Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Pontevedra acolle as III Xornadas Arredor da Música Tradicional
Xénero: | 2 / 10 / 2015
A gaita de fol, o pito galego, o coro Cántigas e Aturuxos, publicacións sobre diferentes mestres da tradición ou mesmo unha intervención sobre gaitas eslovacas. As III Xornadas Arredor da Música Tradicional que celebra mañá en Pontevedra a Asociación de Gaiteiros Galegos veñen cargadas de reflexións e análises sobre o noso patrimonio sonoro. O encontro desenvolverase nesta ocasión na Casa das Campás, e contará coa presenza de investigadores como Moisés Quintas, Paulo Gonçalves, Ramón González ou Juraj Dufek e Miroslava Dufeková.
O Cuarteto caramuxo retorna con Arrieiros somos
Xénero: | 28 / 9 / 2015
Cunha formación anovada, na que Alonso Caxade cedeu posto a Marcos Padrón, e logo de varios anos, o Cuarteto Caramuxo estivo a presentar este verán o seu novo traballo. A seguir no estilo da formación, Arrieiros somos parte da tradición, neste caso de melodías do Cancioneiro Galego de Castro Sampedro, para a as reinterpretar con toques de jazz, swing ou mesmo funk. Logo de visitar eventos como o Festival de Ortigueira ou o Festival de Poesía do Condado, o grupo actuará compostela o vindeiro 16 de outubro para presentar o disco no marco do Festival Martín Códax.
Coetus mestura formación e concertos en Ir y venir
Xénero: | 22 / 9 / 2015
Tres días de obradoiros, concertos e recitais íntimos no marco dunha casa de turismo rural. Esta é a proposta que fai Coetus, a orquestra de percusión ibérica, que en colaboración con Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero escolleron Galicia para desenvolver o seu programa Ir y venir. A proposta, que se desenvolverá entre o 2 e o 4 de outubro, contempla 10 obradoiros sobre música, que inclúen desde caixón flamenco ata arranxos vocais ou canto, a cargos dalgúns dos 21 membros desta formación. A maiores, durante as tardes realizaranse encontros de improvisación e ensaios nos que tamén participarán Xosé Lois Romero e Aliboria. Para as noites resérvanse os concertos, a razón dun por día. Casa Gasamans, en ames, acolle esta iniciativa, que ten aberto o prazo de inscrición.
Os Melidaos asinan Festa na Codeseira
Xénero: | 15 / 7 / 2015
Dezasete pezas de corte tradicional, das cales 15 foron compostas por Antonio Raposo, conforman o novo traballo de Os Melidaos. O grupo presenta Festa na Codeseira cunha forte aposta pola voz, ao incluír nove temas cantados. Ritmos como pasodobres, muiñeiras, valses, marchas de procesión, foliadas, pasacorredoiras e alalás están presentes no álbum, en moitos casos con material recuperado de arquivos dos Coros Históricos, de diferentes cuartetos ou recollidas polos propios membros do grupo. Os Melidaos están a desenvolver ao longo do verán a xira de presentación deste traballo. Entre outras citas, confirman concertos en Santo Estevo de Ribas de Sil (17 de xullo) e as festas de Santa Ana de Mera o día 25.
A carreira de Carlos Estévez continúa Tradicionalmente
Xénero: | 14 / 7 / 2015
Tradicionalmente é o título do segundo traballo do gaiteiro Carlos Estévez. Este intéprete continúa a se mergullar no noso patrimonio musical e achega as súas creacións para gaitas, fundamentalmente para dúos. Un libro-disco con 12 pistas de audio eu partituras para un total de vinte compoñen, da man da editorial Ton e Son, este lanzamento, que xa se pode atopar nas tendas a un prezo de 15 euros. As prezas foron rexistradas no estudio ChisPún de Vigo. Co mesmo título, o autor xa publicara no seu BandCamp, co mesmo título, unha serie de pezas nas que se mesturaba a creación propia con temas tradicionais interpretados por el mesmo.
Budiño, Cristina Pato e Sharon Shannon encabezan o cartel en Ortigueira
Xénero: | 6 / 7 / 2015
A XXXI Edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira desembarcará nesta vila entre o 16 e o 19 de xullo. A organización anunciaba o pasado venres o cartel o evento, que chega con Budiño, Cristina Pato e mais a acordeonista irlandesa Sharon Shannon como cabezas. Canda a eles, pasarán polo escenario Xabi Aburruzaga, Finnegan-McSherry Project e Capercaillie. A estas propostas súmase o desfile de Bandas de Gaitas no que participarán formacións como o franceses Bagad Beuzeg, os escoceses The Vale e a Escola de Gaitas de Ortigueira, entre outras.
O Val das Mouras homenaxea a Rosalía no seu primeiro disco
Xénero: | 3 / 7 / 2015
Un grupo galego catalán de música folk que centra en Rosalía de Castro o seu primeiro traballo. Así é O Val das Mouras, conxunto que está a presentar Rosalía. Unha colección de once poemas de Follas Novas musicados e interpretados con flauta, guitarra, violonchelo, acordeón e percusión acompañados da voz de aires pop de Laura Lorenzo. O volume, stá dispoñible en plataformas dixitais e en formato físico.
Un libro disco recupera o traballo de Siderio de Vilarmide
Xénero: | 1 / 7 / 2015
Desiderio Sampayo Rico, Siderio de Vilarmide é o título do libro-CD que acaba de presentar a editorial Canela. A obra explora o traballo deste investigador e intérprete da música tradicional que desenvolveu a súa actividade desde A Pontenova. A música de tradición oral conservada e interpretada por este músico, a súa biografía, repertorio e técnica, os artesáns que elaboraron os seus instrumentos ou o estudo da música de gaita na zona son algúns dos temas que se tratan. O volume inclúe textos de especialistas como Pablo Quintana, Daniel Carballo, Pablo Carpintero ou Luis Correa O Caruncho, ademais de fotografías de Vicente Ansola entre outras tiradas de diferentes arquivos. O estudo complétase cun CD no que o propio Siderio interpreta, canda a Constante de Valiña e Modesto de Murias 21 temas tradicionais inéditos ata o momento.
aCadaCanto anuncia a súa separación logo de dous discos
Xénero: | 15 / 6 / 2015
Xabier Diaz, Guadi Galego, Guillermo Fernandez e Xosé Lois Romero formaban, fai tres anos esta primavera, aCadaCanto. Logo dun disco homónimo e de A Rosa d'Adina, no que musicaban seis poemas de Rosalía, este proxecto musical chega ao seu fin. Segundo anuncian os compoñentes do grupo no seu Facebook "a nosa ía ser unha unión temporal, unha travesía compartida con data de caducidade, e esa data é hoxe". Os compoñentes sinalan que continuarán coas súas carreiras noutros proxectos e agradecen o cariño do seu público a sinalar que "como ben sentenciou Drexler, nada se perde, todo se transforma, e ogallá todas as metamorfoses fosen coma esta". Un concerto no Oca Folk da Estrada serviu como feche á traxectoria o pasado venres 12 de xuño.
Davide Salvado cria Lobos
Xénero: | 12 / 6 / 2015
Dez novos temas nos que, a seguir a súa liña, Davide Salvado reinterpreta os sons máis tradicionais. Esta é a proposta que o artista fai en Lobos, o traballo que acaba de presentar da man de Fol Música e que chega ás tendas o vindeiro 16 de xuño. O álbum conta coa produción de Pedro Pascual e con colaboracións de Xavi Lozano, Quim Farinha, Miguel Hiroshi ou LAR Legido entre outros. Xa están dispoñibles na rede os tres primeiros singles A vida, Lobos, Gargamala.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


