Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

María do Ceo volta con Soños cumpridos

Xénero: Melódica | 9 / 1 / 2015

sonhos_cumpridos_maria_do_ceo.jpg

Letras de Eduardo Blanco Amor e Armando González acompañan as melodías de María do Ceo no novo traballo desta cantora. Soños cumpridos é o título deste undécimo discos, que inclúe cinco temas en castelán e nove en galgo. Fados, boleros e pasodobres atópanse no libro-disco, que conta cun prólogo de Antón Reixa e inclúe fotos inéditas de Blanco Amor. O Liceo de Ourense acolle ás 20:30 horas de hoxe o concerto de presentación. A cantante financiou o disco mediante unha iniciativa de crowdfunding pola que realizou a prevenda dos mil primeiros exemplares.

Morre aos 89 anos a Señora Carmen, cantareira de Malvela

Xénero: Folk | 5 / 1 / 2015

not_11258.jpg

Carmen Pérez Navazal, máis coñecida como Carmen de Campos, será soterrada hoxe ás 17 horas na Igrexa Parroquial de Sanguiñeda en Mos segundo comunican desde o perfil social do grupo Malvela. Tras unha dura vida de traballo no campo a señora Carmen debutou como cantante solista en 2007 aos 82 anos de idade conseguindo sona e boas críticas co seu disco Na flor dos meus anos (PAI Música), antes diso foi unha das integrantes do grupo folclórico Malvela, xurdido a partir dun cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía, co que tamén acadou moitos éxitos e gravou varios discos chegando a actuar a nivel internacional. A versión que con Malvela gravaron da popular canción "O pirimpimpín" foi utilizada como cabeceira da serie Padre Casares, emitida pola TVG. No seu disco en solitario estivo arroupada por colaboracións tan importantes como as de Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Rodrigo Romaní no eido musical e os textos do escritor Fran Alonso no libro que acompaña ao disco e no que dá conta da vida desta muller singular.

Sokram debuta en solitario con Chuvia ácida

Xénero: Hip-Hop | 29 / 12 / 2014

chuvia_acida_sokram.jpg

Quince temas de hip-hop en galego que van do reivindicativo ao lírico é a aposta coa que Sokram, coñecido polo seu traballo en Dios Ke Te Crew debuta en solitario. Chuvia ácida preséntase nunha ambiciosa edición que inclúe vinilo, CD, descarga dixital e mais un fanzine realizado polo propio músico. A nivel sonoro, Sokram aborda unha visión ampla do hip-hop con ecos que van do electro ao funky e conta con colaboracións como as de L.A.R. Legido, Hevi, Alba Suárez ou Paco Cerdeira. A Sala Capitol acolle o vindeiro 16 de xaneiro o comezo da xira de presentación do volume.

Treixadura celebra 25 anos de música con Vendima tarda

Xénero: Folk | 19 / 12 / 2014

vendima_tarda.jpg

Treixadura celebra os seus vintecinco anos na música tradicional co lanzamento do álbum gravado en directo Vendima tarda. O disco contén dous CDs con temas clásicos do grupo, canda outros novos, e será presentado este venres 19 de decembro en Vigo (Teatro Afundación, 21.30) e o sábado 20 de decembro en Santiago de Compostela (Auditorio Abanca, 21 h.).

A discográfica Língua Nativa nace centrada na lusofonía

Xénero: Hip-Hop | 17 / 12 / 2014

lingua_nativa_vvaa.jpg

Editar en Galicia traballos de electrónica e de hip hop de toda a lusofonía, a incluír, como non, o noso propio país. Esta é a proposta de Língua Nativa, unha nova discográfica que presentaba esta mesma semana o seu primeiro traballo para descarga. Língua Nativa é tamén o título deste álbum, unha compilación de 17 temas de hip hop aternativo da man de músicos de nacionalidades galega, portuguesa, angolana, chilena e canadiana. O volume está dispoñible para descarga no web do proxecto.

Fernando Fraga enche de Folcromías o acordeón

Xénero: Miscelánea | 16 / 12 / 2014

folcromias_fdo_fraga.jpg

Coñecido polo seu traballo a acompañar músicos como os gaiteiros Carlos Núñez ou Óscar Ibáñez, o acordeonista Fernando Fraga inicia a sua carreira en solitario. A finai de novembro vía a luz Folcromías, un disco no que se mesturan temas da nosa tradición con de clásicos do acordeón como Piazzola e mesmo versións de Bach. O volume achega un total de dez temas, dos cales oito están interpretados en solitario co acordeóns e dous máis contan con acompañamento de acordeón e trompeta respectivamente.

Aínda é o primeiro disco de Alba María

Xénero: Cantautor | 11 / 12 / 2014

ainda_alba_maria.jpg

O Culturgal acollía a pasada fin de semana o concerto de presentación de Aínda. Alba María, gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teto, comeza con este traballo a súa carraeira discográfica. Central Folque edita un disco no que a moza de 19 anos amosa as súas habilidades como compositora e intérprete. Alba María conta con colaboracións como as de José Manuel Díaz e Alejandro Vargas, arranxistas do disco, ou as de músicos como Pedro Pascual, Óscar Fernández, Gutier Álvarez ou Felipe Villar. Letras de calidade nas que o lirismo non esquece cuestións de xénero e sociais arroupadas por unha coidada ambientación musical amosan o potencial desta nova creadora.

Os cantareiros de Maghúa presentan o seu segundo traballo

Xénero: Folk | 9 / 12 / 2014

matria_maghua.jpg

A recuperar o material dun intenso traballo de recollida o grupo de cantareiros Maghúa lanza, da man de Inquedanzas Sonoras, o seu segundo traballo. Matria achega once novos temas nos que estes catro homes encarnan a tradición coas súas voces e percusión, con títulos como Barro de Arén, Queimadelos ou Liñares. Logo de visitar o Culturgal, o vindeiro sábado 13 o grupo visita o local coruñés A Repichoca para dar coñecer este novo traballo. O mesmo día darán a coñecer tamén o primeiro vídeo do disco.

Mamá Cabra para na Estación Nadal

Xénero: Infantil | 5 / 12 / 2014

estacion_nada_mama_cabra.jpg

A reclamar a existencia dunha quinta estación no ano, a Estación Nadal, Mama Cabra presenta o seu novo traballo. A colección Sonárbore de Galaxia achega a nova proposta do grupo, chea de temas ambientados nesta época como Panxoliña, Nadal no San Xoán, Os reis en Santo André ou O Apalpador. O grupo presentará o traballo no Culturgal, cun concerto no espazo infantil o vindeiro domingo 7 ás 13:30 horas.

Non hai berce coma o colo actualiza arrolos tradicionais

Xénero: Infantil | 4 / 12 / 2014

non_hai_berce_coma_o_colo_kalandraka.jpg

Unha selección de quince cantos tradicionais para durmir. Esta é a proposta de Non hai berce coma o colo, o novo libro-CD que publica Kalandraka e no que Paulo Nogueira e Magoia Bodega ofertan unha escolma de temas recollidos por toda Galicia e actualizados. O proxecto, que conta con ilustracións de Mariona Cabassa, incorpora as voces de Sonia Lebedinsky, Mini e Merchi de Leilía, así como a música de César Longa, de Treixadura, Pancho Álvarez, Begoña Riobó e Segundo Grandío.

<< Inicio / Anterior . 631 a 640 de 1395 . Seguinte \ Fin >>