Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A formación sinfónica Vigo 430 presenta o seu primeiro disco

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 11 / 2009

not_15753.jpg

A Orquestra Vigo 430 edita o seu primeiro traballo discográfico con Vir, o selo de Ouvirmos dedicado a coproducir a novos creadores galegos. Creada no ano 2005 como "Ensemble Vigo 430", coa premisa de formar un núcleo de corda de calidade para xa a partir do 2008 abordar progresivamente o repertorio sinfónico. A Orquestra está formada na súa maioría por músicos profesionais baixo a dirección de Alejandro Garrido. Neste álbum de nome homónimo á formación a orquestra interpreta composicións de Johann Sebastian Bach, Antonio Vivaldi ou Dimitri Shostakovich, destacando especialmente a execución das pezas “Suite Negra Sombra” de Rosa Gayoso e “Concierto en estilo antigo” de Manuel Quiroga. Os seus programas de concerto reúnen música de diferentes épocas, autores e estilos, destacando o seu achegamento á música do século XVIII e XIX con criterios historicamente informados. Desta forma, a Orquestra adopta unha formación sinfónica, ou de cámara (un número máis reducido de instrumentistas que inclúe o Clavecín e a Tiorba para adecuarse mellor á interpretación da música barroca) . A orquestra atópase preparando xa o seu seguinte CD con obras de Haydn, Mozart e o compositor galego Andrés Gaos.

Quiosco: Galizaelectronica.com

Xénero: Electrónica | 9 / 11 / 2009

imaxe non dispoñible

O web Galizaelectronica.com, un referente da música electrónica no noso país, acaba de dar o salto ao papel co primeiro número da revista homónima. A publicación, de 16 páxinas, tamaño folio e a toda cor, distribúese pola catro provincias galega e o Norte de Portugal, e achega novas, contidos de axenda, unha entrevista con Cora Novoa e outra con Subsótano entre outros contidos, todos eles integramente en galego.

Brasil é o país convidado no VI Encontro de Pandeiros de Mao

Xénero: Folk | 9 / 11 / 2009

imaxe non dispoñible

A Central Folque e mais o Concello de Pontevedra teñen aberto o prazo de inscrición para a VI Edición do DUF Encontro Internacional de Pandeiros de Mao. O evento, que ten este ano o Brasil como país convidado, inclúe cursos de construción e interpretación destes instrumentos, conferencias, actividades para nenos e actuacións musicais. Entre outros, está prevista a presenza de Carlos Núñez, que falará sobre a súa experiencia brasileira, o intérprete brasileiro Marcos Suzano e conxuntos coma Bloquinho da Salgueira.

Pablo Devigo faise co premio Constantino Bellón

Xénero: Folk | 9 / 11 / 2009

imaxe non dispoñible

Por segundo ano consecutivo, o intéprete Pablo de Vigo, de Castro Caldelas, fíxose co premio Constantino Bellón de Gaita, que celebrou esta fin de semana a súa XIX Edición. Devigo presentou as obras Preludio número un ou Xiana e Xota número dous ou Carral 1846. Canda a el, Miguel Doval González foi galardoado coa Gaita de Ouro polo seu traballo a prol da música tradicional, mentres o premio de composición para gaita levouno Jesús Rodil Rodríguez.

Capitán Furilo repite co formato de cea-baile para a presentación do novo disco “Rock”

Xénero: Rock | 6 / 11 / 2009 + AUDIO

not_15727.jpg

Pasan do Pop? (2008) ao Rock(Capitan Furilo - Falcon Records, 2009) pero manteñen o formato da cea-baile para a presentación en sociedade dos seus traballos. O grupo de Ponteareas Capitán Furilo presenta este sábado o seu novo traballo ás 22 horas no Restaurante Cuevas, na parroquia de Bugarín, nun evento que reúne a gastronomía coa animación musical, a cea e a queimada serán complementadas cun concerto ao que seguirá unha sesión dj. O disco Rock foi gravado nos estudios Élite de Vigo baixo a produción de Tino Álvarez ( A-rritmic), e nel a banda ofrece once novos temas cargados da enerxía que ofrecen nos directos. É o primeiro disco “longo” do grupo despois da súa inicial maqueta Non hai problema (2007) e do mini CD Pop (2008).

Ao ritmo de Novoneyra

Xénero: Fusión | 28 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

Mestura de jazz, improvisación e folclore, o contrabaixista Baldo Martínez e a cantante Maite Dono presentaban en directo o pasado día 24 no Teatro Jofre de Ferrol dentro do ciclo "Out-Jazz", o proxecto Sons-Nús. A iniciativa musica poemas de Uxío Novoneyra, vindeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas, e verá a luz na forma de disco a comezos do vindeiro 2010.

O Cuarteto Caramuxo amosa en Tiruriru o pracer de facer música

Xénero: Fusión | 27 / 10 / 2009 + IMAXES + VIDEO

not_15651.jpg

Catro clarinetes, un acordeón e a percusión unidos no escenario reinterpretando melodías tradicionais recollidas nos cancioneiros galegos, xunto con composicións de autores contemporáneos de Galicia (Nacho Muñoz, Antón L. Pulido, Jesús González, Ernesto Campos) feitas expresamente para o grupo e melodías inspiradas noutras culturas, no jazz e no pop. Esta é a receita musical coa que o Cuarteto Caramuxo acadou por unanimidade o premio do Festival Folk Cancioneiros organizado no ano 2008 pola Fundación Pedro Barrié de la Maza e a mesma que agora ofrecen no seu primeiro disco Tiruriru (Falcatruada). Trece temas conforman este CD gravado ao vivo nos meses de xullo e agosto nos Estudios Abrigueiro, de Arturo Vaquero, que realizou a masterización e a mestura en colaboración con Jahel Piñeiro. A música de Tiruriru pódese adquirir tamén en formato dixital, a través das mellores tendas da rede. É o caso de Itunes, Amazon, eMusic, etc. De igual xeito, poderase escoitar a través dos servizos habituais de streaming como Spotify, LastFM, Deezer…

O certame Constantino Bellón celebrarase en novembro

Xénero: Folk | 27 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

O Teatro Jofre acollerá, os vindeiros días 8 e 9 de novembro a XIX edición do certame de Gaita Constantino Bellón. A implicación do Ateneo e do Concello de Ferrol e mais o apoio da Deputación da Coruña permitirán que o evento se celebre este ano, logo de que a retirada do apoio da Secretaría Xeral de Emigración puxese en perigo o concurso. En total dez gaiteiros competirán polo premio na categoría de gaita solistas. O galardón de composición foi para Jesús Rodil Rodríguez coa obra Lugrís.

Lugo acolle o IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional

Xénero: Folk | 21 / 10 / 2009

imaxe non dispoñible

A fin de semana entre o 30 de outubro e o 1 de novembro, a Facultade de Veterinaria de Lugo acollerá o IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional. No encontro, ademais das comunicacións dos participantes haberá conferencias sobre cuestións coma o Proxecto Ronsel, o patrimonio lúdico, a introdución dos máis novos no baile tradicional ou mesmo concertos didácticos. Segundo explica a Asociación de Gaiteiros Galegos, que organiza o encontro, o congreso "pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos". O prazo de inscrición está aberto no web da AS-PG ata o vindeiro día 23.

Os soños de Fuxan

Xénero: Folk | 14 / 10 / 2009

not_15553.jpg

Un ano despois dos dous concertos que reuniron o grupo en Compostela, Fuxan os ventos tiran un novo disco. Terra de Soños recupera en formato Digibook (CD+DVD)os temas que soaron na capital galega. Mentres o CD achega vinte cancións, o DVD recolle, canda a un making of, a totalidade do directo, coa participación de convidados coma Guadi Galego, Ugia, Xavier Díaz ou Mercedes Peón. O proxecto, editado por BOA Music, está xa dispoñible en tendas de todo o Estado, quioscos e Internet. Os membros do grupo sinalaban que continuarán con esta xira cando menos ata 2010, e non descartan emprender novos proxectos no futuro.

<< Inicio / Anterior . 991 a 1000 de 1395 . Seguinte \ Fin >>