Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

¿A música tradicional do futuro?

Xénero: Hip-Hop | 2 / 6 / 2010 + VIDEO + AUDIO

not_17004.jpg

Conseguir un estilo con identidade propia, pero cun pé no hip hop e outro na música tradicional galega. Este é a aposta que está a facer o coñecido rapeiro vigués El Puto Coke a través de Licor Kafé Producións. Un ambicioso proxecto que está en marcha e que amosará os seus resultados de cara á fin do verán.

O Xacobeo Classics estreará dúas obras de Roxelio Groba

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 6 / 2010

imaxe non dispoñible

Na suaviña e Na barca son das dúas series de cancións de Rogelio Groba que se estrearán no marco do ciclos Xacobeo Classics. A primeira delas será o día 18 de xuño en Mondaríz, mentres que a segunda será un día despois na Igrexa de San Francisco de Betazos. En ambos concertos, canda a estrea de Groba tamén se interpretarán pezas e Händel e Barber. Rogelio Gobra (Guláns, 1930) é máis prolífico dos compositores galegos e cumpre neste 2010, 80 anos.

As aventuras de Sir Tristán na aldea

Xénero: Antiga | 31 / 5 / 2010

imaxe non dispoñible

Non todo na nosa música tradicional son cantigas sobre amor, sexo ou tarefas agrarias. Canda a eses e moitos outros temas, na memoria dos nosos antepasados atopamos temas fondamente entroncados na cultura europea. O Santo Grial, ou a historia de Tristán e Isolda están plenamente inseridos na nosa tradición musical, e revelan relacións temperás con Irlanda e Bretaña.

O folk que nunca chegou ás tendas

Xénero: Folk | 19 / 5 / 2010

imaxe non dispoñible

Coincidindo co Día das Letras Galegas, o web A Voz de Vilalba presentou dous temas inéditos dun emblemático grupo renovador do folk nos 80: Xorima, creador dun estilo de facer música de raíz que seguirían despois grupos como Berrogüetto. "De Xolda / Entre o millo" mestura dúas cancións, e foi composto por Ferreirós e Anxo Pintos. O outro tema, "Sicodélica", é de base tradicional con arranxos do grupo. Os temas foron gravados e interpretados en directo en 1988 e ían ser parte do segundo disco de Xorima. Nunca chegou a saír.

O quinto disco de Víctor Aneiros espreme o blues da poesía de Ramiro Fonte

Xénero: Jazz/Blues | 5 / 5 / 2010

not_16830.jpg

Víctor Aneiros publica novo disco, Brétemas da memoria (Gaztelupeko Hotsak). O guitarrista e compositor dedica unha importantísima parte dos dez temas do seu quinto disco á obra de Ramiro Fonte (1957-2008), adaptando sete poemas de xuventude e da primeira madurez do poeta. Non é a primeira vez que o guitarrista ferrolán se achega á poesía de Ramiro Fonte, pois no seu anterior disco xa recreou "Na barra", tema onde estaban moitas das obsesións do escritor: ambientes nocturnos, personaxes decadentes atrapados entre sombras, atracción polo abismo, Ofelias afogadas na noite... Brétemas da memoria é melancólica, como boa parte da obra de Ramiro Fonte, pero tamén está preñado da contaxiosa enerxía que transmite a guitarra de Aneiros. Víctor inclúe no disco "Axúdame", un tema baseado nun texto doutro poeta galego contemporáneo, Xosé Carlos Caneiro. Dúas pezas instrumentais ocúpanse da apertura e peche de Brétemas da memoria. Javier Vargas, Mauri Sanchis, Roberto Somoza, son algunhas das destacadas colaboracións deste traballo no que seguen acompañando a Aneiros Manuel Gutiérrez ao piano e Marcos S. Yáñez á batería, incorporándose Víctor Gacio ao baixo.

Dous + Tres = Folkfusión

Xénero: Fusión | 4 / 5 / 2010 + VIDEO

not_16820.jpg

“Hai xa tempo que Diego Maceiras e mais eu queriamos traballar este tipo de sons”, explica Dani Bellón o nacemento de Folkfusión o seu último traballo. Dous nomes recoñecidos da nosa música tradicional reúnense con outros tres músicos nun quinteto no que a gaita e o acordeón se atopan co contrabaixo, a batería e mais a guitarra para dar forma a un álbum no que o noso folk é só un elemento máis. Habaneras, blues e os ritmos do país danse cita nesta obra do Bellón Maceiras Quinteto, que está a comezar esta primavera a súa xira polo país e que promete un bo feixe de chiscadelas ao público.

Azos Jazz achegará ao público sons vencellados a Galicia

Xénero: Jazz/Blues | 20 / 4 / 2010 + AUDIO

not_16717.jpg

Unha serie de discos dedicados ao jazz vencellado, dun ou doutro xeito a Galicia e a servir como plataforma dos talentos emerxentes. Esta é a proposta que fai o selo Falcatruada con Azos Jazz, unha colección que se presenta hoxe mesmo con Introducing Álvaro Vieito, o primeiro álbum deste guitarrista e compositor do Porriño con oito temas propios e acompañado polo saxo de Masahiro Yamamoto, Ross Gallagher ao baixo, Max Gómez á batería e a colaboración de Abe Rábade.

Ophiusa presenta cun concerto na FNAC o seu segundo disco

Xénero: Folk | 14 / 4 / 2010

disco_16679.jpg

O vindeiro 16 de abril a FNAC da Coruña acolle a presentación de Sen planeta, segundo traballo do grupo Ophiusa. Segundo anuncian no seu MySpace o conxunto evolúe "cara á parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son". Todas as pezas inclúidas no disco, autoproducido pola banda, son da autoría dos membros do grupo, e nas mesmas atópanse colaboracións coma as de Bieito Romero, de Luar na Lubre, Óscar Fernández de bOnOvO ou Benxamín Otero, de Linho do Cuco. A gravación realizouse nos estudios Pink, do propio grupo. Despois da presentación, o vindeiro 27 de abril o grupo visita o Salón Teatro de Compostela no marco do ciclo ST Música Presente

A Orquestra Folk Sondeseu presenta o seu terceiro traballo discográfico

Xénero: Folk | 13 / 4 / 2010

not_16669.jpg

Composto por once temas, Barlovento (Do Fol, 2010) recolle o mundo da construción e o uso renovado das embarcacións tradicionais como metáfora da viaxe das melodías tradicionais a un mar sonoro salferido de contemporaneidade. A carón da enerxía que caracteriza a interpretación dos 40 músicos que compoñen SondeSeu, neste disco atopamos as colaboracións de Rosa Cedrón, Rodrigo Romaní, Xaquín Xesteira, Javier Feijoo (Chisco), e Xosé Liz. Conta con oito creacións de Rodrigo Romaní, dúas de Anxo Pintos e unha de Xaquín Xesteira, baseadas na música de tradición oral galega. O disco foi gravado no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo co obxecto de captar o ambiente e a enerxía que caracterizan os concertos de SondeSeu. A partires da publicación de Barlovento, SondeSeu comezará a xira de concertos para 2010 que se iniciará en Madrid o vindeiro 1º de maio no Teatro Circo Price dentro do Ciclo Cantigas do Camiño - Xacobeo Raíces. Na actualidade, en colaboración co Concello de Vigo, SondeSeu lidera o proxecto ENFO (European Network of Folk Orchestras) no que se está a impulsar a creación de novas orquestras por toda Europa para consolidar unha rede estable de participación e intercambio.

Xil Ríos presenta o seu novo disco, Son da alma

Xénero: Melódica | 9 / 4 / 2010

not_16647.jpg

Despois de cinco anos sen entrar a gravar novas cancións Xil Ríos presentan en directo na TVG os temas do seu novo traballo producido por AiraPro. O artista moañés presentará os temas de Son da alma, no programa Luar da TVG. O escenario perfecto para a posta de longo do seu novo traballo, unha mestura de ritmos caribeños, sons acústicos e retranca galega. Xil Ríos interpretará varios temas do disco, incluído o primeiro sinxelo, Xa Caerá, do que ten gravado un videoclip. Xil Ríos leva case 40 anos no mundo da música, desde que en 1971 participou no festival Bahía de Vigo até hoxe, pasando polo seu maior éxito, Xirarei, un tema que gravou xunto a Juan Pardo en Londres a principios dos 80 e que se converteu nun dos grandes clásicos da música popular galega. Son da alma foi gravado no estudo Casa de Tolos, en Gondomar, e producido por Segundo Grandío.

<< Inicio / Anterior . 951 a 960 de 1395 . Seguinte \ Fin >>