Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
NAO envía Cartas no caderno
Xénero:
| 10 / 4 / 2014Logo de rematar a xira de Cancións de amor de liberdade NAO presenta un traballo especial. Cartas no caderno é un EP que o grupo pon en libre descarga no seu web no que se poden escoitar temas propios canda a versións de temas como Os vampiros de José Afonso ou Je veux de Zaz, sempre co ton social das súas letras e co apoio de colaboradores como Mini da Quenlla en Acción galega. Logo dun descanso de varios meses, o grupo presentará o traballo nun único concerto o 26 de abril na compostelá sala Capitol que pretenden sexa unha festa para os seus seguidores. No recital a banda estará contará con Vicky Polard como acompañantes.
Un libro-CD recupera a historia de Los Contentos
Xénero:
| 1 / 4 / 2014Foron, en plenos anos oitenta, adiantados do son garage en Galicia. A banda luguesa Los Contentos volta á actualidade grazas ao libro Cuando ríes: Los contentos(unos malditos pioneros del Garage). Piti Sanz, un dos membros desta formación, rescata en colaboración con Luís Tosar e Fernando Fernández Rego a historia do grupo, a sinalar a influencia que este tivo en bandas posteriores. O libro acompáñase do disco Unknown Pirate: Live, unha gravación recuperada de cintas de cassete na que se amosa, sen cortes, o traballo do grupo ao vivo. O proxecto ve a luz da man de Xonix Records.
Crô! achegan Pera
Xénero:
| 25 / 3 / 2014A piques de saír do forno e xa en prevenda está o terceiro disco de Crô!. Pera, editado baixo o selo Metamovida achega oito temas gravados ao vivo nos madrileños Estudios Brasil. Segundo recoñecen os membros do grupo, o rock progresivo de anteriores traballos vese neste novo lanzamento influído por sons máis pop, con menos cambios de ritmo nos temas. A Sala Iguana de Vigo acollerá o comezo da xira de presentación o vindeiro 28 de marzo. A tourné continuará pola Casa Tomada da Coruña o día 29, Madrid o 11 de abril e o Liceo Mutante de Pontevedra o día 12.
Superoito chega con Todo me dá voltas
Xénero:
| 19 / 3 / 2014Logo dun ano desde o seu nacemento, o trío de Ordes Superoito presentan o seu primeiro traballo. todo me dá voltas achega trece temas de rock rápido con toques punk e ecos de grupos na liña de Herdeiros da Crus. O volume, autoeditado e dispoñible íntegro en Bandcamp, presentouse oficialmente o pasado 16 de marzo en Ordes. Agora o grupo continúa unha xira que os levará á compostelá Sala Moon o vindeiro día 21, à Taberna de Cerceda o 22 e ao coruñés Joana's Place o 28, como primeiras paraxes.
Ruxe Ruxe explora un mundo apocalíptico en Némesis
Xénero:
| 18 / 3 / 2014Un traballo conceptual que repasa a historia dalguén que esperta no medio dunha terceira guerra mundial que se manifesta na forma de crise económica. Tres actos nos que se repasan o crime, a corrupción, a rebelión e a falta de saídas. Ruxe Ruxe centra o seu novo traballo, Némesis, na problemática social a través da ficción. A sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 12 de abril a presentación do traballo, nun concerto no que os Ruxe estarán acompañados de Biribirlocke e que presentará Josito Porto.
Ulrica canta desde a Periferia
Xénero:
| 17 / 3 / 2014Catro temas, dous dos cales foron gravado ao vivo no estudio nunha única toma. Esta é a aposta que presenta Ulrica en Periferia traballo longo que acaban de publicar. O grupo coruñés afonda no seu rock experimental con temas longos cargados de referencias á actualidade, a integrar voces como a do filósofo Gilles Deleuze ou declaracións de Obama e Mariano Rajoy nos temas. O volume, gravado nos estudios Abrigueiro a cargo de Arturo Vaquero, marca o paso ao castelán do grupo logo do seu debut no EP Ulrica. Rock con tintes experimentais e toques de denuncia preséntase cun son traballado e unha voz máis rasgada no que no EP de debut da banda.
Mauna Loa, a consolidación de Guerrera
Xénero:
| 12 / 3 / 2014Formado por antigos compoñentes de Ictus, Holywater, Cuzo, Cró! ou Disappointment, Guerrera saíu á luz cun primeiro álbum autoditado en 2013. Agora a discográfica compostelá Matapadre incorpora o grupo ao seu catálogo con Mauna Loa, o seu segundo traballo. Gravado nos estudios coruñeses Montealto, o volume, editado en vinilo, achega un único tema de máis de 45 minutos dividido nas caras Montaña y Fuego e mais Magma y trueno, no que se mesturan "stoner, psicodelia, blues e rock clásico", segundo resume a discográfica. A Iguana en Vigo acollerá a presentación do álbum o vindeiro 4 de abril, e a xira continuará pola Casa Tomada da Coruña o día 5 para seguir por Madrid e Euskadi.
Novedades Carminha gozan dunha Juventud infinita co seu novo traballo
Xénero:
| 4 / 3 / 2014Tres anos despois do seu exitoso disco Jódete y baila a irreverente banda punk compostelá Novedades Carminha presenta o seu novo álbum de estudio da man de Ernie Records. Juventud infinita ofrece dez temas mais un “extra”, a maioría cantados en castelán a excepción dun tema en galego Non quito o chandal e outro en francés Et moi, et moi, et moi , orixinal do cantautor Jacques Dutronc. Segundo a súa discográfica con este disco Novedades Carminha evolucionan “cara terreos musciais onde a contundencia do garaxe de factura lo-fi dáse a man co pop máis pegadizo, con tintes de psicodelia e punk a partes iguais”. O disco foi gravado e producido por Ángel Kaplan en Xixón e a m,aterización correou a cargo do estudio londiniense de Noel Summerville. Durante este ano a banda percorrerá os escenarios para presentar este traballo tan agardado dada a sona que acadaron desde o anterior álbum e o recoñecemento por parte da prensa especializada e da crítica grazas aos seus contundentes directos. Cos temas deste disco avanzan a súa intención de chegar tamén ás “pistas de baile”.
Cazador aposta polo deseño para o seu primeiro lanzamento
Xénero:
| 12 / 2 / 2014O grupo Cazador, formado con antigos membros de Yoplay e Noise Project, presenta o seu primeiro EP. Cazador achega tres temas cun orixinal envoltorio, xa que se remite nun paquete cun coidado deseño no que se inclúe un lapis USB cos temas, un vídeo e a capa do traballo acompañados dun cartucho de caza. O grupo presenta un son que remite ao rock psicodélico dos anos setenta con toques escuros. O EP, que se gravou o pasado outono e que pode escoitarse en Bandcamp, está á venda por oito euros e comeza a súa distribución este mes.
Terbutalina vai A muerte no seu sexto disco
Xénero:
| 10 / 2 / 2014A muerte é o título do novo disco de Terbutalina, o que supón o sexto título da súa carreira. O grupo lanzará o vindeiro 13 de febreiro o novo traballo, dez temas que, aseguran, "supoñen unha evolución na liña creativa da Terbutalina e dan forma á rabia, ao entusiasmo e á decepción". Máis peso para a composición e as melodías sen abandonar o espírito punk propio do grupo son as principais características do traballo. Gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos, a presentación oficial do traballo realizarase o vindeiro 7 de marzo cun concerto na compostelá sala Capitol.
novidades discográficas
San Antonio
Los Eternos
Deleiba
III
Grande Amore
Trankimasín
Heredeiros da Crus
Xabral
Ruxe Ruxe
REPORTAXE

Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música