Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Antiga
Música Antiga
En xuño haberá unha nova edición do Festival Pórtico do Paraíso
Xénero: | 4 / 5 / 2021
O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, promovido pola Asociación Pórtico Musical chega á súa 14ª edición unindo música en directo e patrimonio. Unha volta da dinamización cultural musical que neste caso recibe o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Nesta edición, o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. A cita terá lugar do 4 ao 13 de xuño.
O ciclo 'Camiño de Cantares' impulsa a publicación de dous libros-cd a presentar en nove concertos
Xénero: | 1 / 9 / 2020
O novo ciclo musical 'Camiño de Cantares', levará á editar dous libros-cd que serán interpretados en concerto en espazos relixiosos de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago. O eixo desta iniciativa é a música vocal, tendo cabida propostas a capella e con acompañamento instrumental. Así mesmo, estas publicacións poñen o foco na música creada para o Apóstolo Santiago, que conta con historias do Camiño ou composta en localizacións xacobeas.As publicacións titularanse Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII) e Libro III de Polifonía (séc. XVII- XVIII) e para contribuír á súa divulgación programáronse un total de nove concertos que se celebrarán en recintos sacros de Celanova, Santiago, padrón Tui, Melide, Ribadavia, Muxía e Oia.
A organización de Espazos Sonoros anuncia a cancelación do festival
Xénero: | 28 / 5 / 2020
Belén Bermejo, Directora artística de Espazos Sonoros, comunicou este 25 de maio a cancelación deste festival centrado na combinación entre espazos de interese cultural e música antiga e de raíz. Segundo sinalou nun comunicado "a Dirección Xeral de Políticas Culturais decidiu cancelar o festival cando xa estaba practicamente ultimada a vindeira edición, sen dar resposta a ningún dos compromisos que tiña asumidos, nin coa organización, nin cos artistas, e desentendéndose da posibilidade de adiar ou retomar o festival cando a situación sanitaria o permitise".
O XIIIº Festival Pórtico do Paraíso esténdese á Ribeira Sacra lucense
Xénero: | 9 / 1 / 2020
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo e para a que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, toda vez que o Concello de Ourense retirou a súa colaboración co evento que toma o seu nome da propia catedral ourensá. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano. O concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño. O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King o día 7 na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do violinista galego José Manuel Álvarez o día 8 na igrexa do Santo Anxo de Ourense, do Kosmos Emsemble do Reino unido o día 13 na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte de Lemos e do guitarrista arxentino Víctor Villadangos o 15 de marzo no Liceo de Ourense. Este último será, ademais, o encargado de impartir o curso de interpretación que se desenvolverá do 11 ao 13 de marzo no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Unha xornada e un documental recuperan a figura do trobador Martín de Padrozelos
Xénero: | 26 / 11 / 2019
Sarria acolle o vindeiro 30 de novembro a xornada Trobador no Camiño. Andares pola lírica de Martín de Padrozelos, un encontro que quere reivindicar a figura do está considerado o primeiro trobador do país. A iniciativa conta cunha mesa redonda na que Lois Celeiro, José Martinho Montero Santalha, Baldomero Iglesias, Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña abordarán esta figura do século XI e a súa importancia na lírica medieval galego-portuguesa. O proxecto, promovido pola Asociación de Xornalistas e estudosos do camiño de Santiago inclúe tamén a proxección dun documental do mesmo nome que a xornada, no que Xoán Piñeiro percorre as paisaxes vencelladas a este personaxe histórico.
O Ateneo de Santiago impulsa un novo festival de música antiga e barroca
Xénero: | 3 / 9 / 2019
Impulsado polo Ateneo de Santiago e co apoio das institucións públicas local, provincial e autonómica, ademais da Universidade de Santiago ven de ser presentada hoxe a que será a primeira edición do festival de música antiga e barroca Ateneo Barroco. O festival preséntase como sucesor doutras iniciativas locais anteriores das que ocupa un oco deixado para unha parte da cidadanía habitual en citas como o festival Vía Stellae ou o Festival de Músicas Contemplativas, ambos suprimidos en 2016 polo anterior consistorio local. O evento ofrecerá entre o 1 e o 12 de outubro cinco concertos, unha conferencia e a exhibición de tres documentais. O festival é unha das iniciativas que foron amparadas para este ano 2019 polo programa O teu xacobeo da Xunta de Galicia. Os composteláns Manuel Vilas e Resonet (Mercedes Hernández e Fernando Reyes), a mezzosoprano Marta Infante, Massimo Spadano e Fernando López Pan, Amandine Beyer e Gli Incogniti, Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere, son os protagonistas dos cinco concertos desta primeira edición do festival, que terá lugar en enclaves do patrimonio artístico da cidade, en teatros, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal ou a Igrexa e o Paraninfo da Universidade de Santiago, segundo presentou hoxe o seu director artístico José Victor Carou, acompañado de directivos do Ateneo e representantes do Concello e do Xacobeo.
O Xº Espazos Sonoros percorrerá enclaves de valor patrimonial con propostas didácticas e musicais
Xénero: | 26 / 7 / 2019
A décima edición do ciclo Espazos Sonoros presentou o seu programa de concertos e actividades que comezarán o día 1 de setembro co grupo Cantaderas na igrexa de Santa Liberata, na vila de Baiona, cun programa que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral, tratando así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento. Serán en total oito xornadas en outros tantos lugares escollidos polo seu valor patrimonial nas catro provincias galegas. Sete deles son espazos relixiosos e un, o Pazo do Faramello en Rois (A Coruña) é un espazo civil vencellado ao patrimonio industrial. Santa María de Penamaior, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Chouzán, a Fundación Fernando Blanco de Lema, o devandito Pazo do Faramello aocllerán esteas actuación e nalgúns casos tamén as actividades previstas. A música a porán, ademais de Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz ou Capella de Ministrers entre outros. O 8 de outubro pecharase esta décima edición.
Espazos Sonoros presenta a súa XI edición
Xénero: | 12 / 7 / 2018
O campamento romano de Ciadella, a igrexa de San Xiao de Moraime, a fortaleza da Frouseira, a illa de Sálvora, a Casa Grande de Trasalba, Santa María de Baiona, San Martiño de Mondoñedo ou San Pedro Fiz do Hospital son os espazos que acollerán a XI xeira do ciclo Espazos Sonoros. Os xa habituais concertos de música antiga en espazos de interese patrimonial desenvolveranse este ano as fins de semana de setembro e fecharán o día 7 de outubro. Para alén dos recitais, haberá tamén visitas guiadas e rutas para coñecer os contornos dos lugares.
Carlos Núñez abrirá o XIº Festival de Música Pórtico do Paraíso
Xénero: | 28 / 2 / 2018
O gaiteiro Carlos Núñez inaugurará este venres día 2 o Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso. Nesta undécima edición, o evento conmemorará o oitavo centenario do conxunto escultórico da catedral ourensá do que toma o seu nome. O templo será o escenario do concerto de apertura a cargo de Carlos Núñez que xunto ao seu grupo e a outros músicos convidados, interpretará un repertorio medieval coas réplicas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso que foron realizadas no Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación Provincial de Ourense, dirixido por Manuel Brañas. O programa deste ano ofrecerá outros seis concertos de formacións orixinarias doutros tantos países.
A décima edición de Espazos Sonoros ofrecera nove concertos
Xénero: | 13 / 7 / 2017
O festival Espazos Sonoros celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese cultural de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O ciclo comprende concertos, visitas guiadas e obradoiros sobre a música, a danza e os instrumentos tradicionais antigos. A música antiga da Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do ensemble Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017. Nas roldas pola paisaxe organística do Camiño do Norte, Pablo Seoane estreará a peza “Parábase”, creada para os órganos da igrexa de San Salvador de Lourenzá
REPORTAXE
Cantar en Nadal
Data.O contorno e a lingua galega recóllense nos vilancicos e panxoliñas desde o século XVIII


