Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Pablo Carpinteiro recibe a Gaita de Ouro do Constantino Bellón
Xénero:
| 28 / 8 / 2013O Constantino Bellón é o certame máis importante para a defensa e difusión da gaita galega. Alén do concurso de composición, anualmente concede a Gaita de Ouro para recoñecer o traballo neste campo. Este ano, o gañador desta mención honorífica e Pablo Carpinteiro (Lugo, 1969) polo “labor desenvolvido como gaiteiro, investigador e artesán”. O premio de composición fallarase o sábado tras unha gala que se organiza no teatro Jofre, entidade organizadora deste certame.
Bicos, abrasos e apalpasos é o debut de Ludovaina
Xénero:
| 9 / 8 / 2013Logo de dez anos de actuacións e ensaios, o grupo de Cangas Ludovaina acaba de presentar o seu primeiro disco. Bicos, abrasos e apalpasos presenta trece temas de composición propia pero que interpretados polo cuarteto ao xeito máis tradicional. Segundo sinala a banda "queremos chamar a atención de ouvintes doutros estilos musicales e dar un aire novo á música tradicional galega". Os seus animados temas poden escoitarse este verán nos diferentes festivais polos que están a xirar.
Unha nutrida delegación galega participa no Festival de Lorient
Xénero:
| 5 / 8 / 2013Anxo Lorenzo, Edelmiro Fernández, Pablo Seoane Méndez, Taghaitai, Linho do Cuco, Asociación Cultural Traspés e a Banda de Gaitas de Forcarei marcan o desembarco galego do Festival Intercéltico de Lorient. Canda a eles, Tremuiños, Trécolas, Tromentelos ou Os D`abaixo actuarán no posto de 200 metros cadrados que leva a Xunta ao evento a través de Turismo de Galicia. Ismael García e Xesús Rodríguez participarán no Trofeo MacCrimmon pola súa banda, mentre Rodrigo Romaní caeu da delegación galega por mor dun accidente doméstico. O evento, que comezou o pasado venres día 2, desenvólvese na cidade bretoa ata o vindeiro 11 de agosto.
O Festival de Pardiñas homenaxea a Díaz Castro
Xénero:
| 1 / 8 / 2013Os Minhotos, Susana Seivane, Coanhadeira ou Dios ke te Crew son algúns dos grupo que compoñen o cartel da 34 edición do Festival de Pardiñas, que arrinca mañá nesta localidade de Guitiriz. O clásico encontro adquire esta xeira un especial significado pola dedicatoria a Xosé María Díaz Castro co Día das Letras Galegas de 2014. Así, a asociación Xermolos, que organiza a cita, lembrará a figura deste poeta, ademais de artellar unha homenaxe a Xosé Seivane, pregoeiro da primeira mostra de artesanía que se celebrou no seo o Festival. Como novidade, o vindeiro sábado celebrarase por vez primeira en Guitiriz un encontro de Cantos de Taberna, que se suma a propostas habituais como a mostra de instrumentos de música tradicional, a de artesanía ou a carreira popular.
Milladoiro e Treixadura protagonizan o Festival Intercéltico do Morrazo
Xénero:
| 9 / 7 / 2013Os vindeiros 26 e 27 de xullo, a Alameda de Moaña acollerá a XXIX edición do Festival Intercéltico do Morrazo. Outra Vaca no Millo, do Hío e mais os veteráns Milladoiro protagonizarán a primeira xornada do evento, mentres Os Pelouros e Treixadura serán os responsables de fechar o evento. Para alén dos concertos, o Concello programou unha feira de artesanía e presentou unha imaxe renovada para o evento, que conta cun orzamento de 28.000 euros.
Anuncio de treboadas
Xénero:
| 3 / 7 / 2013Con fondos europeos e co apoio do Concello do Tomiño a asociación Gaiteiros da Xistra leva xa uns anos a traballar para coñecer e difundir as treboadas. Esta forma musical, distribuída nas dúas bandas do Miño e orixinaria cando menos da Idade Media, conta agora cun libro-DVD e cunha consideración renovada mercé a esta iniciativa.
Así soará Galicia en Lorient
Xénero:
| 25 / 6 / 2013O Festival Intercéltico de Lorient é o principal causante de que Galicia sexa máis coñecida na Bretaña que no resto de Francia. Este ano, coincidindo coa elección de Asturias como país convidado, producirase o maior desembarco galego. Oito solistas e grupos de música tradicional que achegarán unha visión do folk e música tradicional galega para o mundo. Escoita no interior da noticia como soará Galicia en Lorient.
Á sombra da oliveira é o novo de Tanxedoras
Xénero:
| 17 / 6 / 2013Cinco anos despois do seu primeiro lanzamento, as viguesas Tanxedoras presentan o seu segundo disco. Á sombra da oliveira inclúe nada menos que 17 temas tradicionais nos que as voces e diferentes formas de percusión, como gaitas, pandeiros ou sachos, son protagonistas, aínda que non faltan tampouco outros instrumentos como as gaitas e os acordeóns. As cinco compoñentes do grupo sinala que no seu traballo buscan a fidelidade ao xeito tradicional de interpretación.
Un novo volume facilita a aprendizaxe da gaita
Xénero:
| 17 / 6 / 2013Juan Luna é o autor de O gaiteiro técnico, un volume que pretende facilitar a iniciación ao instrumento por excelencia da nosa música tradicional. Orientada a principiantes, a obra presenta 248 exercicios, 6 estudos e 16 preludios e foi editada pola asociación A Píntega Marela, que anuncia a súa intención de continuar unha serie de obras para a formación sobre este instrumento. De xeito paralelo, preséntase o vindeiro 17 de xuño en Compostela un volume editado hai case un ano, Manüele de pandeireta e canto tradicional. Da man de Xandre Otero a obra, que vai pola súa segunda edición, recolle cantares de Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e O Covelo, e pretende ser a primeira dunha colección con esta temática.
Preséntase o 29 Festival de Ortigueira
Xénero:
| 14 / 6 / 2013Entre o 11 e o 14 de xullo a vila de Ortigueira acollerá o seu mundialmente coñecido festival, que celebra este ano a súa 29 edición. A organización daba a coñecer onte o programa desta xeira, que terá os bretóns Gwendal como principais estrelas. Canda a eles, Os Cempés, Guidewires e Dán son algúns dos grupos dun cartel que inclúe tamén a Bagad Glazik Kemper, Banda Crebinsky, Riobó ou Kan. No marco do Proxecto Runas para grupos que están a comezar a súa carreira, poderán verse a Guezos (Galicia), ]olk on Crest (Castela León), Boc (Illas Baleares) e Ruaille Buaille (País Vasco).
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos