Carlos Núñez abrirá o XIº Festival de Música Pórtico do Paraíso
febreiro 28, 2018
O gaiteiro Carlos Núñez inaugurará este venres día 2 o Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso. Nesta undécima edición, o evento conmemorará o oitavo centenario do conxunto escultórico da catedral ourensá do que toma o seu nome. O templo será o escenario do concerto de apertura a cargo de Carlos Núñez que xunto ao seu grupo e a outros músicos convidados, interpretará un repertorio medieval coas réplicas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso que foron realizadas no Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación Provincial de Ourense, dirixido por Manuel Brañas. O programa deste ano ofrecerá outros seis concertos de formacións orixinarias doutros tantos países.
Na cidade de Ourense terán lugar catro destes recitais: Vida Guitar Quartet do Reino Unido, o domingo 4 no Liceo; o tenor e intérprete estadounidense –de nai galega e pai ucraíno– Wolodymyr Smishkewych (voz e organistrum), o martes 6 no Museo Arqueolóxico; o italiano Marco Beasley (voz, guitarra e laúde), o venres 9 na Igrexa de Santo Domingo; e a figura do flamenco e do jazz Antonio Serrano, á harmónica, xunto ao pianista Albert Sanz, o domingo 11 no Teatro Principal. Un ano máis, o festival estende a súa carteleira a outras localidades da provincia, que neste caso serán Monterrei, onde o dúo suízo integrado por Arianna Savall e Petter U. Johansen (Suíza) actuará o sábado 3, e Xunqueira de Ambía, co concerto do sexteto vocal esloveno Ingenium Ensemble o sábado 10. En canto ás actividades paralelas, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá un curso intensivo de guitarra con Mark Ashford, do Vida Guitar Quartet, e unha clase maxistral con Wolodymyr Smishkewych.
Tamén che pode interesar:
- 20/ 4/ 2022 | O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional
- 2/ 2/ 2016 | O Festival Pórtico do Paraíso transcende Ourense
- 19/ 2/ 2015 | O festival Pórtico do Paraíso medra ata os oito concertos
- 19/ 2/ 2014 | Ourense acollerá a VII edición do Festival Pórtico do Paraíso
- 28/ 12/ 2012 | O Celtic Connections contará con Berrogüetto, Carlos Núñez e Uxía