Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Luar na Lubre publica o concerto Torre de Bregoghán

Xénero: Fusión | 3 / 12 / 2014

capa_torre_de_breoghan_luar_na_lubre.jpg

Os dous concertos que Luar na Lubre ofertou os pasados días 21 e 22 de xuño na Coruña coa Orquestra Sinfónica de Galicia son a base do novo álbum desta formación. Torre de Breoghán recolle a gravación ao vivo dos recitais deste espectáculo, nun digipack que inclúe 25 temas e máis un DVD. Para alén da banda sonora composta especificamente para a obra, o álbum inclúe unha selección de temas tradicionais como A Carolina canda a clásicos do conxunto como O son do ar.

Pulpiño Viascón reinterpreta a tradición cunha Gameboy

Xénero: Electrónica | 2 / 12 / 2014

bravuboy_pulpinho_viascon.jpg

Cancións gravadas ao vivo, sen postprodución nin efectos e artelladas unicamente mediante unha consola Gameboy. Esta é a proposta do proxecto Chiptune Galicia, a nova aventura de Pulpiño Viascón. O músico acaba de presentar en Soundcloud Bravúboy, unha colección de oito temas neste estilo, que se caracteriza polo son retro que lembra os videoxogos dos anos oitenta e noventa. Pezas populares como a Pasodobre de San Roque ou Quen teña viño pasan polo filtro dos procesadores de oito bits nesta curiosa proposta na que se mestura o tradicional co electrónico.

Pirilampo súmase aos libros-CD con Lucecús

Xénero: Infantil | 25 / 11 / 2014

pirilampo_lucecus.jpg

A colección Sonárbore de libros-discos de Galaxia conta cunha nova incorporación. O grupo Pirilampo presenta o vindeiro 29 de novembro Lucecús, o seu terceiro traballo neste campo. O proxecto achega dez temas nos que os sons tradicionais marcan o ton. Xogos de voces, frauta, acordeón, guitarra, percusión, batería, baixo e gaita arroupan cancións de berce sobre Pedro Chosco, un tema sobre o Apalpador, outro sobre bruxas ou o que ten o Tío Nicanor e os seus animais como protagonistas. Logo da presentación na viguesa Casa do Libro o 29, o grupo visitará o Culturgal o 7 de decembro e mais o Museo de Arte Contemporánea da Coruña o día 14 dese mesmo mes.

Guadi Galego sae do folk en Lúas de outubro e agosto

Xénero: Pop | 24 / 11 / 2014

luas_outubro_agosto_guadi_galego.jpg

Dez temas de letras reflexivas e maduras nos que a voz de Guadi Galego sae do rexistro folk. Esta é a aposta que ex-cantante de Berrogüetto fai con Lúas de outubro e agosto, o seu segundo álbum, que sae á venda mañá, 25 de novembro a coincidir co Día contra a Violencia de Xénero. Arranxos eléctricos con aires jazz, baixos e baterías conviven co acordeón de Santi Cribeiro e o clarinete de Pablo Pascual no que supón un achegamento da cantante ao pop melódico. A maior parte dos temas do volume foron compostos pola propia Galego e graváronse nos estudios Alis Records de Baeza. O álbum sae á venda da man de Fol Música, e o seu primeiro single, Matriarcas acadou un éxito fulminante en Youtube, co preto de 15.000 visualizacións en só dous días.

Ai veñen os Tanto nos ten con Entre néboas

Xénero: Folk | 21 / 11 / 2014

entre_neboas_tanto_nos_ten.jpg

Con sete anos de traxectoria ás costas, Tanto nos ten continúa coa súa aposta pola "música tradiciona furtiva", a combinación de sons tradicionais, letras retranqueiras e compromiso coa que pretenden "converter nunha festa cada unha das nosas intervencións". Agora, chegan con Entre néboas o seu segundo traballo discográfico, no que melodías e letras tradicionais soan cun coidado acompañamento de bombo, tamboril, tamboril, gaitas, frautas, clarinete, acordeón e pandeireta. O álbum autoeditado, gravouse en directo, foi producido no estudio A Ponte. O grupo atópase en plena xira de presentación. A vindeira cita está prevista o vindeiro 29 de novembro e A Arca de Noe (Vilar de Santos), e continuará pola Casa dos Druídas de Vilaboa (6 de decembro), o Nadal Cultural de Rebordáns (Tui, 7 de decembro) e A Repichoca (A Coruña, 12 de decembro).

Pandeiromus abre con Teño días unha triloxía discográfica

Xénero: Folk | 14 / 11 / 2014

tenho_dias_pandeiromus.jpg

Tres discos que verán a luz entre este mes de novembro o final de 2015 compoñen a triloxía Teño días, teño noites, coa que Pandeiromus volta, logo de varios anos, ao estudio de gravación. Temas tradicionais e versións musicadas de textos de Sechu Sende ou Xabier Picallo compoñen a nova proposta do grupo, sempre baseada nas voces masculinas e na percusión. Logo de estrear este repertorio ao longo do verán no espectáculo Verbena galega o grupo presenta mañá, en Terractiva, a feira ecolóxica de Arzúa, Teño días, primeiro volume da triloxía que inclúe os temas Teño días, Sempre Morgan, Sete cuncas e mais Unha muller e outra muller e que está á venda por cinco euros.

Apenino lánzase ao galego con Viravolta

Xénero: Electrónica | 7 / 11 / 2014

viravolta_apenino.jpg

Por vez primeira Marco Maril, Apenino, achégase ao galego na súa carreira musical. Viravolta, o seu novo traballo, conta con catro dos seus sete temas na nosa lingua, entre eles o single de presentación Conversa ultramarina, inspirado no traballo de Lois Pereiro. O músico compostelán manten a súa posta polo electropop, e crea ambientes sonoros coidados e complexos nun novo traballo que sae en formato de vinilo 10" con código de descarga de MP3 da man de Jabalina Records. O volume foi gravado este verán con Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro e sairá á venda de xeito oficial o vindeiro 17 de novembro aínda que xa está dispoñible en prevenda. Apenino participou o pasado martes 5 cun concerto no Ukelele Kit Project en Santiago de Compostela.

Os Novos chegan como veteranos do punk-rock

Xénero: Rock | 27 / 10 / 2014

nom_lugar_os_novos.jpg

Unha nova banda compostelá, Os Novos, acaba de presentar o seu primeiro lanzamento. Nom Lugar chega da man de Lixo Urbano con sete temas cheos de carraxe, xogos vocais e guitarras de grande potencia nos que o trío amosa claramente a súa bagaxe punk-rock. Segundo explica o grupo na súa presentación, o grupo é "umha besta tricéfala que fai música para escuitar com os punhos fechados, com raiva, fazendo força até esmagar os dedos, rinchando nos dentes e maldizendo baixo um céu cinzento sempre a piques de esboroar-se". O álbum, gravado nos Estudios Soyuz e coa produción de Mike Mariconda en Sonic Boom Room sae á venda cunha dupla edición en digipack e mais en formato Vinilo de 10" máis un CD. O álbum tamén se pode escoitar en Bandcamp e nos diferentes concertos que o grupo ten previstos ao longo deste outono.

Fiandola dá Volta e media

Xénero: Folk | 24 / 10 / 2014

fiandola_volta_e_media.jpg

Dez cancións, na súa maior parte tiradas dos traballos de recolla que o propio grupo realiza, compoñen o terceiro disco de Fiandola. O septeto nado en 1996 mantén en Volta e media o seu son cun grande protagonismo dos acordeóns, clarinete, gaitas e percusións. Ritmos como as jotas, as muiñeiras, os pasodobres ou a rumba conviven no álbum, que se gravou o pasado verán nos estudios Edisco da Estrada. Logo do concerto de presentación na Salasón de Cangas, o pasado domingo 19, o grupo ten previstos novos recitais en Betanzos (decembro) ou Bueu (febreiro)

Eladio y los seres queridos chaman á orde

Xénero: Indie | 16 / 10 / 2014

orden_invisible_eladio_seres_queridos.jpg

Desde o pasado martes está dispoñible nas tendas o terceiro disco de Eladio y los seres queridos. Orden invisible achega doce novos temas que seguen a liña de pop indie. Editado por Esmerarte, o traballo foi gravado en xuño nos estudos Sonobox. Ademais da edición física, o álbum está dispoñible en diferentes plataformas dixitais.Logo da presentación, o grupo inicia unha xira que os levará o vindeiro 25 de outubro ao FNAC da Coruña.

<< Inicio / Anterior . 641 a 650 de 1395 . Seguinte \ Fin >>