A formación sinfónica Vigo 430 presenta o seu primeiro disco
novembro 10, 2009
A Orquestra Vigo 430 edita o seu primeiro traballo discográfico con Vir, o selo de Ouvirmos dedicado a coproducir a novos creadores galegos. Creada no ano 2005 como "Ensemble Vigo 430", coa premisa de formar un núcleo de corda de calidade para xa a partir do 2008 abordar progresivamente o repertorio sinfónico. A Orquestra está formada na súa maioría por músicos profesionais baixo a dirección de Alejandro Garrido. Neste álbum de nome homónimo á formación a orquestra interpreta composicións de Johann Sebastian Bach, Antonio Vivaldi ou Dimitri Shostakovich, destacando especialmente a execución das pezas “Suite Negra Sombra” de Rosa Gayoso e “Concierto en estilo antigo” de Manuel Quiroga. Os seus programas de concerto reúnen música de diferentes épocas, autores e estilos, destacando o seu achegamento á música do século XVIII e XIX con criterios historicamente informados. Desta forma, a Orquestra adopta unha formación sinfónica, ou de cámara (un número máis reducido de instrumentistas que inclúe o Clavecín e a Tiorba para adecuarse mellor á interpretación da música barroca) . A orquestra atópase preparando xa o seu seguinte CD con obras de Haydn, Mozart e o compositor galego Andrés Gaos.
Tamén che pode interesar:
- 23/ 4/ 2019 | Xacobe Martínez Antelo presenta 'Capturas'
- 20/ 12/ 2011 | Dosier: Orquestras
- 16/ 6/ 2011 | Talabarte presenta o seu primeiro disco de música tradicional contemporánea
- 8/ 7/ 2009 | A revista Rockzone distribúe o terceiro disco de Aphonnic
- 19/ 6/ 2008 | Ecléctica Ensemble presenta o seu primeiro disco no CGAC