Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Terbutalina volve coas pilas cargadas con 'Era cabra'
Xénero:
| 3 / 11 / 2023Regresa a formación de Esteiro, Terbutalina, cun novo álbum completo que desde hoxe está dispoñible en plataformas dixitais, "Era cabra" (Dotbeat, 2023). Fai agora 4 anos que a banda presentaba o seu último traballo "Espabila Gallego" (Folc records, 2019) e con este novo traballo presentado hoxe do que xa se foron presentando cancións en avance os Terbutalina culminan un proceso catártico para voltar "máis fortes ca nunca". Neste contexto 'Era cabra' revélase como o regreso á orixe "tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e fortalecemento interno", aseguran desde a banda. Este novo elepé está composto por oito temas nos que podemos atopar esa banda punk rock moi aberta a influenzas históricas como o psichobilly e con letras traballadas, retrousos que enganchan e contundencia sonora. O disco foi gravado e producido nos estudios 'A Ponte' por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Schmidt nos estudios '24-96' e terá O unha edición física en formato vinilo editado por Folc Records. A banda presentará este novo disco sobre o escenario da Sala Malatesta, en Santiago de Compostela, o vindeiro 8 de decembro.
O festival Castañazo de Chantada volve tras tres anos desaparecido
Xénero:
| 27 / 10 / 2023Disque foi en Chantada no 1994, na segunda edición do que entón era chamado o Castañazo Rock, onde naceu o termo 'Rock bravú'. Nunha cea coas bandas presentes na cantina de Viana. Dende entón esta é unha cita especial para a o rock en galego e só a pandemia conseguiu parala, ata agora. Tras dunha anterior edición, a 17, que se celebrou en 2019 o evento supera hoxe un parón de tres anos e volve coa súa XVIIIª edición cun lixeiro cambio de denominación quu non afecta á súa liña de programación, como Castañazo, a secas. Hoxe venres comeza e seguirá tamén mañá no mercado gandeiro de Chantada, reunindo unha ducia de artistas que representan a parte da actualidade da música en galego. Fillas de Casandra, Narco, Tremenda Jauria, Lágrimas de Sangre, Rastreros e Grande amore enchen o cartel do venres. O sábado estarán en Chantada Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre, Arritmia e Rebeliom do Inframundo. A veterana cita ofrece tamén actividades como os cantos de Taberna e un festival paralelo de música infantil de balde no auditorio municipal.
Caamaño&Ameixeiras mudan o paso con Quitar o aire
Xénero:
| 20 / 10 / 2023Logo do éxito do seu álbum de debut Aire, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras lanzan este 20 de outubro o seu segundo traballo. Quitar o aire, publicado por Raso Estudios, amosa unha exploración de novas sonoridades por parte do grupo en nove temas como A pequena morte, Entrudio, O corpo aberto ou Mortalla morte, mortalla de amor.
Dios Ke Te Crew culminan o ano de 20 aniversario rodeados de amizades musicais
Xénero:
| 18 / 10 / 2023Dios Ke Te Crew, banda emblemática do hip hop galego, porá o vindeiro 2 de decembro o peche á celebración dos vinte anos sobre os escenarios que está facer neste 2023 coa xira 'Tremendos anos 20' e farao por todo o alto cunha xornada que semella un festival. A capital galega acollerá, entre as 19.30 horas e as 5 da madrugada dese día un programa de concertos e actuacións cun cartel homologable ao de calquera festival que inclúe, ademais de aos anfitrións DKTC, a diversos artistas da escena musical galega, compartindo escenario con eles. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Guillerme (Quempallou), Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes acompañará aos DKTC neste aniversario da banda de Ordes que terá como sedes as salas Capitol e Malatesta de Santiago de Compostela.
Fuxan os Ventos e Milladoiro asinan un tema xuntos por vez primeira
Xénero:
| 16 / 10 / 2023Dúas das formacións máis importantes da música folk galega durante décadas veñen de unirse musicalmente por vez primeira para facer unha canción conxunta que entra xa na historia da nosa música. "Barqueiros de Ribadavia" é o tema que ven de unir a Fuxan os Ventos e Milladoiro. O tema esta composto polos integrantes de Milladoiro Manuel Riveiro Hermo e Xosé Vicente Ferreirós xunto con Ramón Díaz Novo e forma parte dunha serie de cancións que o grupo Fuxan os Ventos sacará á luz durante os próximos meses e no que estarán algúns temas que formaron parte da exposición dedicada aos 50 anos de historia da formación. As dúas históricas agrupacións, nacidas na década dos 70, compartiron espazos musicais e compromiso coa recuperación da tradición musical galega pero é agora cando, por primeira vez, colaboran nunha canción. O tema xa se pode atopar en diversas plataformas dixitais.
Francisco Castro publica o seu primeiro traballo musical
Xénero:
| 25 / 9 / 2023O escritor e ex-director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966) saca hoxe á luz o seu primeiro traballo discográfico. "Agora é o tempo" é o título co que Castro nomea este traballo discográfico que xa está á venda e que presentará en concerto o vindeiro 28 de outubro no Teatro Salesianos de Vigo contando co acompañamento da Banda dos Borges . O disco, publicado baixo o selo Awanta Producciones S.Coop. Galega, conta na produción con Federico Welicki e, segundo o propio autor, foi gravado entre Vigo, A Estrada, Madrid, Los Ángeles, Buenos Aires e Seattle. Segundo a descrición que acompaña á presentación, a súa música "gravita arredor de ritmos pegadizos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética". Trátase de letras e músicas "para reivindicar a vida pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada", aseguran. Segundo explica o autor nas súas redes sociais son cancións que "explican quen son, como sinto, e que quero do mundo. Saíron das tripas", afirma Castro.
O Son dos Arrieiros volve á Estrada
Xénero:
| 21 / 9 / 2023Comeza a conta atrás para que o festival O Son dos Arrieiros inunde de música en directo as rúas do Concello da Estrada esta fin de semana. A terceira edición deste festival de carácter gratuíto presenta ata unha decena de propostas artísticas de diferentes tendencias musicais, todas galegas, coa intención de amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. O cartel conta con nomes como Boyanka Kostova, Malendrómeda, BabyKatze, hydn ou Guezos, entre outros. Este evento trata de ser un escaparate para recoñecer a valía de bandas e artistas noveis seleccionando as propostas da nosa terra e integrándoas en espazos urbanos para poñer en valor a creación musical a plena luz do día. Con vontade continuísta, a organización aposta novamente por un evento paritario tanto enriba como debaixo do escenario organizado pola produtora musical dotbeat! co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello da Estrada.
Mondra publica o seu LP de debut ARDĒN
Xénero:
| 20 / 9 / 2023Hoxe é o día que o primeiro disco longo de Mondra, ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) sae á luz. Tras presentar varias das cancións que forman parte deste disco ao longo dos pasados meses o artista de Teo publica hoxe nas plataformas dixitais este disco composto por dez temas, producido por Berto e editado por Altafonte que tamén se distribuirá en formato CD de edición limitada na que cada copia será única. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interveu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.
Grande Amore presenta o seu segundo disco
Xénero:
| 14 / 9 / 2023Desde hoxe xa está dispoñible nas plataformas o segundo disco de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico xunto a Clara Redondo e mariagrep. Baixo o título de "II" e o selo de Ernie Records este traballo ofrece dez temas orixinais dos que catro deles xa foron previamente adiantados: 'Do meu corpo van nacer outros corpos', 'Pelea', 'Onde ela me quer levar' e 'Ben Sabe Dios Que O Intentei'. A proposta de "II" mantén as liñas narrativas do seu disco de debut "Grande Amore" (Ernie Records, 2021), cun existencialismo escuro que retrata a vida contemporánea cotián cunha certa rabia e desesperación. Nuno amósase máis seguro tras do seu paso polos escenarios e festivais e pola acollida que tivo por parte do público nel e iso nótase nesa reafirmación de estilo que é este "II". A nivel sonoro os temas adquiren máis forza e potencia, máis velocidade en xeral.
A Arca da Noe pon á venda o seu primeiro libro-CD
Xénero:
| 11 / 9 / 2023Cando parou a realización de concertos no medio da pandemia pola Covid-19, Noemi Vázquez, responsable da sala A Arca da Noe, en Vilar de Santos, decidiu armar o primeiro libro-CD deste proxecto. A iniciativa, que viu a luz finalmente este verán e está a chegar ás tendas de todo o país, cristalizou no libro-CD Oceanoe. Travessia polo mar das antelas. O volume achega colaboracións inéditas na música galega e lusófona artelladas pola propia Noe que interpretan dezanove temas dos cales a maioría son pezas inéditas, con dúas versións e outras dúas cancións tradicionais.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca