Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Fol editará o Son brasilego de Sergio Tannus

Xénero: Fusión | 26 / 11 / 2012

tannus_son_brasilego.jpg

O primeiro disco de Sergio Tannus, Son brasilego sairá en edición dixital o vindeiro 12 de decembro e chegará ás tendas fisicamente o 18 do mesmo mes. O álbum parte da formación do Sergio Tannus Trio, que integra a Serginho Sales (piano, teclados e acordeón) e Paulo Silva (percusión e voz), pero conta cunha nutrida lista de colaboradores que inclúen a Ceumar, Antonio Zambujo, Ugía Pedreira, Joao Afonso, Najla Shami, Xabier Díaz, Aline Frazão, Narf, Couple Coffee, Carlos Blanco, Emilio Rúa, Xoan Curiel ou o Coro da Rá ata un total de 40 colaboradores.

Mamá Cabra volta con Bicos de música

Xénero: Infantil | 20 / 11 / 2012 + AUDIO

bicos_de_musica_mamacabra.jpg

As librarías están a recibir esta mesma semana Bicos de música, o último lanzamento do grupo Mamá Cabra. Da man da Editorial Galaxia, o proxecto inclúe un libro ilustrado coas letras das cancións, un CD con dez temas cantados e dez pistas só coa música e os coros para cantar por riba e mais un DVD con karaoke e vídeos no que se segue un día completo na vida do grupo. O estilo habitual do grupo, con letras festivas e coreografías que acompañan os temas mantense neste proxecto, que de certo há ser un dos agasallos máis solicitados para os máis novos no vindeiro Nadal. O volume gravouse nos estudios Edisco da Estrada.

Virandeira debuta con Sons do Atlántico

Xénero: Folk | 19 / 11 / 2012

not_21772.jpg

Cun título que expresa a vocación céltica da súa música, Virandeira ten xa nas tendas Sons do Atlántico primeiro disco deste grupo vigués. Violín, teclado e ventos engádense ás gaitas neste traballo que achega 11 temas, na súa maior parte instrumentais. O álbum sae da man de inquedanzas sonoras, e está á venda vía web e en establecementos comerciais, ademais de poder escoitarse en plataformas como Spotify. O grupo presentará no vindeiro Culturgal, en Pontevedra, este traballo.

Mel de Meiga debuta con Crecente

Xénero: Folk | 16 / 11 / 2012

meldemeiga_crecente.jpg

Crecente é o título do álbum de debut da formación Mel de Meiga, o novo proxecto musical de Eva Carreras. A cantante, coñecida por ter participado no programa Operación Triunfo, vira a súa carreira cara ao folk cun grupo no que conta con antigos músicos de MutenRohi. Canda a ela, Carlos Campos “Kakus”, Iván Salgado, Pablo Dalama, Loren Tabarés, Leonel Vignola e Luis Manuel Pérez completan a formación. O seu primeiro traballo, editado por Inquedanzas Sonoras, presenta dez temas nos que predomina o folk con compoñente vocal e toques pop que se deixan sentir no emprego do baixo ou da batería.

Os irmandiños de Vincios debutan con Monte Galiñeiro

Xénero: Folk | 12 / 11 / 2012

monte_galinheiro_irmandinhos_vincios.jpg

Logo de cinco anos de traballo na música de raíz, o grupo Os Irmandiños de Vincios acaba de publicar Monte Galiñeiro, o seu primeiro álbum. Cun son no que buscan ecos do das murgas tradicionais, o grupo está composto por oito membros que engaden a instrumentos como a gaita ou o tamboril, saxo, clarinete e acordeón. En total presentan 16 temas, entre tradicionais e propios, interpretados cun xeito que quere lembrar os grupos galegos dos anos 30. A vindeira cita para os interesados en coñecer este traballo será o 17 de novembro no Centro Cultural de Vincios. Con posterioridade, o grupo estará tamén presente no Culturgal.

Agustín Sánchez presenta Pezas de aquí e acolá

Xénero: Fusión | 9 / 11 / 2012

not_21718.jpg

Os sons dun cuarteto tradicional a interpretar swing, tango, danzón ou valse venezolano canda ás máis habituais muiñeira, xota ou pasodobre. Esta é a proposta que fai o gaiteiro Agustín Sánchez en Pezas de aquí e acolá, o seu primeiro disco. Un total de 12 temas que está a presentar con concertos por todo o país acompañado do cuarteto Farrapos de Ghaita. O CD, autoeditado, inclúe a partitura das pezas en formato pdf.

Luar na Lubre celebra os seus 25 anos cun recompilatorio

Xénero: Folk | 8 / 11 / 2012

luar_sons_da_lubre.jpg

Corenta e cinco cancións. Un CD con temas instrumentais, outro cos grandes éxitos do grupo, un terceiro de dúos e mais un DVD cunha actuación ao vivo en Compostela e sete videoclips. Estes son os contidos de Sons da Lubre nas noites de luar, a caixa coa que Luar na Lubre celebra os seus vinte e cinco anos no mundo da música. Entre as voces que participan nas novas versións de temas do grupo, atopamos nomes coma Lila Downs, Luz Casal, Ismael Serrano, Adriana Valera, Pat Kilbride, Pedro Guerra ou Diana Navarro. O grupo presentaba onte no Teatro Principal de Compostela este traballo, que se poderá ver ao vivo en Lugo o vindeiro 14 de decembro e en Ourense o 16.

Preséntase o Culturgal 2012

Xénero: Miscelánea | 6 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

A casa da cultura galega é a túa casa. Tí tes a chave é o lema da edición 2012 do Culturgal, Feira das Industrias Culturais. O evento, que se presentaba esta mañá en Pontevedra, desenvolverase no Pazo da Cultura da Cidade do Lérez entre o 30 de novembro e o 2 de decembro e contará con 70 entidades de diferentes ámbitos representadas e máis de 140 actividades. Presentacións de libros, discos e novos proxectos de difusión así unha programación especial para nenos son algúns dos puntos fortes do programa, que trascende a sede o evento e leva propostas ás rúas de Pontevedra.

Cancioneiro de ida e volta

Xénero: Folk | 6 / 11 / 2012

imaxe non dispoñible

O pasado 23 de outubro vía a luz o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, un volume que compila as pezas musicais populares que se conservan neste concello. O proxecto, resultado de anos de traballo de Pablo Díaz e Olga Kirk, vai moi para alén da edición deste material, xa que o concello está a aproveitar o volume para artellar unha programación que achega de volta esta música aos veciños.

Daniel Minimalia lanza Cuentos sonoros

Xénero: Fusión | 31 / 10 / 2012

capa_cuentos_sonoros.jpg

Zouma Récords acaba de presentar Cuentos sonoros, segundo disco do ourensán nado en Vitoria Daniel Minimalia. O disco presenta doce temas de autoría propia nos que o dominio da guitarra deste artista acompáñase de sintetizadores nunha fusión con ecos de Mike Oldfield ou Enya. A obra, que se presentou o pasado 20 de outubro e Madrid, darase a coñecer cunha xira de concertos que está previsto visite Ourense e Pontevedra en datas aínda por concretar. O traballo que está dispoñible en Spotify, foi gravado en ZevraStudios, MinimaliaStudios e Desfase Sound.

<< Inicio / Anterior . 801 a 810 de 1395 . Seguinte \ Fin >>