Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
A Requinta da Laxeira lanza Maise
Xénero:
| 12 / 6 / 2013Coa reivindicación do tipo de frauta que lles dá nome por bandeira, o grupo A Requinta da Laxeira acaba de publicar Maise, o seu segundo disco. Como no primeiro lanzamento, a música para requinta é a base dun son no que incorporan tamén voces, percusións, gaitas e acordeóns e que ten na festa e na alegría a súa razón de ser. O grupo, que está integrado na Asociación Cultural San Campio, presentou o novo disco o pasado día 8 na compostelá Sala Capitol, e ten previstas actuacións en eventos como o Festival de Narahío (6 de xullo) ou a Romaría de San Roque en Moraime (17 de xullo).
Kérkennai volta con Un soño cotián de bolboretas
Xénero:
| 4 / 6 / 2013Desde a Baixa Limia o grupo Kérkennai lanza o seu terceiro traballo. Un soño cotián de bolboretas é o primeiro disco da banda desde 2007, no que continúa a aposta polo folk cun son no que se atopan o violonchelo a frauta, as guitarras ou o bouzouki, alternando sons tradicionais con incursións en xéneros coma o jazz. Os nove temas graváronse nos estudios Phonos da Estrada e o disco está autoeditado. O traballo contou coas colaboracións de Uxía, Pablo Díaz e Pedro Pascual entre outros.
Rodrigo Romaní foi o gran vencedor dos XII Premios Opinión de música folk
Xénero:
| 27 / 5 / 2013O sábado celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña a gala de entrega dos XII Premios Opinión de Música Folk. Un certame no que Rodrigo Romaní fixo dobrete cos premios a mellor canción (por Terra de Melide) e mellor artista do ano. Luar Na Lubre recibiu o premio a mellor disco galego de folk polo seu traballo Mar Maior. Pablo Barreiro Rivas, director do arquivo sonoro da Radio Galega e compositor, recibiu tamén o Premio Opinión Andaina Senlleira. As cantareiras Taravela, un grupo da Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a reaparición de Dhais, que homenaxeou aos finados César Morais e Luís Areán, completaron as actuacións musicais desta gala.
Banda Baile Asalto convida á festa
Xénero:
| 20 / 5 / 2013Temas de festa e de baile, tirados da tradición mais mesturados con metais, guitarras, batería e toques de jazz. Cos seus seis membros repartidos entre Pontevedra e Vigo, Banda Baile Asalto presenta o seu primeiro disco, homónimo do grupo. Gravado nos estudos composteláns A Ponte, en grande medida ao vivo, o CD achega dez temas mais un bonus e conta con colaboracións como as de Eliseo Parra, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní entre outros. O grupo está a desenvolver unha xira de presentación que pasou xa por Compostela, Boiro ou Vigo.
O cancioneiro en dixital
Xénero:
| 7 / 5 / 2013Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.
Guezos é o único grupo galego na final do Proxecto Runas
Xénero:
| 6 / 5 / 2013A organización do Festival de Ortigueira daba a coñecer esta fin de semana os catro grupos finalistas do Proxecto Runas, que se poderán ver ao vivo na edición do evento deste ano. Guezos é a única banda galega que accedeu a esta fase, e actuará o xoves 11 de xullo competindo cos vascos Ruaille Buaille, os baleares Boc e Folk on Crest, de Castela e León. O grupo que presente un mellor directo levará un premio de 2.500 euros e incorporarase ao cartel da vindeira edición.
Falece Henrique Otero, O Gaiteiro do Fragoso
Xénero:
| 19 / 4 / 2013Henrique Otero Covelo, coñecido como O Gaiteiro do Fragoso, acaba de falecer, segundo publica hoxe a Asociación de Gaiteiros Galegos no seu web. Otero, nado en 1930 en Lavadores, Vigo, creou o primeiro método moderno de Galicia para gaita e supuxo unha figura de transición entre os gaiteiros tradicionais e os actuais. Ademais, foi autor de máis de dúascentas pezas musicais que se incorporaron ao repertorio de diferentes grupos do país e o seu traballo foi clave para que se oficializasen os estudos de gaita polo Ministerio de Educación. A súa obra foi recoñecida coa medalla Constantino Bellón. A capela ardente instalarase Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 13 horas
Os Carunchos presentan Ti que?
Xénero:
| 19 / 4 / 2013Contaminación, violencia de xénero ou desigualdade económica son alguns dos temas que entran en Ti que?, o quinto disco de Os Carunchos que está xa á venda. Editado por PAI música e gravado nos estudios Casa de Tolos, o volume supón a obra máis plural en sons e temas do grupo. Vincios acollerá, o vindeiro 19 de maio, a presentación oficial do traballo cun concerto.
Budiño lanza Sotaque
Xénero: VIDEO
| 10 / 4 / 2013 +Fol Música levará ás tendas o vindeiro 23 de abril Sotaque, o sexto disco de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro do Morrazo presenta un volume no que se rodea de colaboradores como Michael McGoldrick, António Zambujo, Cantareiros de O Fiadeiro, Luís Tosar, Carlos Blanco ou Paulo Borges, mesturando os sons tradicionais con novos ritmos e achegando temas melódicos como Déixame Adiviñar. Unha actuación en Luar o vindeiro día 19 dará a coñecer algún dos temas do proxecto. Para o 25 de abril está prevista a presentación oficial cun concerto no Teatro Principal de Compostela, e o 26 será Ourense a cidade que acollerá un recital do músico. O disco gravouse entre os Atlântico Blue Studios de Lisboa e Casa de Tolos, en Gondomar.
Quodlibet lanza A cor do son
Xénero:
| 9 / 4 / 2013Un concerto no Teatro Principal de Pontevedra presentaba o pasado 15 de marzo o segundo álbum do dúo Quodlibet. A seguir a traxectoria iniciada co seu primeiro disco, A cor do son o grupo explora a conexión entre gaita e piano a partir de pezas tradicionais. Así, a Rumba de Estribela, a Danza de espadas de Cantoarea ou Eu de Marín ausenteime atopan novos aires na fusión destes instrumentos. As vindeiras citas para presentar o volume ao vivo son Valga, o vindeiro 21 de abril, e o Casino de Pontevedra, o 28.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos