Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A organización de Espazos Sonoros anuncia a cancelación do festival
A organización de Espazos Sonoros anuncia a cancelación do festival
maio 28, 2020
Belén Bermejo, Directora artística de Espazos Sonoros, comunicou este 25 de maio a cancelación deste festival centrado na combinación entre espazos de interese cultural e música antiga e de raíz. Segundo sinalou nun comunicado "a Dirección Xeral de Políticas Culturais decidiu cancelar o festival cando xa estaba practicamente ultimada a vindeira edición, sen dar resposta a ningún dos compromisos que tiña asumidos, nin coa organización, nin cos artistas, e desentendéndose da posibilidade de adiar ou retomar o festival cando a situación sanitaria o permitise".
Segundo explica Bermejo, a décima terceira edición do encontro estaba prevista para se celebrar entre o 28 de xuño e o 26 de xullo. A organización sinala que "sentimos unha profunda mágoa porque son xa moitos anos de traballo, de afianzamento do proxecto e de fidelización e creación de públicos. Tamén porque son moitos os lazos que nos unen convosco. De ter que facer unha despedida preferiríamos facela con música, e non cunha triste carta. Sempre tivemos a gala contar cun público de primeira, co que temos pasado momentos inesquecibles. Agardamos que vós compartirades eses sentimentos".
A directora sinala tamén que é a súa intención continuar "a traballar para seguir fornecendo ese alimento espiritual e tan necesario como é a cultura, ben lonxe do mero espectáculo. Seguimos crendo que proxectos como Espazos Sonoros son necesarios para o país e para o benestar das persoas, e non descartamos resarcirnos con moita música cando todo isto pase".