Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Ardentía convida a avanzar na música tradicional con Adiante
Xénero: | 5 / 6 / 2015
Con portas na capa e convidando a pasar, Ardentía presenta o seu novo traballo. Adiante explora as posibilidades da música de raíz a amosar que pode ser "rica en matices, variada, amplia, complexa". Logo de 25 anos de carreira, o grupo achega unha colección de temas nos que se mesturan a tradición con composicións propias e aos que lles achega unha instrumentación que inclúe gaita, saxofon, acordeon, anfona, bouzouki, guitarra, contrabaixo, frauta, percusións e voces. O grupo presenta o novo álbum cun concerto esta noite na Gentalha do Pichel, en Compostela.
Os Chichisos publican o seu primeiro disco aos 21 anos
Xénero: | 29 / 5 / 2015
Un disco totalmente artesán, elaborado de comezo a fin polos propios membros do grupo. Esta é a proposta que grupo de música tradicional Os Chichisos, de Pontevedra, presentan no seu Feito na casa. Por vez primeira logo de vinte e un anos de existencia, o conxunto lanzouse ao estudo de gravación para rexistrar dez temas, dos cales nove foron compostos polos seus membros. Polca dos Chichisos, María imos pra Mesía, O Alicornio ou Moinheira do rato Rabissaco som alguns dos temas que se inclúen no traballo. Gaita, requinta, acordeón ou clarinete acompáñanse de percusión tradicional nunha aposta polo son máis tradicional.
Carapaus retornan con Déixao andar...
Xénero: | 13 / 5 / 2015
Trece temas nos que se mesturan pezas populares como a Foliada de Trabanca ou os pasodobres dos Portelas e de Manuel Viqueira, con composicións de Emilio Lois e letras de Sabela Galbán, Gustavo Couto e Sés, que achega texto e música no Canto de Baltasar. Esta é a proposta do segundo disco dos Carapaus, que se presenta ao vivo o vindeiro 16 de maio na Sala Capitol ás 21:30.
Sofía Espiñeira gaña o II Certame de Canción de Autor en Galego
Xénero: | 28 / 4 / 2015
A cantautora Sofía Espiñeira impúxose a outros sete finalistas na gala da segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo. A compostelá tamén recibiu o premio do público á mellor artista mentras que Pilar Martínez fíxose co accésit á mellor canción.
Riobó retorna con Quiral
Xénero: | 24 / 4 / 2015
Temas da tradición interpretados co virtuosismo do folk contemporáneo. Esta é a proposta na que afonda Riobó con Quiral, o seu segundo disco. Gaita, da man de Marcos Campos, frauta e requinta, con Fernando Pérez, a guitarra de Fernando Barroso, o bouzouki de Xosé Liz, e mais o violín de Begoña Riobó acompañan melodías que en moitos casos recollen o xeito de tocar das Rías Baixas. Nove temas instrumentais amosan o bo facer do quinteto, que comeza a finais deste mes de abril a súa xira de presentación.
aCentral Folque recupera a Florencio, cego dos Vilares
Xénero: | 21 / 4 / 2015
Unha selección das gravacións que realizaron entre 1979 e 1981 Antón Santamarina e Dorothé Schubarth poden escoitarse agora en Florencio, cego dos Vilares. aCentral Folque presenta na súa colección Chave Mestra este libro CD que afonda na figura deste músico, un dos últimos representantes da tradición de cegos ambulantes.
O Festival de Lorient 2015 terá unha ampla presenza galega
Xénero: | 17 / 4 / 2015
A 45 edición do Festival Intercéltico de Lorient, que se celebrará entre os vindeiros 7 e 16 de agosto en Bretaña acaba de anunciar o seu programa. No mesmo constátase unha presenza galega superior á dos últimos anos, composta por Carlos Núñez, Rosa Cedrón, Talabarte, Radio Cos, Edelmiro Fernández, Pedro Pascual e mais a Banda de gaitas de Barbude. Así, Núñez actuará no Espace Marine o 13 de agosto, mentres Cedrón visitará o Grand Théatre o día 11 e Talabarte e Radio Cos achegarán cadanseus dous concertos.
O libro-disco Pazos de Merexo afonda na historia do acordeón
Xénero: | 14 / 4 / 2015
Acaba de presentarse o libro-disco Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte, a primeira e única publicación que afonda na historia desta modalidade musical en Galicia. Esta monografía recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galicia. O libro conta con documentación gráfica, e se presenta ademais cun Cd no que se pode escoitar en versión orixinal unha selección de gravacións inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz.
A Central Folque reivindica a historia de Amadeo Goyanes
Xénero: | 6 / 4 / 2015
Pablo Quintana é o autor da investigación que recolle a historia de Amadeo Goyanes, ferroviario e un dos pioneiros na recuperación da zanfona no noso país. A Central Folque acaba de publicar este traballo na forma do libro-CD Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de monforte. Canda a un repaso pola vida e obra deste músico, que creou a primeira escolanía de zanfonas do país, a obra inclúe partituras e edítase acompañada dun CD no que se poden escoitar pezas inéditas de Goyanes.
Guadi Galego aparece como favorita nos Premios Opinión
Xénero: | 13 / 3 / 2015
Cunha candidatura en cada unha das tres categorías do certame, Guadi Galego e o seu Lúas de agosto aparecen como favoritas nos Premios Opinión de Música de Raíz. A XIV edición destes galardóns amosa unha importante concentración de nomeados, xa que outros tres artistas compiten en cadansúas dúas categorías. Trim, o proxecto de Luís Peixoto e Fernando Barroso aspira aos premios a mellor tema orixinal e mellor disco, mentres Germán Díaz e o seu Método Cardiofónico e Magín Blanco con Gatuxo enfróntanse polo galardón a mellor artista e mellor disco. Precisamente é a primeira vez que un disco de música para os máis novos, como é o de Blanco, aparece na listaxe de candidatos á mellor obra do ano.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


