Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
aCentral Folque recupera a memoria musical da emigración a través de Maruxa Boga
Xénero:
| 14 / 11 / 2017A editora e promotora cultural aCentral Folque ven de presentar o libro-disco Maruxa Boga. Recordando a Galicia nun acto no Consello da Cultura Galega. Este volume, que se insire na colección Chave Mestra da editorial, recupera da man de Jesús Blanco Rosas e Norberto Pedro Cirio a memoria da locutora de radio, filla de emigrantes galegos, María Josefina Boga Romaní, máis coñecida como Maruxa Boga (Río da Prata, 1916- B. Aires, 2010), que a través do programa radiofónico Recordando a Galicia divulgou infinidade de músicas xeradas na colectividade da emigración desde 1945, cando crea o programa seguindo a proposta que lle fixera Castelao.
'A viaxe de Yoyo' saca os sons de DOUS a pasear polo mundo
Xénero:
| 10 / 11 / 2017Fernando Abreu e Pablo Carrera, DOUS, presentan o seu terceiro traballo discográfico . Coa súa base de guitarra e clarinete, acompañados ao contrabaixo por Pablo Pérez e na batería por Marcos Vázquez, DOUS segue explorando a súa propia sonoridade de fusión de jazz e swing nesta “viaxe” que os leva pasar por ritmos de Brasil, África ou Europa do Leste nos seus nove temas- paradas. O disco, resultado dunha campaña de crowfunding, foi gravado no Estudio Planta Sónica 2 (Vigo) con Pancho Suárez e mesturado nos Estudios Cormorán (Santiago de Compostela) con Ramón Campos. Cinco anos pasaron desde o seu anterior disco (Autoeditado, 2012) e nove desde o seu debut discográfico con Só son sons (Flacatruada, 2008). En ambos traballos amosaron a súa aposta pola fusión de estilos e ritmos acadando unha personalidade musical propia e distinguible. Hoxe venres, 10 de novembro, estarán actuando na Agrupación de Amigos do MARCO de Vigo, como parte dunha acción en apoio desta institución.
O Val das Mouras pon música á Rosalía máis reivindicativa en 'A Xustiza pola man'
Xénero:
| 7 / 11 / 2017O quinteto de L'Hospitalet de Llobregat con raíces galegas O Val das Mouras ven de presentar o seu segundo disco de estudio A xustiza pola man (la Cúpula Music) no que recuncan na obra de Rosalía de Castro, cousa que xa fixeran no seu anterior e primeiro disco Rosalía (Cases de la Música, 2015). O Val das Mouras é una formación de pop celta formada por cinco artistas e cunha proposta baseada sobre textos da poeta Rosalía de Castro. En A xustiza pola man o grupo escolle aqueles textos da autora sobre abusos do poder, inxustiza social, a explotación ou a emigración. Voz, frauta, guitarra, violoncello e percusión son as súas bases propias pero no disco engádense ademais gaitas, instrumentos da tradición galega, acordeón e teclados. Nos once temas deste traballo achegan diferentes ritmos. Xota, muiñeira, pop ou ska mestúranse coa súa evidente referencia folk. O disco xa pode escoitarse en Spotify e a distribución está dispoñible en outras plataformas dixitais.
Paco Nogueiras lanza a súa particular emisora con Radio Bulebule
Xénero:
| 6 / 11 / 2017Logo do éxito de Brinca vai!, o que obtivo o Premio Martín Códax da Música na categoría Infantil, Paco Nogueiras presenta o seu novo traballo. O medio radiofónico inspira os doce temas de Radio Bulebule, un libro-CD-DVD que publica a editorial Kalandraka con ilustracións de David Pintor e uns videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo dirixindo que, unidos, forman unha curtametraxe. Os ritmos variados predominan nunhas cancións que se artellan como a grella de programación dunha peculiar emisora. Sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica teñen cabida, con cadanseu tema, neste proxecto.
Volven Igloo co novo traballo 'Aquellos maravillosos daños'
Xénero:
| 2 / 11 / 2017Igloo volven pero nunca marcharon, Aquellos maravillosos daños (La Alianza Rebelde Producciones, 2017) é o sexto longa duración da súa prolífica carreira, dous anos despois do seu anterior disco Igloo2 (2015). Xa pasaron anos desque os de Caldas de Reis se fixeron un oco na escena musical indie e alternativa formando parte incluso do cartel dunha das primeiras edicións do Festival Sinsal cando era un evento urbano en 2008. O proxecto Igloo segue adiante e moi vivo doce anos despois do seu primeiro disco homónimo Igloo (2005) e estes días comeza a presentación do seu novo traballo gravado e producido por eles mesmos e editado por Ernie Records.
Banda Crebinsky lévanos ao Zirkus Affe
Xénero:
| 31 / 10 / 2017Un achegamento ao son de raíz mediterránea e á música rai e hindú marca o terceiro álbum de Banda Crebinsky. O grupo autoproduce Zirkus Affe, un proxecto no que explotan a ambientación circense e incrementan as letras en galego. A voz de Serxio Zearreta colle protagonismo e comparte micro con Vadzim Yuknevich nun proxecto que conta coas colaboracións de Carlos Castro, Nuria de León ou Jerry Noia. Fernando Abreu Fernández nos clarinetes, Enrique Otero aos teclados, a guitarra de Pablo González, os baixos de Pablo Pérez, Miguel Queixas á Batería e Xacobe Lamas no violín completan a formación, que estreou o disco cun concerto na sala Capitol o pasado mes de setembro pero que xa adiantaran boa parte dos seus contidos en recitais ao longo do verán.
Alejandro Vargas, Rosa Cedrón e Camerata Egeria homenaxean a Chané
Xénero:
| 27 / 10 / 2017O pianista cubano Alejandro Vargas e a cantante Rosa Cedrón capitanean Chané na Habana, o disco en homenaxe ao coñecido compositor galego que acaba de ver a luz da man de aCentral Folque e a Deputación da Coruña a coincidir co centenario do músico. O proxecto, que se puido ver ao directo este verán na Coruña e en Compostela reivindica a totalidade da obra do compositor desde a perspectiva da música cubana. Unha reinterpretación na que Vargas e Cedrón se acompañan de dezaseis músicos de catro nacionalidades, entre eles o trompetista cubano Myquel González e varios membros da Real Filharmonía de Galicia reunidos na Camerata Egeria, todos eles baixo a dirección artística de Ramon Pinheiro.
O Museo do Pobo presenta Dispostas para cantare
Xénero:
| 19 / 10 / 2017O musicólogo Sergio de la Ossa foi o responsable de seleccionar as vinte e catro pezas que conforman Dispostas para cantare. O Museo do Pobo Galego presentaba onte este libro-CD no que recupera unha selección de pezas sonoras dos milleiros que custodia o seu Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI). Romances, coplas, cancións de voda ou de sega, xotas ou muiñeiras cantadas polos propios informantes en diferentes recollidas de sons populares conforman este interesante traballo sobre a tradición musical galega que sae á luz en colaboración con Bodegas Martín Códax.
Andrea Pousa inicia a súa carreira en solitario con Respirar
Xénero:
| 18 / 10 / 2017A Casa Galega da Cultura, en Vigo, acollía onte o acto de presentación de Respirar, o primeiro álbum en solitario de Andrea Pousa. Logo de quince anos nos escenarios en diferentes formacións e dunha intensa carreira a facer dúo co Bruxo Queiman, a cantante inicia a súa carreira individual cun disco que se mantén nas coordenadas líricas dos seus anteriores traballos. Unha selección de temas propios en galego, castelán e portugués mesturan, segundo a presentación do traballo, "lirismo, tradición, vanguardia, popular...", a se completar cunha versión da coñecida Negra Sombra. Nani García encargouse da produción e da gravación deste álbum, que se presentará ao vivo cun concerto no Teatro Afundación de Vigo este 26 de outubro.
Os John Deeres presentan o seu segundo disco '20-20'
Xénero:
| 16 / 10 / 2017Xa está en todas as plataformas o novo disco da banda Os John Deeres, 20.20. Os da Estrada presentan neste traballo editado baixo o Netlabel O Toxo Rabudo oito temas en galego de “hard rock” sen concesións, pensados claramente para levar a un directo enérxico e electrizante. O tema de presentación, Rendición, xa dispón de videoclip. As letras van da temática social (Entre fronteiras, A sombra de ti, Dourado veleno) ao macarrismo (Inevitable); da superación dos propios límites (Cara adiante, Tan forte, tan lonxe) á conciencia de que ás veces só queda deixarse levar pola nosa parte máis escura (Rendición, Espiral). Segundo comentan desde O Toxo Rabudo sobre o disco, "con 20-20 os John Deeres atoparon o seu lugar. Despois dun primeiro traballo inaugural que recollía temas de case unha década tocando xuntos, con 20-20 a banda dá un salto cara a un son máis directo e cru, máis compacto e máis achegado ás súas bandas de referencia dos 70". O disco pódese descargaur xa que está baixo licenza Creative Commons. A banda estará o vindeiro día 21 no festival grelo Folc de Monfero presentando en directo o seu novo traballo.