posibilidades de aprendizado da música e a danza tradicionais. De se concentrar en grupos de baile e se transmitir de xeito fundamentalmente oral, comezan a proliferar libros, discos, DVDs e combinacións destes soportes que facilitan o coñecemento de instrumentos, cantigas e bailes. A incorporación ás aulas de ensino da nosa tradición musical, un xeito máis lúdico de entender este legado e a iniciativa dos congresos de ensinantes de música tradicional son algúns dos factores que deron nesta proposta.
O Mar Maior de Luar na Lubre arrinca con fortes vendas
Xénero: | 18 / 6 / 2012
O último traballo de Luar na Lubre, Mar Maior, inicia o seu percurso cunha boas cifras de vendas. Na mesma semana do seu lanzamento, o pasado 5 de xuño, o disco acadaba situarse como o 31 disco máis vendido do Estado. O álbum que supón a estrea de Paula Rey como vocalista do grupo, está editado por Warner Music e inspírase no coñecido Libro das invasións que fala sobre os mitos e a historia antiga de Irlanda. Música medieval mestúrase coa tradición galego portuguesa e composicións propias neste proxecto.
O Festival de Ortigueira atrasa as súas datas
Xénero: | 15 / 6 / 2012
Coa intención de recuperar público universitario, logo da caída do pasado ano por coincidir con exames, o Festival de Ortigueira muda as súas datas. Será entre o 12 e o 15 de xullo cando a vila acolla este evento, que conta nesta xeira con bandas coma Oban pipe band (Escocia), Crema de gaita (Galicia), The Rua Macmillan band (Escocia), Electric céilí (Irlanda), Bagad Glazik Kemper (Bretaña), Stolen Notes (Andalucía), Escola de gaitas de Ortigueira (Galicia), Blazin' fiddles (Irlanda) ou Jamie's Smith Mabon (Gales) entre outras.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos


