Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

La Tuna Rastafari lanza Carne de pachanga

Xénero: Fusión | 5 / 1 / 2010

not_16053.jpg

Reggae, corrido, tango, rock ou rumba danse cita en Carne de pachanga. O grupo do Morrazo La Tuna Rastafari lanza o seu primeiro traballo discográfico da man de Zouma Records mantendo o estilo festeiro que xa amosaron nos seus múltiplos directos por toda a xeografía galega. Un total de once temas, entre eles a versión rock dun tema tradicional, compoñen este lanzamento.

Pablo Díaz publica o libro-disco Tic Tac con dezaseis temas dirixidos ao público infantil

Xénero: Infantil | 28 / 12 / 2009 + AUDIO

not_16023.jpg

Tic Tac é o novo libro-disco de Kalandraka, escrito, gravado e interpretado por Pablo Díaz, con ilustracións de Marc Taeger e coas colaboracións musicais de Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote, Brais Maceiras e unha longa lista de colaboradores musicais. Conta tamén coas achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente. As 16 cancións do disco abordan temas próximos aos máis novos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, proporcionándolles vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. Un libro-disco para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, que se complementa cunhas espectaculares ilustracións elaboradas coa laboriosa técnica do linogravado a cargo do deseñador suizo afincado en Bueu, Marc Taeger.

Preséntase o CD e DVD do espectáculo Ovay de Quique Peón Cia.

Xénero: Folk | 17 / 12 / 2009 + VIDEO + AUDIO

not_15990.jpg

O espectáculo de danza en solitario que a acompañía de Quique Peón estreou este verán , Ovay, preséntase de novo agora no seu formato de “levar para casa”. O só de danza galega sae publicado por Falcatruada nun elegante formato DVD-book, acompañado cun CD con dez temas que conforman a banda sonora do espectáculo con música de Xose Lois Romero e Suso Vaamonde. Baile, canto, teatro, música ao vivo e sen pausa, durante 50 intensos minutos gravados ao vivo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e que sae agora publicado por Falcatruada. Ocay quere amosar a forma de expresión masculina e feminina empregando un amplísimo abano de movementos tradicionais galegos que evolucionan ata chegar aos nosos días. Para isto mestúranse as frases tradicionais no marco da danza contemporánea, tentando non perder o esencial, o cerne do noso espírito, a nosa expresividade e sentimentalidade. A obra vai máis aló do virtuosismo do bailarín: amósanos o seu interior, fusionando os instrumentos, o canto e o teatro co mesmo baile, e tentando que o espectador recoñeza e redescubra, a un tempo, o seu. En verbas de Quique Peón “Ovay é unha viaxe ao interior de min mesmo no que se percorren os catro puntos cardiais da ialma”.

O VI Día do Orgullo Gaiteiro enche de música Ourense

Xénero: Folk | 11 / 12 / 2009

imaxe non dispoñible

O Día do Orgullo Gaiteiro volta a Ourense na súa sexta edición, que se celebra hoxe e mais mañá. Desta volta, o evento homenaxeará o gaiteiro Faustino Luís Seoane, canda a Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, compiladores do cancioneiro tradicional galego. Schubarth e Santamarina impartirán unha conferencia sobre o seu traballo co noso legado musical. Un acto de homenaxe, actuacións musicais e unha cea completan o programa desta xeira.

Chotokoeu faise co GZ Crea de música

Xénero: Miscelánea | 11 / 12 / 2009

imaxe non dispoñible

Nos últimos días coñecéronse os gañadores de tres novas categorías dos premios GZ Crea. En concreto, na categoría de música levou o primeiro premio o grupo Chotokoeu polas cancións Co paso do tempo e Tappin. Pola súa banda, María Rosa Martínez Isla impúxose na categoría de moda coa súa colección Nipona, mentres David Brey Vázquez levou o premio ao mellor graffiti con Fetosintesis. Precisamente as obras gañadoras desta última categoría estarán expostas nos vindeiros días no IES Rosalía de Castro de Compostela. Ao tempo, están dispoñibles na rede os traballos vencedores de seccións coma videocreación, banda deseñada ou carteis, entre outros.

Sonhos fusiona estilos desde a bossa ao pop no seu novo traballo

Xénero: Fusión | 3 / 12 / 2009 + AUDIO

not_15923.jpg

Sonhos é unha formación xurdida no ano 2003 en Salamanca e que como trío xa presentaron en 2007 un disco a través do netlabel A Regueifa do que agora recuperan tres temas para a súa primeira edición en CD. O novo disco Sonhos, homónimo do grupo, ofrece nove temas máis un engadido dos que tres son versións escollidas de Bruno Martino, Meredith Wilson e Peninha e os outros seis son temas propios. A súa musica basease nunca viaxe a través de diferentes xéneros, sen fronteiras musicais e apostando pola fusión de estilos conxugando matices de fado, de bolero, de bossa, de folk, de jazz e a variedade de idiomas, con letras en galego, inglés, portugués, castelán e italiano. O disco esta editado polo grupo a través do selo Autoedita de Falcatruada e distribuído pola Lonxa Cultural. Sonhos está formado pola voz e composición de Susana Garrido, a guitarra de Jose Patricio Saura, o contrabaixo de Óscar López e a trompeta de Pedro Garrido.

Vetiver abre a programación do Xacobeo Importa

Xénero: Folk | 2 / 12 / 2009

imaxe non dispoñible

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta noite a actuación da banda folk Vetiver, que abre deste xeito o festival Xacobeo Importa. O grupo, que actuará acompañado de Fruit Bats, está considerado como un dos máis importantes do panorama indie folk internacional. Segundo explica a Consellaría de Cultura, o festival programará ata o final de 2010 dez concertos de artistas do circuíto independente que nunca visitaron Galicia. Entre estes, está prevista presenza de Joan Baez no Centro Cultural Caixanova de Vigo o vindeiro 5 de marzo.

Musgafol reivindica a música académica para gaita

Xénero: Folk | 2 / 12 / 2009 + AUDIO

not_15904.jpg

O Teatro Principal de Pontevedra acolleo vindeiro 12 de decembro a segunda edición de Musgafol, o encontro de música académica galega para gaita de fol. A iniciativa reúne diferentes gaiteiros do país, coma Pedro Álvarez, Óscar Ibáñez ou Pedro Lamas, coa Banda de Música de Pontevedra para nunha edición dedicada ao repertorio para banda sinfónica e gaita. O proxecto dábase a coñecer onte en Pontevedra, onde tamén se presentou o disco en directo que recolle as pezas que se interpretaron na edición do pasado ano.

Descarga ao vivo chega en formato CD-DVD

Xénero: Fusión | 1 / 12 / 2009 + VIDEO + IMAXES

not_15898.jpg

Aqueles que non puideron ver ao vivo este verán o proxecto de música galega e cubana Descarga ao vivo teñen a oportunidade de coñecer esta iniciativa en formato CD-DVD. O disco, editado por Falcatruada, recolle as actuacións en directo que se puideron ver no noso vai estar tamén dispoñible na rede mediante Spotify e iTunes. A presentación compleméntase coa jam session que se celebrará esta noite a partir das 22 no pub compostelán Dado-Dadá a cargo do trío cubano de Alejandro Vargas, máis convidados.

Cantándolle ás estrelas

Xénero: Folk | 26 / 11 / 2009

estrelas.jpg

Este é o Ano Internacional da Astronomía. Unha efeméride que o Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia (CSIC) e a Universidade de Vigo, xunto con outras entidades, non quixeron que pasara desapercibido entre os máis pequenos. Nesa obxectivo, acaban de presentar o proxecto doble Contos e coplas de estrelas. Dunha banda, a tradución ao galego do libro de Rosa María Ros que complia 14 contos de todo o mundo nos que as estrelas son as protagonistas (cada relato acompáñase dunha sinxela explicación científica). Da outar, un Coplas de Estrelas, un CD que recolle 10 coplas tradicionais galegas que fan referencia aos astros, as estrelas e o cosmos. Este último traballo inclúe un libreto coas letras das coplas e explicacións científicas sobre os temas das cancións.

<< Inicio / Anterior . 981 a 990 de 1395 . Seguinte \ Fin >>